A folga xeral e a cuestión do poder
Coa reforma laboral do Goberno Rajoy xa en marcha, o capital perpetra un golpe de Estado encuberto e camiña nas empresas cara á instauración dun poder de clase irrestrito, ditatorial. As traballadoras e os traballadores fican subordinados ao capital, como os servos da gleba, desposuídos de dereitos tan básicos como o da negociación colectiva. A hexemonía dunha clase, a proprietaria do capital, está a piques de se constituír nunha ditadura aberta. O capital xa podía despedir libremente (a única restrición era o prezo), agora vaino facer de xeito virtualmente gratuíto (e en algúns casos parcialmente con fondos públicos). A dereita política cumpre así o seu programa e a súa función ao servizo da oligarquía industrial e financeira, a grande beneficiaria desta contrarreforma.
A reacción lóxica fronte a unha reforma que ten o carimbo indubidábel da Patronal chámase folga xeral e na Galiza a resposta liderouna desde un primeiro momento, e sen ningunha vacilación, o sindicalismo nacionalista, a CIG. O Partido Tertuliano non demorou nin un minuto en descualificar a folga por inconveniente e inoportuna, argumento que utiliza sempre que a clase traballadora recorre a un dos seus dereitos máis elementares (é obvio que para o Partido Tertuliano unha folga xeral nunca será oportuna, o oportuno para o PT sería o desaparecimento do dereito da folga da propria Constitución española, a CEOE xa vai avanzando nesa dirección).
A folga molesta ao capital e aos seus propagandistas non só porque permite á clase traballadora expresar todo o seu potencial, senón porque implicitamente coloca sobre a mesa a cuestión do poder. Durante decenios, a clase traballadora non discutiu a hexemonía política e social da grande burguesía industrial e financeira. Tolerouna a cambio de parcelas de benestar. Se desaparecen estas, se se privatizan os servizos públicos, se se precariza o traballo, como de feito está a acontecer, a cuestión do poder inevitabelmente acabará emerxendo e ocupando o primeiro plano. Ese é o medo da grande burguesía industrial e financeira: que -non quizá agora, mais si a medio prazo- as maiorías sociais reparen en que na práctica non teñen poder, comprendan que iso en democracia resulta anómalo e aspiren a corrixilo.
O PP SEGUE O ROTEIRO DO PSOE
Con esta contrarreforma, o PP limítase a seguir o roteiro tracexado pola socialdemocracia que gobernou no Estado os 8 anos anteriores e que abriu billas -o abaratamento do despedimento, a prevalencia dos convenios de empresa sobre os sectoriais- que agora ceibarán un xorro ben proveitoso para a minoría proprietaria do capital. Con boa parte das bases sociais da esquerda desorientadas pola ambivalencia da socialdemocracia (en teoría defensora das clases populares, mais facticamente adherida ao neoliberalismo), a dereita eleva a temperatura do forno e dirixe os seus torpedos ao núcleo duro das relacións laborais: a determinación de quen e como se estabelecen as condicións salariais no seo das empresas. Aquí radica o miolo da contrarreforma, a máis dura desde a morte de Franco: en período de crise, o capital arrógase o poder de determinar ditatorialmente as condicións salariais da traballadora e do traballador. Ráchase o contrato social en virtude do cal, cando menos formalmente, o reparto da renda nacional ficaba suxeito a unha certa negociación. A partir de agora, non. Se decrece o produto interior bruto, o capital atribúese unilateralmente a prerrogativa de incrementar a súa parte no pastel, en detrimento, claro, daquela que corresponde a quen cría valor, á forza do traballo.
DA HEXEMONÍA AO PODER ABSOLUTO
O capital perpetra o seu golpe para pasar da hexemonía, da que xa gozaba, ao poder absoluto. Iso é o que temos entre as mans. O capital non é que sexa inmoral ou inmisericorde: é que é capital e, como tal, se comporta de acordo cunha lóxica perfeitamente previsíbel. Con efeito, o capital entende que desta só se sae (el, claro) incrementando a taxa de explotación da forza de traballo. No centro e na periferia. No Primeiro e no Terceiro Mundo. O capital, nesta fase histórica, expándese territorialmente como nel é habitual desde o século XIX e faino a través do militarismo imperialista (Afganistán, Iraque, Libia, no horizonte Siria e Irán), mais a expansión tamén se verifica en casa: colonizando-privatizando espazos de socialización que as loitas populares lograran hai xa décadas roubar ao mercado: o ensino, a sanidade pública, os servizos sociais...
O pior desta reforma laboral non é que abarate enormemente o despedimento, o pior é que debilita toda capacidade de negociación colectiva das traballadoras e dos traballadores. Colectiva, si, porque as asalariadas e os asalariados non son nada se non defenden colectivamente os seus intereses. Colectivamente, isto é, como clase. Non como membros dunha isolada unidade de produción chamada empresa, senón como elementos constitutivos dun sector concreto da sociedade chamado clase traballadora. O obxectivo da Patronal é precisamente ese, avanzar cara un mundo en que a clase traballadora desapareza como tal e se desagregue nunha multitude de individuos inermes, facilmente coaccionábeis: ou o tomas ou o deixas. A satisfacer ese obxectivo colabora entusiasta o goberno dereitista de Rajoy. A reforma, nese sentido, é estremamente agresiva, como avanzou o ex conselleiro de Lehman Brothers que os mercados sentaron no Consello de Ministros: os despedimentos xa podían ser a vontade; apartir de agora, tamén o será a redución salarial. A plusvalía poderá engordar ad libitum. A traballadora e o traballador verán cada vez maís minguada a súa participación na renda nacional. Terán que traballar polo que se lles ofreza e se están no paro terán que aceitar calquera oferta de traballo que se lles poña por diante. O Exército de Reserva, que non rosme, por favor, non fagamos un feo ás visitas.
A DIVISIÓN AZUL LOCAL
Xa sabemos como axen os que teñen o poder nesta sociedade. Deseñan. Planifican. Executan. Empregan todas as armas ao seu dispor. Aparato económico. Financeiro. Os think tanks, as terminais mediáticas, as industrias da ideoloxía e o pensamento. Identifican uns obxectivos determinados e van a por eles, implacábeis. O poder non é nada abstracto. É absolutamente concreto. Nas actuais condicións da UE é tan concreto como obsceno: as ordes veñen de Berlín, as divisións pánzer veñen a por nós. A división azul local limítase a cumprir as ordes do novo Reich. Hai que acabar cos focos de resistencia e recolocar as pezas para que o capital poda continuar a maximizar os beneficios. Como diría Zapatero, custar o que custar.
UNHA RESPOSTA CONTUNDENTE
Ante unha agresión desta natureza só cabe unha resposta que cando menos ambicione ser contundente. Unha resposta de oposición frontal, si, mais tamén unha resposta que ilumine mundos distintos, que formule alternativas, outros cenarios posíbeis de organización da sociedade e da economía. Isto non se arranxa con pequenas mudanzas cosméticas (polo demais inviábeis no actual marco). Ese é un beco sen saída. Debemos aspirar a abrir outra fase, a fase de voltar a acumular forzas na perspectiva de que, máis cedo que tarde, as maiorías sociais sexan tamén maiorías políticas, isto é, maiorías con capacidade para determinar as políticas públicas. Debemos ir á reconquista da Democracia, secuestrada polos amos do mercado. Debemos ir ao combate e á loita contra un deseño absolutamente desfavorábel para os pobos en xeral e, en particular, para Galiza. Unha nación periférica a nosa que, alén de ter os salarios ben máis baixos que o promedio estatal, sofre un estarrecedor devalo demográfico e volta a experimentar na súa pel o látego da emigración.
ACTUEMOS. É TEMPO DE RESPOSTAS!
Na Galiza, no plano político, só o BNG aspira a que as maiorías sociais sexan tamen hexemónicas no plano político. E, congruentemente con iso, só o BNG defende propostas alternativas. Non só para a protección dos intereses das traballadoras e dos traballadores, senón tamén para a defensa da economía produtiva, as autónomas e os autónomos e as pequenas e medianas empresas (as pemes saen perdendo cando cae o consumo e o consumo caerá porque a reforma presiona a baixa os salarios e porque incrementará o desemprego).
Actuemos! É tempo de respostas. Así reza o dítico editado polo BNG en apoio da folga xeral convocada polo sindicalismo nacionalista para este 29 de Marzo. É unha chamada á responsabilidade social, a que todas e todos tomemos cartas no asunto, a que non nos inhibamos, a que defendamos o noso patrimonio máis valioso, dereitos conquistados con sangue, suor e bágoas.
NACIONALISMO, MOTOR DO PAÍS
Ese é o desafío. Actuar como actúan eles. Deseñar. Planificar. Executar. É básico que entendan que a maioría social desta nación non vai ficar de xeonllos. O 29-M é unha excelente oportunidade para poñérmonos de pé, con dignidade. O nacionalismo, como motor do país, traballará desde logo para estar á altura das circunstancias, e cunha perspectiva inequivocamente transformadora e democrática: a de frear a agresión dun Partido Popular que no Estado e na Galiza actúa como cancerbeiro dos intereses das clases dominantes.
O 29 de Marzo temos que parar aos que queren converter as empresas en cadeas para a clase traballadora. Somos máis, somos a maioría. Merecemos unha democracia real. Nas institucións, claro que si, mais nas empresas e na esfera da produción, tamén. Non debemos conformarnos con menos daquilo que nos corresponde. En realidade, a contrarreforma laboral é claramente un episodio da loita de clases (lembremos a Warren Buffet: a loita de clases existe e vana gañando os meus, os ricos), así que tomemos nota de como se comportan aqueles que loitan contra os nosos intereses. Isto non vai só de se o despedimento é máis ou menos barato. Isto vai do exercicio do poder en estado puro. Asumámolo con madurez. Temos que exercer como maioría e temos, portanto, que aspirar sen complexos á hexemonía social. Fagamos verdade a Democracia. O poder do pobo. No noso caso, do pobo galego.