A historia inmóbil?


Non adoito caír no pesimismo -máis ben penso que o único que sei facer é predicar moral patriótica-, mais, ás veces, confésolles ter a impresión de que a historia se inmobilizou ou que, inclemente, se repite, para mal noso, vítimas dunha inmisericorde rotina españolizadora e exasperadas-os pola lentitude de tantas mudanzas necesarias que a nosa nación precisa e merece. Ben sei, claro está, que se a reiteración se produce non é por inercia, senón por funcional a todo o aparato de poderes a quen convén que a Galiza, o galego, os seus signos todos non aparezan ou o fagan de xeito convenientemente secundarizado. Permítanme sacar a pasear algúns exemplos do reino mediático dominante.

Hai unha semana inteirámonos de como Dª Flora Pérez Marcote (esposa de D. Amancio Ortega-Inditex) agasallou cun “traxe de recibir” á Casa-Museo Pardo Bazán. O traxe é reprodución do “traje de recibir” que lucía Emilia Pardo Bazán nunha fotografía publicada a principios do século pasado, na revista Los salones de Madrid e foi feito a man por Álex Regueiro, con seda e tule de algodón bordado. Un luxo de traxe, vamos…, que loce soberbo como a muller que luciu un igual no seu día, en paseo triunfal por salóns de Madrid ou da Coruña e que se engade ás magníficas instalacións de que dispón este Museo, que é, como se sabe, o albergue tamén da Real Academia Galega, na rúa Tabernas da Coruña. Suxiro ás leitoras e aos leitores deste artigo (re)leren a escacharrante escena de El caballero de las botas azules, de Rosalía de Castro, en que o Duque conversa coa aristócrata apuradísima porque mesmamente non lle deu tempo a comparecer ante el co “traje de recibir”… Moralexa: hoxe, como hai 120 ou 130 anos, Rosalía de Castro estranxeira na súa patria (Francisco Rodríguez dixit) e a Condesa triunfando en vida e post mortem. Tamén suxiro ás-aos que leren que comparen a estatua restaurada de Dª Emilia, nos xardíns dos Cantóns coruñeses, coa dedicada a Rosalía, nun lugar de case imposíbel acceso-vista, na saída da cidade. Ben é certo que, polas súas condicións económicas, Rosalía nunca podería deixar en herdo o que non tivo: casa propria, para ser restaurada, enfeitada e aproveitada para usos actuais, mais, por iso mesmo, as institucións que se din galegas algo, bastante máis poderían e deberían facer para dar a coñecer, valorar e glorificar o seu insuperábel legado. En fin, unha Condesa segue a ser unha Condesa, aquí e na revista Hola, e un barco insignia do sistema como Inditex así o recoñece. Moi ben. Todo en orde.

Segunda anécdota. D. Román García Varela, maxistrado, é galardoado con unha das medallas Castelao. ¿Sobre que e sobre quen escrebe nada menos que unha plana inteira de prensa nun xornal da Coruña? De touros e tauromaquia. Compón unha crónica onde se espraia na “simpática pugna” que mantivo nun restaurante de Madrid co tamén letrado Francisco Navarrete, ambos en retesía erudita para ver quen entendía máis e mellor da “fiesta”, perdón, da barbarie… Non deixa de nos informar de que toureiros como Manolete ou outros de sona, sendo neno, lle brindaron senllos touros nas súas faenas. Saberá quen foi Castelao este señor? ¿Terá idea de como, aínda tendo debuxado o pre-Castelao un debuxo taurino ou o público dunha tarde de touros en Pontevedra, mesmamente se estrea como o Castelao definitivo cunha estampa, publicada n´ A Nosa Terra, en 1917, onde o paisano exclama, ante o cartaz anunciador da tourada: “¡Lástema de bois!” ¿Saberá que o personaxe cuxo nome é manipulado para dar nome ás medallas que premian a súa antítese dedicou toda a súa vida adulta a combater firmemente todos os símbolos, rituais e prácticas do españolismo imposto e a significar en positivo, coa súa cultura peculiar e específica, a Galiza? Pois ben, na Coruña, hoxe, aínda temos de reclamar do Concello que deixe de subvencionar espectáculos de morte taurina: barbarie e españolismo da man…

Terceira, tamén recente. É entrevistado a toda plana o arquitecto portugués Eduardo Souto de Moura, con apelidos que, como se ve, non o emparentan co galego, senón co alemán, polo menos. Entrevista íntegra -perguntas e respostas- en español. Ben sei que o entrevistado puido falar en portuñol, o particular castrapo que tanto gosta practicar aos nosos viciños, mais non sería moito horas de que se reproducise unha entrevista en portugués, sen perigo -asegúrollelo- de que ninguén tivese que acudir ao oftalmólogo ou, como mínimo, en galego? Máis exclusión, máis fábrica inducida da necesidade imprescindíbel do idioma oficial do Estado, a despeito de todas as evidencias xeográficas, históricas, culturais e, por suposto, lingüísticas. Seguimos. No día 15 pasado, andamos alumnas-os da Universidade da Coruña e unha servidora por terras de Rianxo e de Pontevedra (e, desde aquí, reitero o agradecemento ás-aos representantes dos respectivos concellos que nos facilitaron guía e información con gran competencia e atención). Magnífica restauración da casa de Manuel Antonio, en Rianxo, cun museo ben organizado grazas aos bons oficios de Xosé Luís Axeitos Agrelo; perfeito aspecto exterior da casa de Rafael Dieste; deplórabel fasquía da casa de Castelao, precisada de millenta melloras. Simbólico, nonsí? ¿Cantos anos -ou décadas- máis teremos de agardar para que haxa acordo entre D. Xavier Baltar, albacea, e as institucións atinxidas: Xunta, Concello, Fundación… e se proceda a convertela en visitábel, dignamente tratada e restaurada? Desde aquí, fago pública a proposta que enviarei ao mesmo alcalde da formosa vila rianxeira: ao menos, que na fachada fique ben á vista unha tea grande, un macro-cartaz permanente que dé conta de quen alí viveu e da importancia –unhas poucas frases- que a súa vida, obra e transcendencia teñen para a Galiza actual.

En Pontevedra, para alén do centro histórico, tamén visitamos o Museo e, con el, o que será sexto edificio do mesmo. Soubemos que Manolo Quiroga, o extraordinario violinista que Castelao retratou e até nomeou no seu Sempre en Galiza vai ter sala propria, xunto co mesmo Castelao. Este edificio inaugurarase, supoño, cando Dª Deputación Louzán, señora do PP, quixer, mais a pergunta é: ¿estará realmente ben tratado Castelao, con tanta e tan rica obra gráfica, pictórica, artística… como ten? ¿Haberá a posibilidade, dunha vez por todas, de o contemplarmos e o valorarmos en toda a súa enorme e magnífica obra? ¿Seguirá a ser raleada toda esta riqueza e valor da cultura galega mesmamente na cidade que el tanto amou?

Aínda máis. O pasado día 16, a Real Academia Galega celebrou, na Praza de María Pita da Coruña, a presidida polo magnífico edificio do Concello, un acto conmemorativo dos 50 anos de celebración do Día das Letras Galegas, con actuación da Banda de Música da cidade, intervencións de alcaldes, alcaldesas, mozos e mozas de varios lugares galegos asociados a un dos Días das Letras e parlamentos do secretario e mais do presidente da institución. ¿Representación netamente política? O alcalde da Coruña e o Presidente da Xunta. Nen representantes dos grupos municipais do Concello coruñés, por exemplo, como cidade anfitrioa, nen membros dos grupos parlamentares do Parlamento Galego (¿a RAG é unha institución local ou é unha institución galega?) nen nada fóra dos mencionados. ¿Hai vida política fóra do PP?, cabe perguntar. Non é que estexan só os que, polo seu cargo, debían estar, e non estexan os que, tamén polo seu cargo deberan estar e non estaban convocados. É pior, porque se dá a circunstancia non menor de que os mencionados, un e outro, son conspicuos representantes da EXCLUSIÓN da lingua galega, que, segundo todos os ditames expertos, é a que dá vida á literatura galega. O alcalde da Coruña e o seu goberno non é que minimicen a presenza do galego, é que o exclúen totalitariamente da política municipal. E aínda ten D. Carlos Negreira o atrevemento de discursear: “Estades aquí na Coruña porque existe unha nova irmandade da fala entre os fillos de Galicia. Nace do amor ó galego como lingua aberta e de convivencia” (¡!). Unha cidade que, con anacronismo vergoñento e continuidade españolista-franquista, segue a ostentar no seu nomenclátor urbano nomes como os de “Arteijo”, “Lage”, “Puentedeume” ou “Rianjo”!, sen que nengunha das súas corporacións se aprestase a corrixir semellante desfeita. “Lingua aberta e de convivencia”, segundo o alcalde. Cerrada e de confronto a que eles practican; como digo, por ausencia total da lingua galega na práctica municipal. Non asistín ao acto e, por tanto, non puden dicer isto en vivo e en directo, como noutras ocasións fixen, así que recollo informacións de prensa, onde non vin reflectida a prevista información final do Presidente da Xunta, polo que non sei se acudiu ou non. En todo caso, que celebre a literatura galega quen lexislou (nunca tal se viu en goberno nengún merecente de tal nome) contra a propria lingua que, entre outros elementos, lle dá de comer e en virtude da cal existe algo chamado xunta de bois, perdón, Xunta de Galicia, róncalle a zanfona, como di a frase feita.

E así seguimos… E, con este panorama de fabricación-consolidación dunha realidade deformada, aínda hai quen se admire da pouca conciencia galega que existe ou do vagarosamente despacio que avanza a política con sentido e acento galego. Madia leva! Aínda non sei como respiramos… Por todo isto -realismo, e tamén, optimismo obriga- son tan de agradecer espazos informativos como este mesmo, Terra e Tempo, ou como Sermos Galiza, que, a pesar de ser un naipelo, xa se pronuncia con forza e veracidade. Parabéns para eles e para todos os que, como eles, retratan a Galiza outramente.