A Galiza silenciada e amansada
O medo e a inseguridade son as razóns polas que moitos galegos e galegas votan PP ou un “ curmán de zumosol” calquera de Madrid.
Os debuxos de Castelao están mais vixentes que nunca; os da chamada “Política moderna” inda non chegaron onde el chegou.
O poder do Estado, que non é so o PP –o PP é un dos seus instrumentos- tennos convencidos secularmente aos galegos e galegas dun fatídico pesimismo relixioso que Feixoo predica a perfección dende o seu único e exclusivo púlpito. O control e eliminación dos debates públicos para confrontar alternativas distintas foise reducindo dende os tempos da UCD eliminando un dos piares da DEMOCRACIA. Fíxoo tan ben que os que menos se dan conta disto son case sempre os que se teñen por “ sabidos”.
Un bo exemplo desto foi que resultase novedoso para moita xente (os xornalistas os primeiros) o descubrimento dunha parlamentaria do BNG que xa foi portavoz nun período intenso no Parlamento Galego e que leva anos afrontando importantes responsabilidades parlamentarias e movéndose por Galiza.
O medo, o odio e a ambición ben administrados proporciónanlle ao PP unha morea de votos. Os principios da Inquisición ou do Franquismo actualizados por Feixoo e benditos por unhas pingas de medo e outras de paternalismo e coa mentira por bandeira facilitan uns argumentos que ninguén pode contradicir.
“As verdades compre demostralas, as mentiras non, e mais cando non hai quen chas contradiga, como vemos a diario no Telexornal”.
Dádeme unha televisión, anulade as dos outros e demostrarei que o Papa é ateo.
A aplicación ideolóxica destes fundamentalismos dunha Europa e de unha España una, única e uniformada están sendo instalados en case todo o Estado agás as apostasías nacionalistas, e en Galiza con mais forza. A base desto é un terríbel pensamento ou sentimento baseado e fundamentado no MEDO: Existe un Gran poder ( O capital e a súa liberdade) contra o que non nos podemos revelar (e menos colectivamente); si o facemos virá o caos, o comunismo, os impostos, a crise, a miseria, a guerra; e os nacionalistas cataláns e vascos roubándonos a todos/as.
Para os que teñan unha fe mais cega inda queda outro estímulo. Si seguen a senda que marca Feixoo poderán ser ricos, ter moitas posesións, non axudar a bagos pagando impostos e chegar ao paraíso, ou si se da ben a varios paraísos.
Non me digan que é difícil en Galiza abrazar a relixión deste “santo varón”.
Foi precisamente un emprendedor e compañeiro, Nino de Bama, quen nos aclarou fai anos nunha charla de FRUGA en Sarria porque moita xente en Galiza votaba ao PP. Era o seu ideal, o que eles, elas, querían ser.Xustamente se deron dous feitos socio-políticos relevantes con forza nesa comarca que dan a razón ao cen por cento a Nino: A enorme cantidade de diñeiro que se xogou na rolda portuguesa e a obsesión por criar un sindicato agrario de labregos ricos que ía ser apoiado polo PP e ía lograr impoñer un prezo no leite que os faría empresarios ricos. Algúns xa perderon a fe, a caridade xa a perderon na reforma da PAC e si cadra inda lles queda a esperanza porque segundo din é a que queda para o final.
Non pensemos que rematan aquí as artimañas de enganar a xente dende a extensa rede do poder na Galiza.
A vella e insuperábel técnica de DIVIDE E VENCERAS nunca lles falla. Ao contrario da cantiga aquela os mensaxeiros do PP cantan: “Sempre hai a quen odiar”, sempre hai a quen botarlle a culpa.
Os do PP nisto teñen bo mestre. Vimos algunha vez que Feixoo ou o PP tiveran que ver con algo que estivera incorrecto? Segundo o mesmo mestre; ¿houbo algunha cousa que non fixeramos mal os do Bipartito?
O MEDO QUE METE MEDO: Transmiten en Galiza calquera suceso cunhas artes que levan a xente a pedir vixilancia, represión e castigo; ou sexa: Mais prisións e menos escolas. Orde e man dura; e nada de pensar...
A MERDA COMO ALIMENTO. A xente decátase de que toda a comunicación é mentira, manipulación e un mundo podre. É a vacina perfecta para que comendo merda teñamos fame de mais alimento.
A INFORMACIÓN COMO DROGA: Si nos deixaran tempo a pensar por nós mesmos/as e si exercitáramos a observación e buscaramos persoas coñecedoras e sufridoras das situacións nada coincidiría co que din os “medios”.
Agora si que remato de comprender porque gañou Feixoo. Ate estou tentado a mudar de partido, ou cando menos marearme un pouco. ¡Quedando Galiza como quedou arrasada do Bipartito, que rematara medrando todo o que medrou día a día,que xa debemos chegar ate as Azores e Terra Nova! ¿Como non ía a xente votar ao PP? ¿Como non ía a acabarse o paro? E AGORA O PIOR ;TEMOS QUE PASAR OS GALEGOS A COLONIZAR TODAS ESAS TERRAS VIRXES... ¡E os do BNG que votaremos a favor de colonizalas ou non?
Da que pensar que xente talentosa non coñeza a importancia do “disque” en Galiza... Recordo como se fora hoxe cando escoitei nos corifeos do Centro de saúde do Sagrado Corazón en Lugo, xa en horas baixas de Felipe González (agora ten supoño as accións moito mais altas) como un axente do PP elevaba o ton para dar a súa receita política: “ E sabes que fixo o Felipe González?, deulle 100 millóns de pesetas a súa secretaria...”
Os casos que vou citar de “todos contra todos” son comentarios reais pero poderían facerse libros, xa que oPP conta cunha poderosísima rede de aspirantes a xefes, ricos e dominadores que cunha pequena dose de odio, ambición ou resentimento que lles pique nunha orella esténdense por tódolos lugares públicos e privados do territorio. Moitísimo
peor que a belutina asiática. Un xubilado: - Quen arruína o país son os parados. Tu sabes o que gastan osa parados? Tiven que contestarlle:
“Outros din que son os xubilados”... -
¡Pero os xubilados pagámolo...!
Un funcionario, un autónomo e moitos mais: -
Os labregos quéixanse polo do leite pero é que están afeitos a vivir das subvencións...
Unha xubilada que cos recortes lle recortaron a prestación dun fillo no paro (de larga duración) e votante do PP ela, o fillo e seu home xubilado:
“Claro para nos non hai porque llelo dan aos gitanos”.O bo do caso é que ela dirixíase a CIGA para ver si podían amañarlle o caso.
Un labrego novo nunha charla do Bng nas últimas eleccións.
Tedes que facer algo, os políticos estades acabando cos labregos, principalmente cos do leite. Aclarouselle ben o tema. De alí a oito días estaba na mesa de Rubiás de interventor do PP...
Un funcionario nunha manifestación de protesta nunha cidade galega porque lle quitaban a paga extra:
“Tiñan que desaparecer os partidos e os sindicatos...” -
¿Logo viría unha ditadura, non? Dixen. -
“Pois claro que tiña que vir...”
Non acollamos estas contradicións exclusivamente como galegas e tampouco como rurais nin de xente pouco formada; tres dos citados teñen estudos superiores e a maioría son de cidades, e non esquezamos que un dos mensaxes mais danosos para o avance social, repartido en todo tipo de formatos foi e inda segue a selo o de “fuera la casta....”
Si alguén ten fórmulas máxicas para mudar esta nosa Galiza, esta nosa nazón de Breogán, os que sempre loitamos nesta dirección prestámonos dilixentes a colaborar, pero ollo, trátase de mudar a percepción, conciencia e “relixión” da xente. ¿A que non e pouco o atrevemento dos nacionalistas? A que fai falla moita comunicación directa e algunha mediática tamén para poder vencer este predicamento mesiánico e integrista que nos atufa. Agradeceríamos, e o País moito máis, a simple abstención ou non estorbar as nosas loitas. ¡ao mellor isto último é posíbel; segundo se lle fai un favor ao PP por amor a España, porqué non deixarlle traballar ao BNG por mellorar a auto-estima destas humildes xentes do Noroeste?
-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.