A importancia dos Grupos de Barrio para unha organización política
O traballo de rúa ao carón da xente, cos movementos sociais, que tanto caracteriza ao BNG, converte en alicerce fundamental a acción política nos barrios das cidades e vilas galegas. Neste contexto faise vital para unha organización ter unha estrutura organizada en Grupos de Barrio, tanto para a súa actividade propia como para o desenvolvemento de actuacións e actividades acordadas polas propias Asembleas Locais e a Dirección Nacional e local.
Dentro da estrutura organizativa política nunha cidade ou vila convértese en prioritario a constitución de Grupos de Barrio nos que esta se poda dividir atendendo a criterios sociais, históricos e económicos. Estes grupos formados pola militancia do barrio teñen que ser os encargados de dinamizar as actuacións políticas no mesmo, desenrolando unha actividade propia vinculada a aspectos particulares da zona, pero tamén como brazo executor das actividades acordadas tanto pola asemblea local como polos órganos de dirección locais, comarcais e nacionais.
Ao tempo a militancia organizada en barrios ten que ser a imaxe da organización entre a veciñanza, servindo de canle de recepción e de percepción dos problemas de todas e todas centrados no barrio, así como tamén de problemas xenéricos e situacións limites e inxustas, pulsando continuamente a vida veciñal, participando dela e converténdose en referente das veciñas e veciños.
Estas inquedanzas, problemas e iniciativas poderán así ser trasladadas á representación institucional no concello, no Parlamento de Galiza, no Parlamento do Estado, no Parlamento Europeo ou a calquera outro escenario onde se dispoña de presenza política, así como tamén aos propios órganos de dirección.
Para elo resulta fundamental que a persoa nomeada pola propia militancia do barrio como responsábel do grupo teña presenza efectiva no órgano de dirección local, no Consello Local. Deste xeito poderá transmitir coa súa presenza o pulso social, a realidade do día a día, a problemática no barrio, así como propor actuacións, ademais dos que a súa propia e necesaria autonomía na súa actividade no barrio desenvolvan.
Consecuentemente os Consellos Locais poderán estruturar a súa actuación política por barrios, coordinando eficazmente a mesma en tempo e forma e contando ademais con estruturas puntuais nos distintos lugares da cidade.
Precísase que a militancia estea activa e que mellor base de actuación, a parte de todas as outras, que no seu propio barrio, nos problemas diarios, participando do movemento veciñal. Un ou unha militante ten que sentirse ilusionad@, facer parte do traballo diario da organización, ver as súas apartacións e ideas consideradas.
Para acadar a soberanía do pobo galego hai que traballar desde abaixo no día a día, de persoa a persoa, de actuación a actuación, transmitindo ideas e argumentos á veciñanza, aos amigos e amigas, aos compañeiros e compañeiras de traballo, á familia. Construíndo nación, nunha palabra.
Os e as militantes e como tales formando parte do seu grupo de barrio teñen que ser referente e recoñecidos polas veciñas e veciños que os teñen que ver como persoas receptivas que escoitan e están atentos e atentas as distintas situacións sociais e problemas do día a día e que consecuentemente van a poñer os medios para canalizalas axeitadamente e aplicar todo o seu esforzo e traballo.
A integración da militancia en grupos de barrio e a súa coordinación coa dirección e a propia asemblea locais aumentará a eficacia e eficiencia do traballo político, da presenza na rúa e nos distintos movementos sociais e veciñais.
Por último comentar que o traballo militante tamén se ten que desenvolver formando parte dos movementos veciñais que tantos ataques están a sufrir ultimamente polo Partido Popular que intenta anulalos polo que de canle de expresión popular significan. As asociacións veciñais teñen que volver a cobrar a vida que tiñan noutros tempos difíciles e o nacionalismo tense que facer responsábel disto.