A invasión dos ultraportátiles

A invasión dos ultraportátiles

O programa Escuela 2.0 do Ministerio de Educación, aprobado polo Goberno de España en setembro de 2009, ten como obxectivo, para os vindeiros catro anos, "a transformación das aulas tradicionais de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de Secundaria en aulas dixitais dotadas con encerados dixitais e conexión a Internet, nas que cada alumno traballará cun ordenador persoal ultraportatil". Este curso, a Xunta apuntouse ao programa baixo o nome Abalar, e puxeron en marcha a maquinaria propagandística para vendernos o produto e incluso facernos crer que o inventaran eles. Pero detrás dos grandes titulares e das múltiples fotos do conselleiro de educación nas "aulas dixitais" do proxecto Abalar está a realidade das aulas, que vai máis alá da chegada dos ultraportátiles e da apariencia.

En educación, as reformas e cambios parten dunha idea que pode ser orixinalmente boa. Logo faise lei ou decreto e xa está. Con iso pensamos que xa vai funcionar. Non se financia axeitadamente e sobre todo non se ten en conta aos principais axentes do cambio e dos que vai depender o éxito ou o fracaso das novos cambios na educación: os docentes. O primeiro debía ser contar con eles para aquelar a reforma ou a innovación que se quere implementar; logo, un proceso profundo de formación previo á implantación das novidades educativas. Aquí, outra volta máis, reitérase a práctica habitual: lánzante a piscina e xa aprenderás a nadar.

Os dous últimos exemplos: o decreto do plurilingüismo e o proxecto Abalar. Sobre o primeiro -cínguíndonos só á aprendizaxe de linguas estranxeiras- véndese antes de telo mercado. Véndese que imos introducir a lingua estranxeira en materias non lingüísticas en todo o país como por arte de maxia; de contado van aparecer os miles de profesores de materias non lingüísticas con suficiente competencia na lingua estranxeira, con interese en impartir a súa materia nesa lingua, co esforzo non recompensado que isto supón, e con case nula formación específica previa ou sen proporcionarlles uns materiais de referencia que animen e fagan o camiño máis doado. E poñémoslle o nome de "centro plurilingüe" [sic] a institutos nos que só se imparte unha materia en un grupo en inglés. E xa conta nas estatísticas dos éxitos da Consellaría.

Mais imos ao Abalar: póñense patas arriba varias aulas dos colexios e institutos cando está a rematar a primeira avaliación (alumnado ao patio, encerados de xiz prohibidos polos técnicos, ...) para facer as instalacións "necesarias" e poder venderlle á opinión pública que os ordenadores xa están listos nas aulas para seren utilizados só con tres meses de retraso. Pero apenas existen contidos e o profesorado non está formado nin se vai formar en serio; logo dun cursiño "virtual" de 50 horas impartido por un profesor do centro que se supón que recibiu outro curso, que se agarda que faga o profesorado cos ordenadores na aula? O cursiño vaise desenvolver no que queda de curso, e hai profesores que con dificultades teñen coñecementos básicos do manexo dun ordenador.

E que vai pasar o vindeiro curso? Vanse dotar outras tantas aulas? E o seguinte? Catro anos ao ritmo orzamentario deste? Hai recursos? Porque dentro de catro anos, haberá que comezar de novo a renovar equipos (os que duren catro anos!). E se non, cal é o plan B? Montamos de novo o encerado e retomamos o xiz?

As experiencias previas de implantación das TICs (Tecnoloxías da Información e da Comunicación) nas aulas ao longo destes anos tiveron unha sorte moi desigual, case sempre vencellada ao voluntarismo do profesorado e/ou ao esforzo dos equipos directivos. Así, hai centros nos que aínda hoxe a sala de ordenadores é un lugar misterioso ao que se vai como premio moi ocasionalmente e con moito coidado de non estragar nada, ou que -indo aínda tecnoloxicamente máis atrás- o vídeo non é un recurso pedagóxico, senón un entretemento ocasional ou para días especiais. Moitos profesores que o intentaron tamén acabaron aborrecidos, pois se invertía moito tempo e esforzo en cousas tan aparentemente simples como conseguir que os ordenadores arranquen correctamente para que todo o alumnado poida traballar ou que o proxector de vídeo funcione sen empregar a metade do tempo da sesión para conseguilo. Parecen cousas menores, pero o cotián das aulas é importante. E desde logo, o mantemento dos equipos informáticos e audiovisuais é un tema pendente. Moitos cartos de equipamento están botados no lixo porque a Administración se lavou as mans neste asunto. E isto xa nos leva a falar da realidade das aulas e o Abalar.

Un sinfín de incógnitas aparecen ao pensar como vai ser o día a día das aulas cos ordenadores. Xa sei que moitos destes interrogantes se irán resolvendo... outros xa veremos. Cada mañá o alumnado collerá o seu miniordenador e o colocará no seu pupitre. Deste xeito, apenas poderá colocar algo máis enriba da mesa. Claro que pode que non o necesite, pois non sabemos aínda que vai pasar cos libros convencionais e cos cadernos e os bolígrafos. Ou vai resolver os exercicios de matemáticas no ordenador? E que vai ocorrer cando caia un ao chan e rompa? E cando non funcione algún? Haberá que modificar a programación de aula para ese día? Ou apartamos ao alumno ou alumna afectado? E non me atrevo -agardo a que alguén mo explique- a entrar na cuestión dos contidos de cada materia, pero cústame pensar como un alumno ou alumna resolve un problema de física ou matemáticas no ordenador, sen papel e lapis. Outra cousa é utilizar o ordenador para visualizar a situación que se plantexa cunhas bonitas animacións e simulacións, ou ver un vídeo que veña ao caso.

E aínda menos son quen de visualizar como o alumnado vai traballar logo na súa casa; cando menos en Galiza, os ultraportátiles non se poden mover das aulas (para que entón son tan pequenos, con esa mini pantalla para crear futuros miopes?), e por tanto, como estuda e fai as súas tarefas o alumnado? Só na aula? Só os que teñen un ordenador propio e con conexión a internet na súa casa? Isto aínda ninguén nos explicou como se ía resolver.

Eu agardo que boa parte destas reflexións sexan mostra de que quen as fai non foi suficientemente formado para subirse ao carro do máis moderno e fica pendente convencelo das súas bondades e de que a formación dos futuros cidadáns vai mellorar con isto, pero que o camiño é o correcto e que estas e moitas outras preguntas que irán xurdindo teñen resposta. A competencia dixital é imprescindíbel, posibelmente igual que a aprendizaxe do inglés (abandono o eufemismo de linguas estranxeiras), mais non debemos esquecer que o fundamental é aprender a pensar, a saber vivir na nosa sociedade dun xeito solidario e participativo, conseguir a madurez intelectual e humana suficiente para sermos críticos e podermos contribuír a mellorar a vida na nosa terra e no noso planeta. E non teño claro que a invasión dos ultraportátiles signifique avances nestes aspectos en función do investimento económico que esixen, e moito menos do xeito que se está a facer, con criterios basicamente mercantilistas e propagandísticos, e coma sempre sen contar co profesorado, actores -polo de agora- insubstituíbeis nos procesos formativos.

Estas son só algunhas cativas reflexións iniciais dun tema que ha ter moito percorrido. E oxalá que sexa para ben e os interrogantes aquí plantexados teñan resposta acaída. Oxalá que no seguinte artigo sobre o tema podamos alabar o Abalar e deixemos de abalalo.