A globalización do lixo electrónico

Hai anos, cando os primeiros produtos electrónicos chegaron ás casas ou os primeiros teléfonos móbiles aos nosos petos, se se avariaban íamos a un servizo técnico a ver se podiamos reparalo. Actualmente, a electrónica é un dos máximos expoñentes do consumo desaforado e descontrolado que domina o mundo. Se xa non está en garantía, en moitas ocasións non compensa reparar o pequeno electrodoméstico ou aparello electrónico; sae máis caro levar o reprodutor de DVDs ou a impresora ao servizo técnico que mercar un novo, e ademais o que merquemos novo vai ter seguramente mellores prestacións (e non ten desgaste polo uso). Chega incluso ao extremo de compensar ás veces mercar unha impresora nova antes que repoñer os cartuchos ou o tóner da vella. Ademais, os produtos electrónicos son obxecto de desexo consumista: o móbil último modelo, a pantalla plana máis grande, o ordenador máis potente e co máis rápido procesador do mercado. A vida media dun ordenador é hoxe duns dous anos (en 1995 era de seis) e doce meses para un teléfono móbil.
Estas dinámicas de consumo levan á produción mundial duns 45 millóns de toneladas de refugallos electrónicos no mundo cada ano, e cun forte ritmo de aumento debido ao consumo nos países emerxentes. Estímase que en Estados Unidos se tiran máis de 350.000 teléfonos móbiles e 130.000 ordenadores cada día.
A desidia e os altos custos fan que vellos ordenadores, monitores, impresoras, reprodutores de vídeo e DVD, fotocopiadoras, teléfonos móbiles, cargadores, altofalantes, baterías de coche ou fornos microondas de Estados Unidos e Europa acaben en vertedoiros de Asia e África, onde artesanalmente son desmontados para extraerlles os seus aprezados metais, fundamentalmente cobre, ferro, aluminio, silicio, níquel, prata e ouro. Un teléfono móbil, por exemplo, é un 19% de cobre e un 8% de ferro. En 100.000 teléfonos móbiles hai uns 2,4 kg de ouro, máis de 900 kg de cobre e uns 25 kg de prata. Os metais, contrariamente a outros materiais, son reciclábeis indefinidamente case ao 100%.
O procesamento destes refugallos para extraer os materiais reutilizábeis é altamente contaminante e de graves consecuencias para a saúde dos traballadores, especialmente nos nenos e nenos que desde moi novos andan entre o lixo e que manipulan sen protección ningunha os vellos equipos electrónicos. Así abren coas súas mans os cartuchos de impresora, inhalando o seu cisco; queiman ao aire libre os plásticos de arames e carcasas que liberan dioxinas procedentes dos retardadores de chama bromados (utilízanse para previr o lume en fundas e moitos compoñentes de equipos electrónicos) ou os perigosísimos ftalatos, amolecedores de plástico; escachan os tubos de raios catódicos dos antigos televisores e monitores procurando as bobinas de cobre e ao mesmo tempo liberando os perigosos chumbo e cadmio; nas novas pantallas planas e nos tubos flourescentes, libérase mercurio; ou bañan en corrosivos ácidos os circuítos integrados e placas para separar pequenas cantidades de metais preciosos como ouro ou prata.
Moitas destas substancias son acumulativas no corpo humano, a intoxicación prodúcese de vagariño e pode afectar especialmente aos nenos e nenas no seu desenvolvemento cerebral e nos sistemas nervioso e reprodutor. Por exemplo, o chumbo é altamente tóxico e produce nos seres humanos unha gran variedade de efectos, como danos ao cerebro e no sistema nervioso, ou problemas de aprendizaxe e comportamento nos nenos; o mercurio pode producir danos no cerebro e nos sistema nervioso central; os compostos de cromo hexavalente, que se usan nas carcasas matálicas, son altamente tóxicos e canceríxenos; os ftalatos afectan aos testículos en formación, e un longo etcétera.
En Guiyu, ao norleste de Hong-Kong, coñecida como a cidade do e-lixo ou a cidade veleno, as canles de regadío do arroz están agora inzadas de tubos de raios catódicos escachados e de carcasas, e a auga non se pode beber en 50 quilómetros á redonda, pois presenta altos niveis de chumbo, cromo e estaño. O nivel de acidez é tan alto nalgunhas correntes que podería desintegrarse unha moeda dun céntimo nunhas horas. Segundo a Universidade chinesa de Shantou, a cidade ten o maior nivel de dioxinas que causan cancro no mundo e o 70% dos nenos e nenas do Guiya supera os niveis normais de chumbo no sangue, acadando niveis de envelenamento.
As miles de toneladas de material non aproveitábel e que non se queima vai estrando as terras, en montes ou espallados, e pasa a formar parte por séculos das paisaxes destes lugares que até hai uns anos vivían da terra e duns habitantes que nin sequera tiñan electricidade para conectalos.
A industria dos refugallos electrónicos comezou a mediados dos noventa e leva máis de unha década sendo a principal actividade de centos de miles de persoas en China e India (China é o segundo produtor mundial e merca o 70% do lixo electrónico mundial). Nos últimos anos, debido ao maior desenvolvemento destes países, esta florecente e rendíbel industria estase a espallar a países de África como Ghana e Nixeria.
A exportación e comercio de lixo electrónico está prohibido na Unión Europea e en moitos estados, incluído China, desde a Convención de Basilea de 1989. Estados Unidos non o asinou. En moitas ocasións o material electrónico usado é enviado aos países pobres como axuda humanitaria para reducir a “fenda dixital”. Pero entre o 25% e o 75% destes equipos son inservíbeis e non poden ser reutilizados. Malia a lexislación existente, entre o 50% e o 80% dos refugallos de EEUU, Xapón e a Unión Europea transpórtanse a China, India, Ghana, Nixeria ou Paquistán. Tamén parte do material procede do estado español, pois se teñen localizado en Ghana teclados co “ñ”.
Os responsábeis deste desastre son os fabricantes e as administracións públicas. As solucións que se propoñen actualmente son a responsabilidade estendida do produtor, produción limpa e lixo cero. As empresas que fabrican e comercializan os produtos deben facerse cargo deles unha vez rematada a súa vida útil. Isto levaría a unha maior preocupación por reducir os produtos tóxicos na fabricación, pois logo son responsábeis da súa eliminación ou recuperación. Tamén se preocuparían de estender a vida útil do produto, para reducir a cantidade de lixo electrónico. É obvio que o camiño non é fácil, pois a rede está tecida e hai negocio montado na exportación do lixo electrónico e na reciclaxe informal. Cómpre un modelo global de reciclaxe con tecnoloxías sostíbeis e respectuoso coas persoas e o medio ambiente.