A fusión de concellos, un falso debate sobre a suficiencia económica municipal

A fusión de concellos, un falso debate sobre a suficiencia económica municipal

Estamos asistindo a reflexións interesadas en relación a suposta necesidade de reordenar o mapa municipal galego propiciando a fusión de concellos como panacea para solucionar a discriminatoria e deficitaria financiación municipal que os concellos galegos padecen.

Para empezar non está de máis lembrar que na realidade municipal do Estado Español non é Galiza o paradigma de minifundismo municipal - sirva o dado esclarecedor de que só a provincia de Burgos ten máis concellos que toda Galiza, 371 fronte aos 315 existentes na nosa nación.

Dá a impresión que con esta polémica o que se pretende é distraer a atención para non centrar o debate na discriminación que sofren os concellos galegos na participación dos tributos do Estado, agora que se vai negociar un novo periodo cuatrienal.

Tamén parece que quere obviarse con este pretexto a necesidade de racionalizar a ordenación administrativa territorial coa reconsideración da existencia das Deputacións Provinciais, a necesidade da estructuración comarcal e das áreas metropolitanas e de recoñecemento xurídico da parroquia.

A fusión de pequenos concellos non solventa as carencias de financiación claramente discriminatoria que sofren os concellos galegos, por canto a participación nos ingresos do Estado non contempla variábeis fundamentais no custe de servizos municipais como son o número de núcleos de poboación, a superficie do concello ou o envellecemento de poboación. Deste xeito mentres os concellos de Galiza reciben 176,54 euros por habitante, a media no conxunto do Estado é de 221,07 euros por habitante.

Por iso resulta tan importante que se fixera un reparto xusto atendendo a proposta plantexada polo BNG ponderando poboación, esforzo fiscal, inverso capacidade tributaria, dispersión, superficie e envellecemento de poboación.

Máis dunha vez queda evidenciado que non só non existe un trato de solidariedade con Galiza, senón que existe unha grave discriminación que fai que os ingresos percibidos polos concellos galegos non se correspondan nin tan siquera coa nosa porcentaxe de poboación - no conxunto do Estado representamos o 6,5% e recibimos o 5,27 % da participación nos tributos - nin co noso Produto Interior Bruto.

Por todo isto, parece evidente que verdadeira solución á situación financieira non está na fusión - sempre posíbel - de concellos galegos senón na correción do mapa administrativo con funcións e servizos a nivel comarcal, sustituíndo ás anacrónicas Deputacións Provinciais e con novos criterios de xustiza e equidade na participación dos tributos do Estado que corrixa a discriminación producida co modelo actual.