A ideoloxía das contas públicas
Xa estamos moi afeitas a que desde o poder, político,institucional e mediático, se utilicen as contas públicas para servir aos intereses aos que representan. Vimos como se utilizou a trécola do déficit e da débeda, que na súa xestión pouco tiña que ver co gasto público, para xustificar a necesidade de realizar todo tipo de recortes no gasto público, por suposto centrados nos servizos públicos esencias para que sexa máis doado entregalos á especulación e ao negocio privado. Vivimos, por varias veces xa, como se torcen os datos da seguridade social para xustificar reformas do sistema de pensións que non teñen outra orientación que obrigarnos a deixar en man dos fondos e dos bancos o noso sustento cando xa non sexamos útiles como forza de traballo.
Esta tarefa resulta bastante doada cando todos os poderes, creadores de opinión, institucións repiten insistentemente o mesmo discurso, mesmo con argumentos aparentemente diversos e porque xogan con que a maioría de persoas destinatarias desa mensaxe non temos nin datos nin formación para poder contradicilos, incluso ponderalos. Nin sabemos nin temos porqué.
Nestes días estamos ante un outro, que non novo, intento de manipulación masivo consistente na utilización das contas públicas para asentar, aínda máis, a idea de que a España grande e unha é a única alternativa posíbel para un futuro viábel.
Sospeito que a publicación das chamadas “balanzas fiscais” por parte do Goberno Central é unha resposta á crecente onda soberanista catalá aínda que ignoro se conseguirán o seu obxectivo de inocular na sociedade catalá a idea da súa inviabilidade á marxe desa España uniforme. Mais por desgraza do que teño a certeza é que nun pobo tan pouco orgulloso de seu e tan falto de autoestima coma o galego as afirmacións tan rotundas en canto á nosa dependencia de Madrid poden ter o efecto de asentar a idea da nosa inviabilidade colectiva. Este efecto resulta aínda máis devastador cando esa premisa se repenica con entusiamo desde o propio país, de boca do seu goberno máis tamén de quen presume de encarnar a alternativa rupturista.
Non pretendo facer aquí unha análise das balanzas fiscais. Sería temerario porque carezo da información, da formación e dos coñecementos necesarios para abordalo cun mínimo de rigor. Só pretendo logo de ler o que ten escrito quen si entende e estuda desde o rigor e de comparar os seus resultados cos “oficias” facer unha lectura dunha lega na materia das principais perversións nas que incorre o españolismo para crear esta ilusión ideolóxica ao servizo dos seus intereses.
Estas balanzas son froito da aplicación dun sistema de financiamento das Comunidades autónomas que xa está deseñado para que o seu resultado lle sexa favorábel. Un sistema centralista na xeración de ingresos, no que a capacidade de recadar, de lexislar nesta materia, lle compete practicamente en exclusiva ao Estado central e no que o gasto nas partidas máis cuantiosas (servizos sociais básicos: sanidade, educación, servizos sociais) lle corresponden en exclusiva ás Comunidades autónomas. De por si esta concepción xa connota as relacións. O Estado que xenerosamente lle dá as Comunidades para manter os seus servizos.
Pero parece que isto non lle abonda ao españolismo para manter a idealización do deseño. Se temos en conta que as balanzas fiscais, para entendérmonos os que non entendemos estas cousas, veñen a ser a diferenza entre o que o Estado recada en Galiza e o que gasta en Galiza, cumpríalle para pechar o artificio facernos algunha trampa en cada un dos conceptos e que de paso Madrid resulte ser a “máis prexudicada” do sistema.
Ademais das dificultades e debates técnicos acerca de cómo se debe facer a imputación territorial no que non vou entrar, por razóns obvias, existe un feito que vemos incluso as que non temos ollos para os números. Como é posíbel que do Imposto de Sociedades se derive que os e as asalariadas madrileños perciban o 21% do total de retribucións do Estado? A explicación é ben doada, en Madrid aséntase a sede de máis da metade das grandes corporacións e empresas de todo o Estado, incluídas por suposto as galegas. Así grandes empresas que temos por “galegas” que producen, contaminan, espolian en moitos casos en Galiza, resulta que tributan en Madrid sen que iso contabilice no noso haber. Por se alguén ten a tentación de pensar que isto son veleidades de nacionalista, remítome ao informe da asociación de técnicos de facenda (Gestha) que veñen de denunciar que o deseño das balanzas fiscais “inflan o déficit fiscal de Madrid”.
Este é só un dos moitos exemplos. Resulta evidente que con este sistema tributario moitos impostos que deberían imputarse como ingresos galegos non o fan e polo tanto consolidan a idea de que somos un país pobre, con poucos recursos e con pouca capacidade de xerar ingresos para manter os nosos servizos.
Polo lado dos gastos do Estado en Galiza, do que “España nos dá” tamén hai trampas dabondo. Desde imputarnos gastos militares, da Coroa, de institucións con sede en Madrid e que en nada reverten en Galiza, ou imputarnos a parte da débeda que din que nos corresponde polo rescate de Bankia, polo déficit tarifario das eléctricas, por citar só algúns.
En conclusión, e utilizando os exemplos domésticos que tanto lles gustan aos próceres da patria, é como se na miña familia todas as persoas traballan pero os ingresos están domiciliados todos na miña conta, pero os gastos ten que costearse cadaquén os seus. Iso si eu son quen calculo o que lles compre para os gastos ordinarios e doullo a primeiros de mes, e se compre xenerosamente aínda lles dou “un fondo de solidariedade” no caso de que chova e precisen cambiar as sandalias por botas, ou a rebeca por abrigo. Logo impútolles por igual a todos a parte que considero que lles corresponde pola factura da electricidade, auga, gas, impostos, arranxos e algún que outro luxo co que me agasalle. O resultado, quédanme a deber!!
Isto é o que fai España con nós. Estáfanos e dinos que lle quedamos a deber.