A galeguidade retallada


Ouvín na radio o discurso que o sr. Núñez Feixoo proferiu no acto de pose ou toma de posesión como presidente da Xunta. “Pose” é palabra, por certo, aplicábel ao acto nos seus dous sentidos, mais o que me interesa salientar é que coido que foi este discurso -e non o de investidura- o que deu as claves psicopolíticas de quen e do que temos á frente do executivo galego. Merecería, de certo, unha abordaxe psicanalítica, na que son obviamente profana, así que permitan unhas impresións de psicoloxía barata que despois enlazarei con algunha outra preocupación. O sr. Núñez Feixoo conceptuou a Galiza como “nai” e el proprio como fillo agradecido por o ter colocado de novo na presidencia da Xunta. Reclamou a Galiza “do si” e afirmou que viñemos a este mundo para unir, non para dividir. Declarouse “discípulo da nosa xente” e tamén se pintou como o escolante que vai á clase o primeiro día. Cómpre, segundo el, “empezar a vivir no futuro” e concluíu por sentar que nunca pedirá “máis do que lle corresponde pero nunca se conformará con menos do que lle corresponde”. Vacuidades á parte, a confisión non ten desperdicio. A Galiza é o seo materno que lle permitiu a el triunfar: para iso están as nais, para garantir o progreso dos fillos, aínda que ela estexa doente ou en grave risco de saúde. O que importa, madia leva, é a biografía ascendente do fillo. A Galiza é obediente e ben mandadiña e colocarase na primeira fila da defensa da España unitaria: a eventual negociación con Cataluña non valerá para elevar á Galiza no ranking das reclamacións ao Estado, senón para contribuír a que aquela nación vexa rebaixadas as súas expectativas. E, en fin, segundo el, non deberemos aspirar a “máis” do que nos corresponde. Eis a nai do año: que e canto nos “corresponde”?

Ao acto do Parlamento acudiu o presidente de Castilla e León, que non perde ocasión de galear, sempre que lle cómpre, ante Madrid, ante o goberno español, cando considera que os intereses da súa comunidade autónoma se ven lesionados ou discriminados, por moito que pertenzan ambos gobernos ao mesmo partido, o PP. Non é esta a actitude nen é a posición dos gobernos galegos presididos polo actual presidente como tamén non o foi dos catro gobernos da Xunta presididos polo sr. Fraga Iribarne. Mais dáse a circunstancia de que hai mensaxes -explícitas ou subliminais- do PP e da Xunta que se acomodan perfeitamente a unha certa socioloxía galega, criada, alimentada, viciada... historicamente na rebaixa de si mesma e, nos tempos actuais, na sofisticación destas condicións de adaptación á galeguidade consentida, a que abonda adoito no que nos permiten ser.

O vello complexo de inferioridade, o autodesprezo de vella raigame, véstese agora de todo o contrario, nunha aparencia de superioridade e sublimación abertamente estabilizadora. Aseméllase algo o recurso a esa proclamación da pretensa superioridade das mulleres, que, cal enganoso e eficaz mecanismo compensatorio, opera xustamente no sentido contrario da solución das millenta discriminacións-subordinacións vixentes aínda para a maioría social feminina. É puro idealismo autocompracente. Tamén me cadrou ver o anuncio que desde hai dez anos utiliza o slogan “Vivamos como galegos!”, do grupo Gadis. Non deixarei de mencionar a eficacia da súa técnica publicitaria e o ben que alimenta aquela galeguidade permitida a que me veño referindo. Para alén de nos nutrir, como noutras ocasións, co “riquiños” e especiais que somos os galegos, nesta décima edición asistimos a un traxecto histórico, en boca dunha muller vella, mais que fala con modismos actuais, que nos leva da lembranza de ela ir de nena montada nunha mula ao presente en que se viaxou á lúa e ela propria usa dunha tableta. Canto progresamos! Que nos veñan falar a nós de dieta equilibrada, cando aquí temos o caldo de toda a vida ou de que as mulleres agora mandan, cando entre nós mandaron sempre! Ei, carballeira, árdelle o eixo! (isto é da miña colleita, claro está...). Como di o refrán, se hai que facer, faise... e, así, o día de mañá, asistiremos a un “futuro á galega”, con naves espaciais galegas e mais con “enchentas galácticas” incluídas. Así que... se chove, que chova. “Bueno...” (a palabra máis usada na fala galega, lembremos...).

Eu non dubido de que a media da calidade de vida galega, por múltiplos factores que agora non podo enumerar, é superior á de moitos lugares do Estado, da Europa e do mundo, nen moito menos dubido das nosas capacidades individuais e colectivas para acadarmos grandes metas. Ora, non se me oculta tanto traballo, tanta enerxía, tanta creatividade -como está de moda dicer nestes tempos- de cabezas e mans galegas entregadas “ao inglés”, isto é, destinadas a engrandeceren economías e sociedades de fóra. Niso, somos expertos. E tamén non me escapa que unha das vías tranquilizadoras, estabilizadoras, máis efectivas pasa mesmamente por aplicar, conformistamente, o refrán de que nunca choveu que non escampara... Se “chover” ou “a que está a caír” son metáforas coñecidas da acumulación de problemas, e agardamos a que o tempo, sen máis, traia a cura deles, podemos descansar en que sexan outros os que nolos resolvan, mellor dito, os que obren sempre no seu proprio beneficio, mentres a nosa casa continúa por varrer... Agora, iso si, nós ben satisfeitos co riquiños que somos, hospitalarios e xenerosos, relativistas morais e sempre animosos porque o futuro vai ser “galego”. Futuro galego, a partir de que presente????? Até se fai unha chiscadela ao traballo nos estaleiros con moita “chapa” que cortar, como aquela que prometera no Congreso dos Deputados o ministro de Facenda, o sr. Montoro, cando non preciso lembrar cal é o estado da construción naval en Ferrol e en Vigo. Á vista está, para quen quixer contemplala.

Vivamos, pois, como galegos. En que lingua? Pois, “bueno”, depende... En galego? Home, si, “un poquito de gallego” non fai mal. Galego para todo, galego en crecente uso pragmático, galego para rotular estantes, letreiros, albaráns, facturas e produtos industriais e comerciais? Ai, non, iso non! “Nada de imposiciones!”. Para iso xa temos non unha sublingua, senón unha lingua enteira e verdadeira, o español, que ademais está gañando terreo desde hai décadas na oralidade e no costume social.

O PP -ou as mentes pensantes do PP e doutros que non son do PP- saben isto perfeitamente. Saben cal é a galeguidade asentada na sociedade galega, a permitida, a admitida, a que comprace certos sentimentos que non convén diluír, mesmamente para garantir os limites e a natureza dunha especificidade retallada. Canto se fala dos “recortes” e que pouco desta cuestión filosófica ou cultural, no sentido amplo do termo, se me permiten a grandilocuencia. Mais dáse a circunstancia de que estamos nos dous casos a xogar coas cousas de comer e deberiamos telo presente. Se hai resignación ou autocompracencia a base de recursos sublimadores e compensatorios, mal vai haber a precisa actitude, o necesario sentido práctico para contemplármonos nas limitacións e nos problemas do presente, e para poder encarar a súa superación realista. Sobran os exemplos. ¿Acaso a continuación da emigración de xente moza por razóns laborais non pousa nunha tradición asentada de ir procurar o sustento fóra de todas as xeracións anteriores de que se ten memoria?

Estamos instaladas e instalados na normalidade (por normativa e habitual) da anomalía. Romper este círculo vicioso xulgo que é labor imperativo de nós, nacionalistas galegas e galegos. Non mergullarnos na anomalía para competir nela, senón para enunciala, analisala e superala. Aí si que pode estar un futuro galego diferente. O galego non é un povo superior a nengún; fomos un povo contundentemente mortificado e iso deixou pegada fonda. O que na historia se torceu, na historia se pode rectificar, porque non nos imos apontar a nengunha caste de fatalismo ou de determinismo, mais será a base de termos claro cal é o novo modelo de normalidade a que aspiramos: na lingua, na economía, no cambio social. Os nosos antepasados de hai cen anos, tan nomeados neste 2016 (nomeados, digo, non lidos nen coñecidos na súa obra), soubérono e actuaron en consecuencia. A ver se nos animamos a modernizar e a actualizar, neste século XXI, o seu exemplo. Talvez así deixemos de ser algo menos riquiños e sexamos algo máis conscientes do que merecemos e de todo o que nos resta por conseguir.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.