A forza da nosa unión non pode ser inútil

Son unha das miles de galegas que o pasado domingo percorreron as rúas de Compostela en defensa dos nosos dereitos sexuais e reprodutivos. Síntome orgullosa da loita feminista, das reivindicacións do feminismo galego, da rebelión de moitas mulleres, que pública e privadamente cuestionamos o capitalismo e o patriarcado.
A nosa loita non é nova. Mais corre o risco de ser invisibilizada e ocultada por mor do xénero das protagonistas. Lamentábelmente, non é común que se fale nas escolas de Concepción Arenal ou de Emilia Pardo Bazán como precursoras do feminismo galego, reivindicando o acceso das mulleres á educación. No caso de Rosalía de Castro, quen convertíu a súa vida e obra literaria en todo un exemplo de denuncia das inxustizas que sometían a Galiza e singularmente ás mulleres galegas, soe falarse dela como un arquetipo do romanticismo. Cando falamos da loita de clases obviamos as protestas de mulleres demandando mellores condicións laborais: Concepción Miranda, chamando á incorporación das mulleres á loita obreira, mesmo Sofía Casanova, quen analizaba nos seus artigos a problemática específica das traballadoras asalariadas a finais do século XIX.
Cando falamos de episodios da loita obreira no noso país poucas veces mencionamos o motín de mulleres na fábrica de tabacos da Coruña, a loita das labregas pola titularidade da terra, ou a das traballadoras das conserveiras, e doutras traballadoras como as descargadoras dos peiraos ferrolás,que mesmo foron quen de asociarse para protexer os seus dereitos laborais en 1909, por citar varios exemplos.
E non foron as únicas. Temos un pasado silenciado, ocultado e invisíbel aínda máis cando as protagonistas son as mulleres: desde comezo do século XX as galegas participaron activamente creando asociacións de mulleres, en moitos casos, vinculadas a partidos políticos e sindicatos (Partido Galeguista, Agrupación Republicana Feminina da Coruña, Irmandades da fala, Unión de Mulleres antifascistas de Vigo, Partido Comunista, anarquista, etc.). Nestas organizacións, as mulleres expresaban a súa vontade política, tamén sobre o devir de Galiza como nación cunha língua e cultura propia, debatían en foros mixtos sobre os seus dereitos, e demandaban publicamente a participación no estatuto, ou o seu dereito ao voto ou ao divorcio.
Nos anos 70 e 80 o asociacionismo feminista na Galiza cobraría unha gran importancia polo seu activismo: Asociación Galega da Muller, Asociación Democrática da Muller Galega, Coordinadora galega de Asociacións Legais da Muller, Feministas Independentes Galegas, Mulleres Nacionalistas Galegas, e outras tantas organizacións e colectivos de mulleres. Nestes anos creáronse áreas de actuación específica sobre a cuestión feminista en sindicatos e organizacións políticas, como foi o caso da Comisión da Muller da AN-PG ou as Secretarías da Muller da INTG (herdeiras delas son hoxe a Comisión de Acción Feminista do BNG ou a Comisión de Mulleres e as Secretarías da muller da CIG).
Grazas a estas mulleres moitas de nós temos consciencia feminista, e o noso feminismo vai ligado a unha consciencia de clase, de língua e de nación diferenciada. Vivimos nuns tempos nos que se criminaliza a loita, onde a disidencia, a rebelión, a desobediencia está "mal vista" en boa parte da cidadanía, que se amosa, en demasiadas ocasións, resignada aos ataques da dereita, do capitalismo e do heteropatriarcado, o cal arremete, persegue e criminaliza a protesta.
Mais non debemos esquecermos que foi grazas á loita das mulleres como acadamos o dereito a voto, rematar co delito do adulterio, impulsar leis como a do divorcio, a igualdade no ensino, perseguir o acoso e as agresións sexuais, a integración dos dereitos derivados do exercizo de conciliación no traballo, o tratamento da violencia contra as mulleres como un tipo de violencia machista penado penalmente, foron mulleres en boa parte as que lideraron a loita polos dereitos das persoas homosexuais, bisexuais e transxénero, e en definitiva, pola igualdade de oportunidades.
Temos un marco lexislativo que de poñerse en práctica, situaría ás mulleres nun plano de igualdade. Mais a práctica lexislativa non calou aínda na mentalidade da cidadanía, e a persecución da discriminación e da desigualdade que aparece nas leis non se aplica na práctica. Á vista están os datos de discriminación salarial que sufren as mulleres, o acoso laboral e sexual, a dificultade no acceso ás pensións, e a contía destas, a temporalidade das contratacións, o número de asasinadas polo terrorismo machista, os ataques desde o goberno e as institucións eclesiásticas aos nosos dereitos sexuais e reprodutivos, ou a persecución de todo aquilo que non sexa heteronormativo (e se mo permitides, español).
Fai 31 anos un 8 de marzo as rúas de Compostela enchíanse de galegas nunha manifestación convocada pola Coordinadora nacional de Organizacións feministas polo mesmo motivo que o pasado domingo, 31 anos despois, o pasado día 9, facíamos o propio desde a Plataforma galega polo dereito ao aborto. Mozas, crianzas, avoas, asalariadas, desempregadas, sindicalistas, labregas, mariscadoras, empregadas do fogar, políticas, mulleres asociadas, colectivos autónomos, soas ou acompañadas, feministas galegas de distintas ideoloxías e tamén homes vinculados á nosa loita, participamos nunha convocatoria de manifestación nacional e unitaria fronte á ofensiva dos gobernos do partido Popular contra os nosos dereitos.
Somos feministas, daríanos vergoña nesta ( e en calquera situación) non selo. Haberá quen reste importancia a convocatoria, mais o certo é que desde as militantes máis antigas até as recén incorporadas á loita desfrutamos dunha xornada de sororidade, da marea lila, onde as voces, as consignas e as cancións de principio a fin oíanse da boca das distintas mulleres que saímos da estación de tren até a praza da Quintana. Foi un divertido exercizo de desafogo de moitas de nós contra un patriarcado que a pesares da nosa resistencia consegue ás veces debilitarnos. Unha manifestación que aumentou a nosa autoestima colectiva, que precisamos para seguir loitando.
A todas as mulleres silenciadas, excluídas da historia, explotadas, marxinadas, discriminadas, forzadas e asasinadas. A todas as compañeiras militantes, ás que loitades día a día contra a opresión: grazas! a forza da nosa unión non pode ser inútil.