A Inquisición e o Panteón de Galegos Ilustres

A Inquisición e o Panteón de Galegos Ilustres

Terra de cegas adoracións e oracións, a que algo reclama, a que ten como insignia, sobre o branco e o azul suaves, un cáliz de viño e un anaco de pan a compartir. Pais con milleiros de xordos padroeiros e veneradas santiñas, ás que teimudamente recorremos. Paraisos perdidos con nostalxia dun Breogán, dun Prisciliano ou Arturo anovador...que remata facéndose hostil santo cabaleiro matachín. Peregrinaxe, viacrucis, desagravios, ascese... Señor, aparta de Nós este cáliz, que se quere colmar de provocacións.

Pese á vocación de Galiza e de Compostela, a tanta Historia e mitos, acontece o contrario. Cun fins simbolizados pola vieira, estrela, encrucillada, romaría, vello cemiterio, Quíntana que abre portas para escintilar camiños de encontro, feira e diálogo. Lección a impartir. Así se veu facendo e así nos recibe a imaxe do íntimo do Mestre, sentado, baixo as limeiras do pórtico do seu templo e sobre o seu sartego, panteón de reis de Galiza. Legado material e espiritual que require sensibilidade, que compre manter e mellorar. Encontros do que nace o Verbo, a relación, os idiomas, a cultura. O camiño faise o andar e polas súas obras coñecerémolos. A Igrexa que se simboliza no Cristo escarnecido que todo da e se entrega para confundirse co Pan e co Viño do traballo compartido perde o camiño: desencontro, enredo, provocación, división, anormalidade.

O templo de Santo Domingo de Bonaval é parte do convento, continente e contido de Historia: Consagrado no 1.230, obras seguidas especialmente no Barroco, entón mecenadas polo mexicano arcebispo de Compostela Monroy, para ter presencia aquí grandes arquitectos: Domingo de Andrade, Leonel de Avalle, Gaspar de Arce... para abrirse a Compostela despois do camiño, no popular barrio das lendas do "Home Santo", da rúa de San Pedro, das costureiriñas, das lembradas " Marías", do gaiteiro Basilio Carril, das canellas da Caramoniña que soben a Santa Clara, onde o escultor Asorey co saber dos canteiros divinizou Galiza. Mosteiro que se di fundado nunha das súas dúas peregrinaxes, polo mesmísimo santo predicador de saio, rosario i espada contra as herexías de herdo maniqueo oriental, Domingos de Guzman, mendicante que tiña como lema "contemplar i ensinar". Obra iniciada baixo a protección dos Condes de Altamira. Altares onde se venera a imaxe pétrea e polícroma da Virxe de Bonaval que inspirou a xograres, berce do trobeiro do século XIII, Bernal de Bonaval que con Fernando o Santo participou en campañas contra mouros; onde no século XIV, Vicente Ferrer sermonou, para logo coller camiños da Bretaña megalítica e céltica. Nun altar consérvase a reliquia da varanda de ferro do púlpito daquelas amedrentadoras prédicas de diluvios e inferno.

Arquitecturas que apuntan ó ceo, para acoller medos e amortallalos de esperanza, templo-panteón do máis florido da fidalguía, emparentada coa casa de Altamira: Moscoso, Ulloa, Andrade, os Condes de Maceda... testemuño dos avatares históricos, de contubernios fidalgos e do clero, do desacougo irmandiño, da desamortización do 1835, do abandono e da recuperación, cunha capela ben coidada e a súa parte exterior que é cemiterio privado da Cofaría do Rosario, para médicos, cadeirádegos, comerciantes, ó que se accede pola antiga Porta de Bonaval, presidida pola imaxe da Virxe sobre aquel epígrafe que conta a lenda do milagre polo que o ferreiro Xoán Tuorum se liverou da forca, despois de implorar á imaxe un "ven e valme..."para axiña caer morto no mesmo portal, probando así a súa inocencia.

A finais do Romanticismo unha nova iniciativa parte dos galegos en Cuba, á que se suma a Sociedade Económica de Amigos do País, sendo seu presidente o xurisconsulto, discípulo de Brañas, Xoaquín Díaz de Rábago, a de non deixar arruinar e converter o templo de Bonaval en espazo laico, "Panteón de Galegos Ilustres". O sentimento galego, a xenerosidade e a "suscripción nacional" fixo o demais:"...al que seguirán en todas las capillas, por voto del pueblo gallego, otros monumentos semejantes y dignos de la Historia". Os restos de Rosalía, finada no 1885 foron trasladados no 1891 con todas as honras e pese ó sentir dos padroneses, dende o cemiterio de Adina en Iria a Bonaval, á Capela da Visitación, a que fora antiga Sala Capitular do convento e logo dedicada a Santos Domingos de Suriaso . O Arcebispado de Compostela, guiada polas sombras da tradición inquisitorial, novamente atráncase nos camiños de Galiza e mesmo nega a oración fúnebre. E non damos "a esquecemento da inxuria...". Pouco mais tarde tamén pasaron a esta mesma capela as cinzas daquel que co verbo aguillaba a labregos i universitarios, o que recuperaba o berro irmandiño "Deus fratesque Gallaecia", ou o de "Érguete Galiza e anda...como en Irlanda..." as do catedrático Alfredo Brañas, finado no 1900, o que inicialmente fora enterrado no cemiterio da Confraría do Rosario no mesmo Bonaval. Tumbas feitas co sentir romántico, historicista decimonónico, a de Rosalía obra de Xesús Landeira, a de Brañas de Raúl de La Torre. Por todo declárase o conxunto Ben de Interese Cultural (30/12/1912) co conseguinte amparo administrativo .

Panteón de Galegos Ilustres , con algo de desacougante catacumba de silencios e humidades, farol de luces e sombras tristeiras, punto de encontro para os que a "nosa voz entenden", cada tardiña do 25 de Xullo, xa en anos de censuras, para unha misa en galego, e para outros rituais de retórica, incenso e loureiro. Nos anos sesenta o Concello de Compostela faise cargo deste espazo e dende o 1977, cando inauguración do Museo do Pobo Galego, unha das aspiracións de Castelao expresada nos seus mitins, agora retomada polo Colexio de Arquitectos de Galiza, polos herdeiros do Seminario de Estudos Galegos, da Xeración "Nos" e de moitos bos e xenerosos... abrira estes espazos a Galiza e ós galegos. No 1984, na capela inmediata, a que fora da Veracruz e logo do Santo Cristo, acollerá os restos de Castelao, traídos dende o exilio en Bos Aires, quen deu todo seu saber e facer por dignificar Galiza.

Os poderes públicos non se preocupan e unha Igrexa que semella adoecida ou desnortada, parecéndose máis á dós mercadores e preiteantes, volta a ser dona e señora, e quere selo tamén dos egrexios defuntos e das vellas arelas. A mesma que en tantas ocasións apártase do idioma e mesmo da Misa en galego, pero que xoga cos sentimentos, que administra as esmolas ós santiños das nosas intimas devocións, á que, seguindo tradicións se lle entrega o X na súa casiña da declaración da renda, coa que se colabora en retellar templos, manter espadanas.... reclama e por unha sentenza xudicial, gaña e recobra os espazos de Bonaval que no 1835 pasaron a ser laicos. Mal aval. O Arcebispado solicita as chaves do templo ó Concello Compostelán e ante a sorpresa, o 11 de maio do 2010 pecha o recinto até agora que se toma conciencia e movilización colectiva, para asinar un convenio renovable coa Xunta, coas conseguintes condicións de uso e a creación dunha comisión mixta. Namentres desacougo, descreto e división.

O Panteón de Galegos Ilustres debe estar aberto, seguir a mesma tradición dos "bos e xenerosos" que lle deron os seus creadores e os xerentes do Museo do Pobo Galego, os que dende anos atrás xa viñan advertindo ó Parlamento da "necesidade de desbloquear a situación do Panteón de Galegos Ilustres, para dignificalo e darlle contidos acordes co seu nome". No 2008 renovouse o acordo, tratouse de involucrar na cuestión ó Consello da Cultura Galega, á Real Academia Galega, ós diferentes padroados e fundacións relacionados cos defuntos do Panteón... Portas abertas para a educación, para explicar esa parte da divindade que temos que é a Arte, as letras e os que a cultivan. Algo así dixo o máis grande dominico que era Tomas de Aquino. Sartegos con "po enamorado" : Rosalía, Brañas, Castelao, Cabanillas, Asorey, Fontán...algúns deles desenterrados, desterrados dos cemiterios que amaban:

"herbiñas do camposanto,
donde meu pai se enterrou,
herbiñas que biquei tanto,
terriña que nos criou..."


cantou Rosalía, como Cabanillas ó seu Cambados natal, no Fefiñans, onde quixo estar, para deixar como derradeira vontade que no seu sartego puxeran este epitafio:

"Quero na lousa que me de sosego
esta palabra que ten aas:
poeta,
e esta palabra que ten luz:
galego.

O Castelao rianxeiro seguirá á luz da raiola da "Alba de Gloria", da Galiza que está onde estea o seu idioma, que tanto significa e nos distingue, feito de aventuras e desventuras no camiño. Baril idea a da Asociación de Escritores en Lingua Galega neste 15 de Xullo, 125 anos despois do pasamento de Rosalía -e nun ano Santo Xacobeo pretencioso e choco- a de conmemorar o traslado dos seus restos dende o camposanto de Adina a Bonaval, para avivar memoria do que seguimos a SER.