A greve, “pa´ que”?


... “E mira ti, de que serviu a greve?” A pregunta de sempre, que tanto oístes ao longo destes días... De que serviu? Pois serviu para demostrar que, por moita maioría nas urnas, quen manda é o pobo e que Galiza, unha vez máis en pé, ergueu o puño, pacificamente, contra o roubo de dereitos que tantas bágoas, sangue, suor e anos de cárcere custaron conquistar, porque os dereitos nunca se regalan, conquístanse, e deféndense con unllas e dentes. A greve é a resposta contundente ao saqueo que sofre a inmensa maioría da poboación agochada na escura sombra da crise. O que non serve, de ningunha maneira, é lamentarse, laiarse día tras día polos recortes que levan a meirande parte da poboación ao empobrecemento. Oiríades, tamén, iso de “eu quero exercer o meu dereito ao traballo”. O dereito ao traballo??? Non pode considerarse un dereito traballar cando hai case 300.000 galeg@s en situación de desemprego e cando as persoas asalariadas, @s chamados traballador@s pobres sofren, na meirande parte dos casos, a precarización. Exerzamos o dereito, entón, cando cambiemos o modelo produtivo e cando acabemos coas inxustizas sociais do capitalismo.

As liberdades gañáronse na rúa con greves. Os dereitos das mulleres gañáronse con greven, ao igual que as xornadas das 8 horas, as vacacións ou os descansos semanais (as fins de semana). Tamén se conseguiron mediante greves as baixas por maternidade, as baixas médicas, os convenios laborais, ou os beneficios das achegas á Seguridade Social. Eu aínda estou esperando a que alguén me conte de que serve ficar de brazos cruzados e lamentarse, sen facer máis nada. Quen queira ser escrav@, xa sabe: nada de dereito á baixa por maternidade, traballar de sol a sol 15 horas ao día e todos os días da semana, que se pague o médico e a educación d@s fill@s, que non cobre polos días que falte ao traballo e que non goce das súas vacacións.

Tod@s @s que fomos á greve fixémolo como un acto de xustiza e de decencia, porque arelamos unha sociedade máis solidaria, máis democrática, máis libre e máis soberana. Fomos á greve porque así llo debemos a todas aquelas persoas que lograron que chegáramos a ter unha vida máis segura que a que elas tiveron. Fomos á greve, como nais e pais, irmás e irmáns, paradas e parados, compañeiras e compañeiros, mozas e mozos, empregadas e empregados públic@s... para que tod@s teñamos un futuro digno. Fomos á greve, porque non queremos que se desafiuce persoas mentres se lle inxectan cartos á banca. Fomos á greve porque non queremos que os servizos sociais, a dependencia, a educación e a sanidade se desmantelen. Fomos á greve porque rexeitamos o recorte brutal do gasto público, que nos fai máis indefens@s. Fomos á greve porque non queremos que @s ricos sexan cada vez máis ric@s e @s pobres, máis pobres. Fomos á greve porque non queremos reformas laborais como as do PSOE e o PP, que nos converten en escrav@s ao servizo d@s poderos@s. Fomos á greve contra a perda do poder adquisitivo, que nos leva á ruína e que se traduce en feches de milleiros de PEMES. Fomos á greve porque queremos que paren de saquearnos. Fomos á greve en defensa dos sectores produtivos, porque si, amigos e amigas, Galiza ten capacidade para reaxir grazas aos seus sectores estratéxicos.

A resignación é mala compañeira de viaxe e só a esperanza, o realismo e a dignidade levarannos a saír da crise con xustiza social. A elaboración do pastel da xustiza social é ben doada porque tod@s coñecemos os ingredientes: reforma fiscal progresiva para que pague máis quen máis ten en vez de rebaixarlles os impostos ás grandes fortunas, a loita contra a fraude fiscal, en vez da amnistía para @s defraudador@s, unha banca pública galega que financie os nosos sectores produtivos, en vez de indemnizacións millonarias @s banqueir@s e das axudas á banca, a redución do gasto militar, das achegas á igrexa e á casa real e o dereito dos pobos oprimidos para decidir, libremente, o seu futuro. Así se cociña a sociedade da que gostamos. O éxito da greve xeral do 14 de novembro foi só o comezo. Non podemos darlles un minuto de respiro aos que, por decreto, recortan, empobrecen e privatizan, mentres premian @s corruptos. Caer na indiferenza é o suicidio. Non é hora de choros nin da pasiva resignación. É hora de actuar e de defender os nosos dereitos sociais e laborais. É hora de rebelármonos ante as sementes de inxustiza que agroman no país e ante @s que sementan o terror. É hora da dignidade e da xustiza social.