A hipocrisía da democracia occidental
Escribo este artigo o día que se cumpren nove meses exactos do atentado contra o semanario Charlie Hebdo. Os humoristas da publicación tíñana tomada con Mahoma, a quen ridiculizaban con groseiras caricaturas, ousadía que resultaba un sacrilexio para os seguidores de Alá. Foron once as vítimas mortais, e outras once as que resultaron feridas. Durante varios días a noticia foi portada en todos os xornais. Convocouse unha manifestación en París, que os datos oficiais cifraron en dous millóns de asistentes, concurrencia similar á da última Diada de Cataluña. Cousa nunca vista foi que da pancarta da cabeceira termaban os xefes de Goberno de varios países europeos. Igual que séculos atrás se mobilizou a cristiandade para rescatar os Santos Lugares do dominio sarraceno, os mass media transmitían a idea de que había que iniciar unha nova Cruzada contra dous fanáticos musulmáns armados con fusís de asalto e que, empezando pola toma da Bastilla, puñan en perigo a pervivencia da civilización occidental.
Como non podía ser menos, o atentado foi tamén carnaza para os tertulianos da televisión, prestos a desenfundar as armas en defensa do sistema. Sobre este tema xa escribín no seu momento. No debate afloraron ideas de xenofobia, culpando ao Corán de contidos ideolóxicos homófobos e misóxenos, versión moitos deles de conceptos presentes na mesma Biblia. Non esquezamos que as dúas relixións, a da Meca e a de Roma, parten do mesmo Libro. Cunha diferenza. A primeira xestouse no útero de Agar, a muller escrava, e a segunda foi alertada por Sara, a esposa lexítima de Abraham. Desde Ismael, o fillo espurio, vén a xenreira que divide a prole do patriarca bíblico. Postos a especular con interpretacións, podemos deducir que a orixe do conflito está na lexitimidade da descendencia. A que naceu no tálamo nupcial, e a que leva o estigma da escravitude por vir do ventre dunha barregá. Perdoádeme a digresión. Ben sei que os argumentos utilizados polos politólogos non proceden dos libros escritos polos profetas senón dos códigos impostos polo poder omnipotente do sistema imperialista.
Non houbo que agardar a que se cumprise un ano para que se cometese un acto terrorista de maior envergadura. O bombardeo do único hospital que había na cidade afgá de Kunduz. Mellor dito, unha vil canallada protagonizada polo exército americano. Fronte aos once mortos de París, os vintedous de Afganistán. As vítimas francesas eran humoristas que, amparándose na lexítima liberade de expresión, utilizaban o lápiz para ferir sensibilidades relixiosas. As do hospital de Médicos sen Fronteiras (MSF) eran profesionais que se adicaban a salvar vidas, ou doentes que esperaban curarse no centro no que foron masacrados. Non todos os mortos son iguais. Lembro as sonadas e inoportunas declaracións do Ministro do Interior, que avaliaba o resultado dun enfrontamento entre a policía e membros de ETA do seguinte xeito: "Vencemos por tres a dous". Palabras que deron moito que falar, incluso entre os seus correlixionarios. Aplicando nós a mesma imaxe podemos concluír que ianquilandia nesta ocasión venceu por goleada, aproveitando que na portaría á que disparaban a súa carga mortífera non tiña gardarredes.
,Analisemos os feitos aproveitando os datos que a prensa suministrou a contagotas, como xogando ao acocho co lector. En principio atribuíuse o ataque a que no centro hospitalario se escondían talibáns, versión retirada axiña, pois esta escusa convertía o bombardeo nun acto de barbarie criminal, como máis adiante demostrarei. Máis pueril resulta achacalo a un erro militar. Valería a desculpa de non se prolongar os ataques durante máis de media hora despois de estaren avisados os mandos dos dous exércitos do que en principio o MSF consideraba unha confusión. Unha a unha ían caendo as argucias militares, expertas en armas pero precarias en dialéctica. Volveuse entón ao argumento dos danos colaterais, concepto cuñado no Pentágono para enmascarar o terrorismo bélico. Pero dáse o caso de que non hai constancia de que ningún dos edificios limítrofes fose tocado, o que ven corroborar que o hospital era o obxectivo escollido pola aviación do país que se arrogou o papel de redentor da humanidade, esquecendo que a súa historia comezou eliminando a poboación indíxena a tiros de revólver. Parodiando o xogo dos submarinos, a lóxica tumbou este argumento dos agresores. A liberdade deles retratouna ben Castelao substituíndo por un xeado o facho da súa man. Un país no que a civilización e a cultura se cotiza en dólares.
Agardaremos, até o caso se esqueza, polas informacións exhaustivas prometidas por Obama, cando aínda estamos esperando coñecer os autores do asasinato de Kennedy. Obviamente, non se precisa ningunha mentira máis. Instrumentalizando os medios de comunicación, o sistema instalou no cerebro da mentalidade occidental un robot que funciona a través dos impulsos transmitidos polos ordenadores do Wall Street. Comprendemos así as reaccións diferentes ante os sucesos de París e de Kunduz. Nun caso de alarma, de carraxe, de clamor, e no outro de apatía. En contra da opinión dos que foron criados con pelargón de supermercado, vou dar a versión dos que mamamos leite de vaca marela, sen os aditivos cos que sae adulterado dos centros de transformación. A aviación americana bombardeou o complexo sanitario non por sadismo, como se podía esperar dun pobo que se divirte matando nenos e profesores nas aulas dos colexios. Non vou tan lonxe. Coidaba que no hospital había talibáns, e que se aproveitaban da inmunidade dun edificio amparado pola lexislación e os convenios internacionais. ¡Irlle falar de dereitos a unha democracia que non recoñece ningún que non se poida enfiar polo cu dunha agulla! Reparemos en Guantánamo, emulación dos campos nazis de concentración, e que o Presidente actual prometerá cerrar no primeiro ano do seu mandato. Como se non fose notorio que o bastón de mando non está na Casa Branca. O Estado ianqui é o único que ten o privilexio de vender como auga bendita os ouriños que vai mexando despois de encherse de cervexa.
Chegou o momento de buscar as causas da retirada da primeira versión que circulou. Imaxinemos que dous atracadores asaltan unha entidade bancaria e toman como reféns aos empregados e ao público alí presente. De seguido acoden as tanquetas e os helicópteros da policía e destrúen a bombazos o edificio para acabar cos ladróns, matando a destra e a sinistra, tanto a reféns como asaltantes. ¡Vaia barbaridade, diremos nós! Pois isto foi o que aconteceu en Kunduz, cunha diferenza. Entre as vítimas había médicos, enfermeiros, varios doentes e algúns nenos. Pero non apareceu aínda ningún talibán. E o clamor dos que se manifestaron en París o once de xaneiro segue sen abrir a boca. Nin a ONU, nin a OTAN, nin os Estados membros saíron a dar a cara. Unha desgraza. Máis ben dito, unha vergoña de pertencermos a unha civilización en estado de descomposición, que merece suicidarse da maneira que o fixo Hemingway, disparándose un tiro cos propios excrementos. Merda ten de sobra en todas as súas institucións.
O día do atentado pola noite escoitei a noticia nalgunha televisión, non sei en cal. Non lle daba maior importancia ca reseña dun accidente de tráfico sen vítimas nunha estrada secundaria. Pensei que a ausencia de comentarios era debida á carencia de datos fidedignos. Agardei que o suceso fose tema de portada nos xornais do domingo, tendo en conta os antecedentes do ataque ao semanario francés. Nada diso. Aparecía en todos unha pequena referencia en letra pequena, a dúas columnas como máximo, nas páxinas de internacional. Do tratamento que lle deron á noticia deducíase que pretendían ocultar un feito que fedía. Rapidamente fuxiron del coma se fosen pisando brasas. Pero como non hai mal que por ben non veña, o trato discriminatorio servíunos para quitarlle a máscara a uns medios de comunicación que se escudan no lema da obxectividade. Aos que non temos aínda instalado o chip que o sistema colocou no sector social consumidor da telelixo valeunos para dar firmeza aos nosos convencementos. Sospeito que a terapia chegou tarde para producir efectos nos xa contaminados polo virus.
Hai algunhas televisións, especialmente tres, adicadas á tertulia política nas horas de maior audiencia. A uns amárganlles a cea e a outros axúdanlles a facer a dixestión. O acontecemento do Charlie Hebdo ocupou as pantallas durante varios días. A pé feito fun zapeando dunha emisora a outra por ver se a masacre de Afganistán era obxecto de debate nalgunha delas. Silencio absoluto. Continuaban dándolle ao tema de Cataluña, que xa estaba quedando algo reseso. A ocultación da traxedia é lóxica nuns medios que se consideran cómplices por seren os responsábeis da comercialización do chip. Nas escolas de xornalismo forman titulados en moderar debates. Aparentando neutralidade, deben coñecer e manexar as mañas de apagar a voz do discrepante que cumpre na pantalla a función de contrapunto. Hai que aparentar pluralismo para que o peixe poida picar o anzol. Existe unha peculiaridade que se repite e que non sei a que criterios pode responder. O rostro repelente de moitos destes especialistas. Parecen escollidos a través dun casting.
Confiaba consolarme coa reacción das forzas de progreso. Mal chamadas así, pois levan anos en permanente retroceso. As mobilizacións de antes substituíronas agora polos comunicados de prensa. Algo é algo. Para os que arelamos o cambio do sistema son un síntoma de que o remol continúa aceso na conciencia dun sector social. Nin sequera ese pequeno alivio. Sumidos estamos en tal escuridade que nos leva a pensar que a solución está nas feces que utilizou o autor de Por quen dobran as campás para liberarse dunha doencia irreversíbel.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.