A filosofía na LOMCE: A exclusión dun deus ciumento

A filosofía na LOMCE: A exclusión dun deus ciumento

Logo do traballo feito polo PSOE para desprestixiar e desvirtuar a filosofía no ensino, o PP xa se atopa con azos para lle dar o tiro de graza. Se ben a socialdemocracia apoiábase retoricamente na aposta pola ciencia e a técnica ou o moralismo progre para retirarlle carga horaria e substancialidade, a dereita desacomplexada e envalentonada que está agora no goberno chega mesmo a amosar as súas cartas ao declarar na exposicións de motivos do primeiro borrador: “La educación es el motor que promueve la competitividad de la economía... determina su capacidad de competir... En la esfera individual, supone facilitar el desarrollo personal y la integración social”. En definitiva, domesticar a creatividade, castrar a rebeldía e subordinarse exclusivamente ás necesidades do mercado.

No segundo borrador tiveron que volver ao eufemismo e a vella verborrea de costume. Mais na práctica implementaron as propostas para executar os devanditos obxectivos, e no que respecta á filosofía esta materia sofre unha redución dun 60% da súa presenza e fica no seu aspecto central, a historia da filosofía, recluída nunha listaxe de materias optativas entre a que subliñamos a relixión. Na ESO tamén preséntase á relixión como alternativa a “Valores éticos” a “elección de los padres o tutores”.

Fronte a isto facémonos dúas preguntas: É a relixión axeitada para os fins que persegue a reforma educativa de facernos competitivos para o mercado laboral?. É correcto presentar a filosofía ou a ética como unha alternativa para os que non teñan relixión?.

A respecto da primeira cuestión temos que dicir que non se trata de imbuír de certas virtudes a rapazada co fin de despertar neles o “espírito capitalista” no sentido que fala Webber senón que a cousa vai quedar en ofertar unha válvula de escape fronte as esixencias e rigorosidades dun bacharelato excesivamente comprimido, proporcionando unha “maría” na que refuxiarse. Competitividade?. Quen compite con iso?. Como vai optar o alumnado por unha “Historia da filosofía” cargada de autores na que se pretenda capacitalos axeitadamente na comprensión, análise e comentario de textos?. En definitiva, esta opcionalidade vai facer que se renuncie a formarse en competencias necesarias para o mercado, pois é obvio que para vender hai que convencer, isto é, argumentar e achegar as razóns a prol dun produto, e non abonda con rezar.

Isto sen entrar en que a educación sexa só un instrumento de adecuar ao ser humano ás estruturas económicas vixentes, pois é obvio que na vida a xente ten moitas outras dimensións nas que precisa formarse para realizarse axeitadamente, sobre todo, nas relacións sociais e persoais que nalgúns casos pesan decisivamente sobre a infelicidade e felicidade das persoas. Non vou ser determinista e atribuír as aulas de filosofía que se erradique o racismo ou os malos tratos ás mulleres. Entre outras cousas porque o ensino non é o único que educa. E non se pode compensar na escola todo o bombardeo social. Agora ben, se topamos, por exemplo, que se fixa no currículo educar en igualdade e ao mesmo tempo o goberno lexisla a prol do financiamento de centros nos que se segrega o alumnado por razóns de sexo, xa apreciamos que o propio sistema educativo invita a hipocrisía, á dobre moral, a desautorizar na práctica o que se pon no papel, en definitiva, a aprender a convivir coa contradición. E iso si que a filosofía non o pode admitir.

Hegel fálanos do pensamento como un Deus ciumento. Como aquel Yahweh do antigo testamento que non aturaba que os xudeus adoraran a ningún outro. A filosofía non soporta que a enganen con outra materia que contradiga o que ela sostén. Non se trata de que non admita o pluralismo. Ao contrario, é precisamente a filosofía a que se presenta como necesaria para salvar o pluralismo pois recoñéceo e parte del para buscar espazos de encontro nos que poder atoparse os distintos puntos de vista. A filosofía busca a visión de conxunto, as conexións entre todo e ao final, a comprensión da diferenza. Mais non admite a resignación e mesmo o aplauso cara a contradición. É un imperativo resolver as contradicións non deitarse fronte a elas e contemplalas pasivamente.

E isto lévanos á segunda cuestión: Asumir que a presenza da relixión nas aulas sexa a costa de excluír a filosofía, a ética, etc... É sabido que hai filósofos crentes, que un período moi longo da historia da filosofía (1000 anos de idade media) estivo presidido por pensadores que mesmo recibiron o título de santos (Agostiño, Anselmo, Tomé), que o debate sobre os dereitos humanos ou a lexitimidade do poder e a democracia arrincan de controversias no seo da igrexa (Bartolomé de las Casas, Francisco de Vitoria). É obvio pois que a filosofía non expulsa a relixión do currículo nin das súas preocupacións. Agora ben que tipo de relixión se sostén que é incompatíbel coa filosofía e coa ética?. Pois tan só unha relixión irracional ao servizo da arbitrariedade do poder é a que lle pode ter medo á filosofía.

Arendt apoiouse en Agostiño de Hipona para fundamentar a súa crítica ao totalitarismo e Enrique Dussel amósanos como levando até as últimas consecuencias a escolástica tomísta logra deslexitimarse a tortura e a obediencia debida das ditaduras latinoamericanas. Calquera cunha formación filosófica mínima pode encarar a relixión e tirar dela conclusións que se confrontan coa clase dominante, simplemente por sosterse sobre unha base teórica congruente. Porque como dixo Foucault toda teoría vai contra o poder.

Por iso non lles abonda con que os estudantes teñan relixión, senón que para o PP, ademais é importante que ao mesmo tempo non teñan filosofía.

Xa sabemos que non é suficiente con que a xente reciba aulas de filosofía para que se realice como persoa nas súas múltiples dimensións de xeito racional para promover a súa relación cos demais a través do diálogo e o entendemento mutuo. Desde o momento que a autora de “Grazas á vida” se suicidou logo de facer esta magnífica peza convidando a gozar das pequenas cousas da existencia xa non somos quen de acreditar en ningún determinismo. Agora ben, non pode ser inútiles as horas de estudo e de esforzo por achegarnos a outros seres humanos doutras épocas e doutros xeitos de pensar diferente. Cando reprochaban a Sartre que perdera o tempo investigando a vida e obra de Gustavo Flaubert fronte a cantidade de problemas que hai no mundo, este respondía que non hai maior reto e realización que chegar a comprender a outra persoa. O grave non é que se fracase neste obxectivo, o terrible é que xa se renuncie expresamente a ese fin, que se aposte por unha blindaxe confesional na que illarse.

Posibelmente nunca até agora houbo tantos motivos para unha folga contra unha reforma educativa, mais o día 9 cando se participe masivamente na resposta a esta agresión sen precedentes ao ensino público, que non se esqueza que hai xa unha razón que por si soa xustificaría acudir ás mobilizacións: a defensa da filosofía no ensino. Pode que haxa quen non estea de acordo, mais haber como xustifica un ensino sen filosofía sen unha formación filosófica para facelo.