A importancia da Sociedade da Información no desenvolvemento de Galiza

A importancia da Sociedade da Información no desenvolvemento de Galiza

Na pasada lexislatura correspondeu aos nacionalistas no Goberno a xestión e responsabilidade neste eido, desenvolvéndose unha brillante tarefa que, sobre todo nas TIC, precisaba dunha continuidade a longo prazo para poder obter os resultados acaídos. Lamentablemente este paréntese actual conservador paralizou e rachou todo o desenrolo a cambio de custosas presentacións de plans baleiros de contidos e concrecións.

Foron moitas as actuacións realizadas na pasada lexislatura propostas e comezadas a desenrolar polo PEGSI (Plan Estratéxico Galego da Sociedade da Información), Plan substituído na actualidade pola falta de definición da Axenda Dixital de Galicia. Entre as actuacións nacionalistas sublíñanse a creación da Rede de Dinamización da Sociedade da Información, a construción e posta en marcha da plataforma tecnolóxica de servizos á PEMES, a creación de Mancomun, centro de referencia e servizos de software libre, o apoio ao desenvolvemento ao sector TIC, a creación do clúster TIC, as infraestruturas wimax de banda larga en concellos, o logro do préstamo sen xuros do Estado de 99 millóns de euros para o despregamento da banda larga e a TDT, varios convenios de impulso ao idioma en medios electrónicos, viveiros de empresas e moitas outras.

Unha importante labor estratéxica ten que ser a da dinamización e formación tanto da poboación como das propias empresas, e para elo foi creada a Rede de Dinamización con múltiples centros espallados polo territorio dotados de dinamizadoras e dinamizadores que foron prestando un impagable servizo cara á minimización da fenda dixital e que agora atópanse na rúa. Estes centros, de innegable éxito, aos que acudían multitude de persoas, víronse pechados cara a creación dunha fantasmagórica rede de centros CeMIT, onde os concellos vense obrigados a adquirir unha serie de custosos compromisos, entre eles os traballadores e parte do seu soldo, e que para colmo atópanse nunha situación actual na que os trámites legais farán que non podan ser abertos nun prazo aínda sen determinar.

Hai que lembrar que o Parlamento de Galiza aprobou, por unanimidade, unha moción, a respecto destes centros, na que se especificaba que a contratación do persoal tiña que ser sostible no tempo, que terían que reducir a fenda dixital nas pemes. micropemes, no medio rural, nos maiores e nas mulleres, e que deberían ter ademais como ferramentas de software os estándares abertos e os contidos en galego. A dia de hoxe todo isto está no aire.

A importancia do despregamento da Banda Larga en Galiza, dificultada pola súas características orográficas particulares, é un dos eixos fundamentais do que ten que ser a actuación da administración. Para elo o préstamo acadado polo anterior executivo. Estas cantidades corren perigo de ser detraídas cara a actuacións partidistas en outros eidos e a cambio se propón un Plan director de banda larga que non deixa de ser unha declaración de intencións confusas en canto a orzamentos e paralizadas na actualidade.

Necesita Galiza a transferencia de competencias relativas á utilización da banda de espectro radioeléctrico coas que fora posible establecer unha rede galega de banda de espectro que permita a banda larga en mobilidade, nun escenario de utilización da tecnoloxía 4G. En outras palabras utilizar parte do espectro que queda libre polo apagamento da TV analóxica en espallar a banda larga aos sitios nos que a orografía galega o fai difícil. Esta petición foi levada ao Congreso dos Deputados polo BNG, rexeitando o Goberno do Estado esta xestión compartida coa Xunta do espectro, negativa que non se entende pois xa se fixo coas licenzas de TDT e radios dixitais de carácter autonómico e local, onde foi a Xunta de Galiza quen as concedeu.

Esta xestión do espectro en canto a posibilidade de licenzas de telefonía móbil galegas tamén foi levada ao Congreso polo BNG, esta vez con éxito, xa que foi aprobada por unanimidade unha proposición non de lei que abre esta posibilidade xa que insta ao goberno a que nas próximas modificacións regulamentarias da xestión do espectro se valore a posibilidade de que o uso de frecuencias teña como territorio de asignación as Comunidades Autónomas. Isto é fundamental para que por fin o medio rural galego teña acceso de calidade a internet de banda larga xa que a tecnoloxía sen fíos é a máis axeitada para este obxectivo.

Na xestión do espectro, independentemente da lexítima aspiración a reclamar a transferencia, hai que lembrar a asignación de sede para a Axencia Estatal de Radiotelecomunicacións na que Galiza conta con aspiracións, importantes no seu momento pero que parecen perder forza polo interese catalán. O Parlamento de Galiza en marzo de 2008 aprobou unha PNL por unanimidade na que se pide no seu punto quinto que Galiza sexa sede da citada Axencia que se encarga de xestionar o espectro radioeléctrico.

A respecto de organismos autónomos necesita Galiza con urxencia varios. Ineludible a creación do Instituto Xeográfico Nacional que coordine toda a cartografía do territorio e a sirva á administración, empresas e particulares evitando as múltiples actuacións ao respecto. Andalucía, Catalunya (Institut con moitos anos e moi desenrolado) e Valencia xa contan con el. Necesítase a Axencia Galega de Protección de Datos adaptada ás nosas características de poboación, xa existen as de Catalunya, Madrid e Euskadi. Ademais demándase unha Autoridade Galega de Certificación, as competencias de control no cumprimento dos servizos de Telecomunicacións e unha Oficina Galega para as TIC móbiles que sexa capaz de xestionar o compromiso entre a alarma social xerada pola instalación de antenas e a súa necesidade.

A posta a disposición da cidadanía da posibilidade de realizar os seus trámites diante da administración por medios electrónicos é unha obriga legal que deben cumprir tanto a Xunta como os concellos, requirindo para elo unha coordinación que a administración autonómica ten que liderar mediante un órgano de coordinación que garante a interoperabilidade interadministrativa. Na actualidade, os concellos con medios e as deputacións teñen que realizar actuacións individuais dada a incapacidade de coordinación que está mostrando a Xunta máis alá de definir plans (eConcellos) que, como todas as demais actuacións, vense afectados por unha parálise realmente preocupante. Mentres, funcionarios verdadeiramente capacitados dos que dispón a administración vense parados polos responsables políticos que encargan labores que tiñan que ser desenvolvidas por estes, a empresas externas. A Xunta ten que garantir que concellos sen medios técnicos e económicos podan ofrecer tramitacións electrónicas.

Outro proxecto estratéxico, que forma parte do programa estatal "Escuela 2.0", sería o que en Galiza deron a chamar Abalar. Este proxecto dotaría aos estudantes de portátiles cos que traballar e ser formados. Moi importante aquí é a definición dos contidos a instalar, incluído o sistema operativo, que teñen que ser de calidade, en estándares abertos e en lingua galega. A única nova que temos ao respecto é a desproporción na dotación de equipos dos centros concertados respecto aos públicos, alegando peregrinas desculpas que mesmo ofenden a profesionalidade do profesorado.

Quedando outros asuntos importantes para outra ocasión, deixamos para o final a TDT, na que temos dous aspectos a considerar, a cobertura de todo o territorio que hai que garantir ofrecendo ademais axudas para aquelas zonas nas que é preciso a recepción por satélite, e as emisoras tanto autonómicas como locais, asunto este de gravidade especial, xa que foron adxudicadas polo goberno de Fraga en funcións despois de perder as eleccións. En definitiva, novos medios de comunicación afines a determinada opción política.