A historia que nos rouban: Fernando de Castro
Fernando de Castro foi un dos representantes máis xenuínos da alta nobreza laica galega no século XIV. Tiña unha ascendencia familiar de clara tradición e raizame no país, nada menos que vinculada ao rei García e os Condes de Traba. O seu pai foi Pedro Fernándes de Castro, educado e identificado coa Corte do rei Dinís de Portugal. Á súa vez protagonizou, con exércitos galegos, a conquista de terras andaluzas, como vasalo do rei de Galiza, León e Castela, Afonso X do noso país e XI de Castela. Non foi bo o seu entendemento con este monarca, precisamente por discrepancias estratéxicas cos deseños políticos da monarquía. A nai de Fernando foi Isabel Ponce de León, de terras de Vilanova dos Infantes, centrais desde o século IX, como berce da oligarquía nobiliaria que controlaba o que, na historiografía oficial, pasa por Reino de Asturias e de León, pero que, na realidade e nos documentos, era o Reino de Galicia e León. Até o século XIV, un importante sector desta nobreza é mellor denominalo galego-portugué, pois a súa actividade, presenza territorial e vínculos políticos hai que situalos a ambas beiras do Miño, na Galiza histórica que vai de Ortegal ao Douro. Mesmamente a súa simbiose coa monarquía portuguesa era maior, moitas veces, que coa monarquía á que o reino de Galiza estaba vinculado formalmente. A identificación desta nobreza coa Galiza histórica fundamentábase na riqueza da súa base territorial, na súa identidade cultural e lingüística, nas súas opcións estratéxicas na política peninsular e europea. Exercía como unha verdadeira clase dirixente autóctona, se ben cunha clara vocación intervencionista tanto en Castela como en Portugal, monarquías ás que estaban vinculados mesmo familiarmente. Sen ir máis lonxe, a irmá de Fernando de Castro, Xoana, tamén filla de Pedro Fernándes de Castro e Isabel Ponce de León, está enterrada na catedral de Santiago, figurando como raíña por terse desposado con Pedro I de Galiza, León e Castela. Por outra parte, Alvar Péres de Castro, condestábel de Portugal, e Inés de Castro, enterrada tamén como raíña no mosteiro de Alcobaça polo seu esposo, o Pedro I portugués, após ser asasinada por causa do seu papel estratéxico na corte de Lisboa, eran fillos naturais de Pedro Fernándes de Castro e Aldonza Lourenzo de Valadares, pertencente á nobreza miñota.
Cal era o deseño estratéxico desta clase dirixente autóctona? Lograr a unidade de Galiza e Portugal para logo conseguir unha unidade monárquica, sob a figura dun mesmo rei pertencente á clase dirixente galego-portuguesa ou que compartise o seu deseño estratéxico, con Castela, baixo hexemonía occidental, atlántica. Fernando de Castro representa no reino de Galiza, que funcionaba como principado, pois sempre estaba á súa fronte un infante da familia real ou membro da nobreza galega con ela emparentado, esta opción política de forma consciente e valente. Na práctica era o Vicerrei de Galiza, como xenuíno conde de Trastámara, Sarria, Lemos, Cabreira e Ribeira, ademais de Adiantado Maior do Rei Pedro I nos reinos de Galiza e León, e Capitán Xeral dos exércitos reais. Fernando levantou un amplo movemento galego e popular a favor do deseño estratéxico indicado. Fixo de Galiza o bastión da resistencia a prol de Pedro I denominado “el Cruel” na historiografía oficial, fronte ao mal chamados Trastámara, o futuro Enrique II, representante da oligarquía de base castelá-andaluza, durante a guerra peninsular de mediados do século XIV, mestura de conflito entre reinos-nacións e clases sociais, cuxos resultados foron determinantes para a futura configuración política da Península Ibérica. Asasinado o rei Pedro I, e controlados Castela e León polos falsos Trastámara. Fernando de Castro, á cabeza do petrismo galego, non dubidou en proclamar rei de Galiza a Fernando I de Portugal, que chegou mesmo a instalarse na Coruña e acuñar moeda alí en 1370. A adhesión da inmensa maioría de Galiza a Fernando de Castro é subliñada por todos os cronistas de entón, resultándolles aos historiadores de agora estraña, de tela en conta. Fernando de Castro era partidario de favorecer o comercio; nos núcleos urbanos onde exercía xurisdición había importante presenza xudía; a súa alianza cos burgueses de cidades como Santiago foi constante para aminorar o poder do Arcebispado; tiña, seguindo unha tradición familiar, respecto polo pluralismo relixioso, cultural e lingüístico. Non o movía ningún espírito de cruzada contra os musulmáns e toda a documentación que conservamos por el asinada está en lingua galega. Verbo da Igrexa soubo diferenciar entre os membros da nobreza eclesiástica que eran fieis ao país e os que servían, como traidores, á causa dos falsos Trastámaras. Neste caso, estaba o arcebispo de Santiago, o castelán Suero Gómez de Toledo, que foi axustizado en 1366 na Porta Faxeira ou nas escaleiras da catedral por descendentes de familias que tiñan sufrido as súas tropelías e roubos. Contaban coa anuencia, o beneplácito de Fernando de Castro e o propio rei Pedro, que así o decidiran na Asemblea celebradas en Monterrei, días antes. Podería facerse un filme impresionante sobre esta cuestión, pois nela pode sintetizarse a dinámica social e nacional a que caracterizaba Galiza naquel momento histórico, en grande parte moi pedagóxica e ilustrativa para os tempos de hoxe.
,A importancia e a actuación política de Fernando de Castro é de tal natureza que a Paz de Santarém- 1373- entre Fernando de Portugal e Enrique II de Castela obriga o portugués a expulsar do seu reino o dirixente galego e todos os seus seguidores, contando cun ítem específico para a súa persoa. Embargados os seus dominios na Galiza e expulsada a súa familia deles, usurpados os seus títulos por estranxeiros casteláns da nova monarquía, obrigado a exiliarse en Inglaterra, seguiu desde alí traballando a prol do seu deseño político, agora preparando unha intervención anglo-portuguesa na Galiza. Non se produciu en vida del. Chegaría en 1386. Non sabemos nin a data exacta da súa morte, para uns en 1375 e para outro en 1377. Tampouco sabemos onde está exactamente soterrado, por máis que se sinale, entre outros lugares, Bordeaux e Bayonne, a Francia inglesa entón...
Non sei se os lectores teñen reparado na falta de nomes propios, singularizados, cando se fala do noso pasado, acorde coa nosa inexistente historia política, tanto nas versións progres como carcas. O país, a nación que nunca existiu, nin sequera cando foi centro dos reinos peninsulares occidentais e referencia central do mundo cristiá para a España musulmá. Porén, a realidade foi moi outra. Esta á que vimos de aludir é só unha miudeza nun mar de ocultacións, manipulacións, apropiacións indebidas e mentiras, argalladas a maior gloria da construción de España a costa da nosa eliminación e indignidade, que lastran a nosa conciencia histórica, deformándoa e anulándoa para a submisión. Por desgraza a historia de Portugal foise escribindo tamén a base da ocultación, en particular do papel desta clase dirixente galego-portuguesa. Interesadamente, a versión dominante portuguesa atribuíu a Inés de Castro estar ao servizo da causa castelá, como se ela fose desa nación, condición que se lle apuña mesmo, até hai pouco, na información que se fornecía no mosteiro de Alcobaça, felizmente mudada pola de “nobre galega”. Naturalmente, para poder presentar a nova Casa de Avis como xurdida da reacción popular a prol da independencia en Aljubarrota fronte as pretensións de Castela, sen ningunha vinculación coa nobreza galego-portuguesa que tanta influencia tivo nesta cuestión tamén, obvian, entre outras moitas cuestións, que o novo rei Joâo I, fillo bastardo de Pedro I de Portugal, foi educado polo galego-portugués Nuno Freire de Andrade, seguidor de Alvar Péres de Castro, irmán de Inés e conde de Arraiolos en Portugal, e que a súa nai era tamén unha nobre galego-portuguesa miñota, Tareixa Lourenzo de Quer...
Lembro que, cando estudei a guerra entre Pedro I “el Cruel” y Enrique de Trastámara, no bacharelato e na Universidade, non escoitei nin unha soia palabra sobre Galiza, tampouco sobre Fernando de Castro. O noso papel foi non só relevante, senón central no conflito. O mesmo podemos dicir, e aínda con máis razón, de todo o período que vai desde o século VIII ao XIV. En todo caso, aqueles exiliados galegos, con Fernando de Castro á cabeza, morreron lonxe da súa patria, e foron esquecidos na historia contada por outros. Non ten ningunha consecuencia tanta desmemoria e ignorancia?