A herdanza de Feixóo
Tras meses de especulacións e cábalas xornalísticas finalmente sabemos que na Galiza haberá adianto electoral. A data non veu marcada por unha decisión autónoma de quen preside a Xunta, senón polo adianto das eleccións vascas e a necesidade de Raxoi de despexar o terreo para os duros recortes que prepara o seu goberno.
É tempo pois de facer balanzo, de avaliar que significou o goberno de Feixóo para Galiza. O resultado non pode ser máis desolador e desastroso. Tres anos e medio do PP deixan á nosa milenaria nación nunha situación crítica. En Galiza só medra o paro, a emigración, as débedas e a desigualdade social. Os datos son demoledores: estamos en recesión económica; case se duplicou a taxa de desemprego, que medrou desde o 2009 por riba da media estatal; o índice de produción industrial está en caída libre, tendo un dos peores comportamentos do estado; todos os sectores produtivos (agro, naval, pesca, automoción, textil...) presentan unha situación límite; as desigualdades non fixeron máis que medrar, medio millón de persoas viven por debaixo do limiar da pobreza... Así poderiamos seguir, analizando variábeis sociais e económicas cunha conclusión clara e común: a situación lonxe de ir a mellor, ten empeorado sensibelmente.
Feixóo só foi eficaz naquilo que é nocivo para Galiza: nos ataques á nosa lingua e cultura, na privatización de servizos públicos, no recorte de dereitos e colaboración submisa con Madrid no proceso de recentralización política. A súa subordinación política levouno a aceptar e colaborar con decisións que danaron os intereses de Galiza e debilitaron ao noso país á hora de enfrontar a crise. Podemos poñer como exemplos paradigmáticos a aprobación dun sistema de financiamento inxusto e discriminatorio ou o proceso de desaparición das caixas galegas, con resultados ben coñecidos.
,Con semellante folla de servizos é normal que intente desviar a atención e que utilice de maneira masiva a mentira e a propaganda. A pregoada austeridade non se aplicou ás campañas de publicidade da Xunta, ás que destinou miles de millóns de euros. Os medios de comunicación públicos funcionaron como terminal do goberno e do Partido Popular. Sobre os medios privados, afogou economicamente aqueles que presentaban unha liña crítica co gobernou e sentenciou a toda a prensa escrita en lingua galega.
Estamos, sen dúbida, ante o peor goberno e o peor presidente da historia de Galiza. Mudar de rumbo é urxente se queremos que o noso país teña futuro. O 21 de outubro temos a oportunidade de facelo. Sei ben que a tarefa non é sinxela e que moitos serán os que intenten sementar a desesperanza e o descrédito. Non é novo. O silenciamento e ocultación das alternativas e posicións do BNG foi unha constante durante esta lexislatura que remata. Mais as adversidades son tamén fonte de motivación para traballar con máis forza e empeño. Poñámonos mans á obra!