A gran depresión do século XXI

A gran depresión do século XXI

Nos próximos días, o goberno español anuncia "recortes moi severos", coincidindo coas vacacións estivais da maioría dos/as traballadores/as. Despois de pór en marcha o copagamento farmacéutico e a subida da luz e o gas coincidindo coa final da Eurocopa de fútbol, agora teremos "recortes moi severos" coincidindo cos meses de verbenas.

E case seguro que unha das reformas estivais será a eliminación do IVE reducido do 4% e 8%, que chegarán até o 18%. Neste momento, bens de primeira necesidade como o pan, leite, froitas e verduras, libros ou xornais tiñan un IVE do 4%. O IVE reducido do 8% era aplicábel á maioría dos alimentos, servizos de hostalaría e transporte de viaxeiros así como a calquera entrada para asistir ao teatro ou ao cinema.

Outra das medidas será o despedimento de miles de traballadores/as públicos. O PP recoñece que o goberno está disposto a despedir todos aqueles traballadores/as que non son funcionarios: interinos/as, traballadores/as de empresas públicas, etc, até alcanzar os 80.000 millóns de euros de "aforro". Isto, ademais da destrución de emprego, suporá a privatización da maioría dos servizos públicos. Medidas que aumentarán aínda máis o empobrecemento da maioría social do noso país, en lugar de atallar a crise parando a quen a produciu, que foron os especuladores financeiros. Aquí ninguén vivía por riba das súas posibilidades, eran eles os que gañaban e queren seguir gañando no casino das finanzas mundiais, a costa de empobrecer os principais activos da economía: a clase traballadora, a única que cría riqueza real.

Non sairemos desta crise se non se frea aos especuladores e ao poder financeiro, e mentres os gobernos sigan sendo títeres dos banqueiros. Os gobernos europeos saben que as medidas económicas que están aplicando só buscan seguir mantendo os beneficios do poder financeiro, a costa de eliminar dereitos sociais e políticos e de recortar liberdades.

O crack do 29 obrigou o goberno do EUA a regular o sistema bancario. O presidente Franklin D. Roosevelt promulgaría a Lei Glass-Steagall ou Lei "Banking Act" en xuño de 1933 para controlar a especulación financeira e así evitar unha crise como a do 29. "Prefiro rescatar os que producen alimentos que os que producen miseria" diría o presidente que tiña que afrontar a Gran Depresión. Esta lei obrigaba a total separación entre a banca de depósitos e a banca de investimentos. Tamén creaba un sistema bancario conformado por bancos estatais, nacionais e locais e prohibíalles aos banqueiros a participación nos consellos de administración das empresas industriais, comerciais e de servizos. Deste xeito, pretendían evitar a especulación cos cartos que a xente tiña depositados nos bancos.

A pesar desta lei, os bancos comerciais estadounidenses, con filiais na City Londres, participaron no crecemento dos mercados financeiros até que nos 70 comezaron a modificar a lei que sería derrogada por Bill Clinton en 1999, coincidindo coa fusión entre Travellers e City coa que nacería Citigroup. Así, desaparecía definitivamente a separación entre bancos e empresas de investimento.

Despois da crise de 2008, até o ex-director xeral de Citigroup John Reed, que encabezara o lobby para abolir a Lei Glass-Steaglla, considera que foi un erro e declárase arrepentido do seu papel no asunto.

Mentres que parte do capitalismo máis salvaxe comeza a verlle as orellas ao lobo, desde Wall Street seguen ditando as políticas que a Troika (Comisión Europea, FMI e BCE) se encarga de aplicar e fiscalizar nos países europeos, que xa non teñen gobernos, senón consellos de administración.

Só o BNG en Galiza é quen de defendernos fronte aos vetos aos nosos sectores produtivos e de presentar propostas políticas que lle permitan ao país levantar cabeza: Banca Pública Galega, e apoio aos sectores produtivos capaces de criar emprego e, polo tanto, riqueza.