A folga das mulleres do 8 de marzo

A folga das mulleres do 8 de marzo

O movemento feminista convoca o vindeiro 8 de marzo un Paro Internacional de Mulleres, ao considerar que no día no que se conmemora o Día Internacional da Muller Traballadora deben ser as propias mulleres as que adquiran visibilidade, unha visibilidade que na sociedade actual cada vez é menor.

Diante dese chamamento internacional, ao que na Galiza a CIG e outras organizacións decidiron dar soporte, considero que tanto na folga como nas concentracións as mulleres deben ser as únicas protagonistas.

Esta petición do movemento feminista levantou polémica e está provocando debate, un debate que estou seguindo atentamente e no que podemos comprobar como participan algunhas mulleres pero a maioría son homes que se queixan porque “se lles prohibe ir á folga” ou “se lles impide manifestar o seu apoio ás mulleres”. E no debate, coma sempre, hai quen aproveita para arrear contra a CIG falando de que unha vez máis rachamos a unidade sindical, unha sacro-santa unidade sindical da que non falaron cando asinaron acordos que favoreceron o aumento da idade de xubilación até os 67 anos ou cando hai dous meses asinaron un vergoñento acordo sobre o salario mínimo.

Para min apoiar esta folga de mulleres e non participar nela non supón incoherencia; por contra, e respectando o que faga cada home, para min o incoherente sería dicir que apoio esta reivindicación do movemento feminista e participar nunha folga que me din expresamente que queren que sexa unha folga exclusiva de mulleres.

Como home son machista, e son consciente de que debería facer moito máis para librarme dun machismo que temos marcado a lume todos os homes. Pero como persoa que leva toda a súa vida tentando aportar para construír unha sociedade máis xusta, entendo que é incompatíbel encher a boca dicindo que as mulleres sofren unha dobre opresión e que nos últimos anos a discriminación e o machismo teñen aumentado, e ao mesmo tempo criticar a folga de mulleres do 8 de marzo.

Aos homes o que nos pide o movemento feminista nesta ocasión é que botemos unha man popularizando a folga, explicando a importancia que ten o 8 de marzo, denunciando os casos de discriminación, no caso de quen traballamos no ensino tentando que os nosos alumnos e alumnas desterren os comportamentos machistas e asuman a igualdade e a diversidade.... É dicir, se de verdade queremos comprometernos coa loita da liberación das mulleres temos traballo dabondo. No único no que nos chaman a non participar é nos paros e nas concentracións do 8 de marzo á mañá.

Non creo que sexa tan difícil entendelo, e con sinceridade, creo que todas esas críticas e os comentarios dicindo que ese chamamento a un paro de mulleres é discriminatorio para cos homes, o que denotan é simple e puro machismo. Coincidamos ou non coa estratexia, se entendemos que o movemento feminista é un movemento progresista o primeiro que debemos facer é respectar as súas decisións.

E xa sei que alguén dirá que aproveito para falar do meu tema, pero non podo agachar que determinados comportamentos e declaracións sobre este tema que teño observado e escoitado nas últimas semanas, para min non se diferencian en nada de quen fala de defender o dereito de autodeterminación de todos os povos e a continuación fai todo o posíbel para que non se exerza.

Eu o día 8 estarei no meu posto de traballo, e farei visíbel o meu apoio á folga na que agardo que participen as miñas compañeiras. Ese día co alumnado que teña traballarei contidos referentes á loita da muller traballadora. E de hoxe ao día oito podo facer aínda moito polo éxito desa convocatoria.