A forza da Militancia

Existe unha grande e fundamental diferenza entre unha formación política na que a súa militancia non busca a súa promoción persoal, senón que entrega o seu esforzo e compromiso na loita por unhas ideas e por unha nación á que aman profundamente, na que os seus cadros orgánicos e representantes institucionais vense así mesmos como unha peza máis dunha maquinaria cun obxectivo colectivo, e aquelas outras formacións integradas por persoas nas que a súa vocación de servizo é inexistente e ven a súa participación como unha ocasión de medre individual. Na primeira, todas e todos arriman o ombro, na segunda, construída desde arriba, hai moito mando e pouca xente a traballar.
En determinadas forzas políticas, e todos sabemos cales, os nomeamentos de candidatos nunhas eleccións ou de cargos orgánicos fanse nunha tarde e no despacho de determinados dirixentes, e os programas cos que se concorre a unhas eleccións aparecen dun día para outro cunha ausencia total de debate político entre as bases ás que non se consulta para a toma de ningunha decisión. O resultado é unha militancia carente de sentido crítico, obediente e que non levanta a voz para ver se algún día soa a frauta e son recompensad@s con algún carguiño.
Esta ausencia de debate, de organización, de militancia activa, leva a bases que solo se moven cando reciben ordes de acudir a algún acto ou mitin para que a foto quede ben e poda saír nuns medios de comunicación que prestan o seu total apoio. Cada pequena cousa que se fai vese reflexada nos medios cun tratamento amable e un despregue considerable. Non necesitan mitins de proximidade, pateos de rúas, contacto coa xente, debate coas veciñas e veciños xa que a campaña fase nos medios e nos termos que máis lles interesa, onde se espallan mensaxes mentireiros que a forza de ser repetidos atopan receptividade nas persoas máis manipulábeis.
Ese tratamento dos medios revírase no trato có BNG. Entón solo se publica o mínimo indispensábel e se resaltan os aspectos negativos, inventados a maioría das veces. Vese natural que Feijóo, nunha viaxe oficial a Sudamerica, se desprace no avión privado dun millonario, pero é un feito imperdoábel cun dirixente nacionalista sexa fotografado nun barco tres anos antes da súa toma de posesión. Feijóo presume dunha xestión brillante (sic) aplaudida ate a vergoña allea polos e polas columnistas de opinión, e do BNG se di que ven dun proceso interno que é magnificado e comentado ate o cansazo por esas mesmas columnas de opinión. Nin rastro das propostas nin das criticas razoadas e fundamentadas ao goberno do PP.
Contrarrestar isto non é nada doado e o único xeito é unha militancia moi activa que se multiplique por cada recuncho do país, por cada recurso no ciberespazo, que explique as propostas programáticas, que nunca desfaleza a pesar de que se lle pida repetidamente un esforzo máis e outro e outro.
Nese traballo diario atopas xente que de verdade merece a pena, xente incansábel que non falta a ningunha actuación, que nunca di que non, que sempre ten un sorriso que dedicarche, que non pide nada a cambio, que leva a Galiza no seu interior e cho transmite. Xente que non deixa que decaias no teu esforzo, que non permite que desfalezas, que che mantén o ánimo alto. Xente que merece a pena.
Pódese gañar ou perder unhas eleccións, pero na relación persoal sempre gañas e cando tes un candidato que é un máis, que entende a política como un servizo do que forma parte dun colectivo, que vai a unha colada ou a un reparto co mesmo esforzo e dedicación que a un mitin ou a unha entrevista televisiva, tes a certeza, se non a tiñas xa antes, de que estás no sitio axeitado, de que non poderías estar noutra parte.
As novas forzas políticas aparecidas en Galiza carecen dese esforzo por abaixo, de xente comprometida, e fundamentarán a súa campaña en aparicións nuns medios de comunicación que reciben a consigna de favorecerlles xa que así se beneficia ao PP que quere que se dea a imaxe dunha oposición dividida.
,Preséntanse unhas eleccións duras, moi duras, nas que todas e todos xa levamos moito tempo traballando, e o levamos porque o contacto coa xente non se limita a unha campaña electoral, é unha tarefa diaria, continuada, de estar cos que teñen problemas, de intentar solucionalos ou presionar para que se solucionen. Estar coa xente día a día, ano a ano e agora que estamos nunha campaña electoral seguir facéndoo e ao tempo pedir o seu voto para que unha maior forza, unha maior responsabilidade de goberno permita seguir atendéndoos con máis capacidade de actuación.
Hai quen defende a democracia representativa negativa, aquela que pide o voto e logo se esquece dos votantes para facer e desfacer ao seu antollo favorecendo os intereses dos grandes grupos de capital e presión que lles alimentan e reclaman o pago a ese alimento. Os programas desaparecen e os acordos cos votantes asinados diante das cámaras tamén, e mesmo fan todo o contrario do que prometeron. En Galiza vivimos estas actuacións en estado puro cun #feijoomentiran que incumpriu cada un dos puntos do seu “Contrato con Galicia”, cada unha das súas promesas electorais, facendo exactamente o contrario.
Fronte a iso hai que levar a cabo unha democracia participativa, onde o compromiso e a relación cos votantes non acaba o día despois das eleccións, onde un goberno se ten que someter cada día á fiscalización da cidadanía. E aínda máis, onde se reclama a participación de todos e todas para levar a cabo esa labor de goberno. Gobernar coa xente non por riba da xente.
Xogámonos moito o día 21 e as militantes e os militantes do BNG o sabemos ben e non imos parar nin un minuto nesta campaña, multiplicarémonos e desempeñaremos as funcións máis diversas, estaremos alí onde se nos necesite. E cando isto remate seguiremos aí traballando, gañemos ou perdamos. O noso amor a Galiza é indestrutíbel e #enbloquepodemos facerlles frente e gobernar nos a nosa terra.