A falacia da unidade do imperio dos Austrias Maiores

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
A falacia da unidade do imperio dos Austrias Maiores

España nunca tivo un imperio europeo e, desde o punto de vista legal, institucional ou político, tampouco americano, malia nos faceren aprender que nese tal Imperio nunca se poñía o sol. Os reinos hispánicos foron unha parte máis do Imperio de Carlos V, e tanto Filipe II como os seus sucesores só se titularon como reis. Pódese falar do seu “imperio” americano, mais, salvando as distancias, dun xeito similar a como se fala do “imperio” Microsoft de Bill Gates ou do Zara de Amancio Ortega. O nome oficial era Monarquía Hispánica, non Imperio.

Do matrimonio de Xoana a Tola, filla dos Reis Católicos, con Filipe o Fermoso, fillo do emperador Maximiliano de Austria e María de Borgoña naceron varias fillas e dous varóns: Carlos e Fernando. O primeiro en Gante e o segundo en Castela. A herdeira de Castela era Xoana, e seu pai Fernando acordou deixar o trono de Aragón ao neto Fernando. Tamén Maximiliano pensou nel para a súa herdanza austríaca e imperial; mais ambos os dous mudaron de herdeiro na fin das súas vidas, trocándoo por Carlos, quen recibe as catro herdanzas dos seus avós, desde Austria e o Imperio a Borgoña con Flandres, Franco Condado, Luxemburgo, etc., máis Castela coas Indias, Canarias e prazas africanas e Aragón coas posesións italianas, mentres Fernando ten que se conformar, de momento, con sete ducados austríacos.

Cando Carlos, con 17 anos, chega a Castela, unicamente falaba flamengo e francés, e non moi ben debido ao seu acusado prognatismo que lle impedía manter a boca pechada, o que para Antonio Ballesteros, en Figuras Imperiales, era un signo positivo, segundo deducimos da súa análise dun retrato, cando comenta: “boca entreabierta de persona absorta en graves pensamientos que los ojos y el vago mirar confirman”. Concordo máis co arriscado consello que, segundo Menéndez Pidal, en Idea imperial de Carlos V, lle deu un baturro en Calatayud: “Majestad, cerrad la boca, que las moscas de esta tierra son insolentes”. Nunca chegou a aprender moi ben o castelán, aínda que moito mellor que o alemán, malia ter o título de emperador daquelas terras, das que só lle gustaban as louras e a cervexa de München. É certo que, en 1536, fala castelán na recepción oficial que se lle fai cando chega a Roma como vencedor de Túnez y la Goleta. O embaixador francés, bispo de Macon, pídelle que o faga en francés (lingua da diplomacia vaticana) para que todos entendan, ao que este responde: “Señor obispo, entiéndame si quiere, y no espere de mi otras palabras que de mi lengua española, la cual es tan noble que merece ser sabida y entendida de toda la gente cristiana”. Interpretemos isto no contexto das continuas loitas de Carlos contra Francisco I de Francia.

Chegou Carlos a Castela acompañado dunha corte que estaba formada maioritariamente por estranxeiros, e estes, por se as cousas se complicaban, querían acaparar postos e facer fortuna o máis á presa posible. Chièvres era gran chambelán e foi contador maior de Castela, cargo que vendeu por 30 000 ducados ao duque de Béjar, Guillaume de Croy, sobriño de Chièvres, foi nomeado, con 16 anos, arcebispo de Toledo, Adrián de Utrecht, titor de Carlos, foi bispo de Tortosa e rexente, etc. Seguindo a J. H. Elliott, en La España Imperial 1469-1716, a muller de Chièvres, xunto coa de Charles de Lannoy, palafreneiro maior, conseguiron salvocondutos para sacar de España 80 mulas e 300 cabalos cargados de panos, ouro e alfaias; o gobernador de Bresse, Laurent Gorrevod, conseguiu unha licenza para transportar negros a América, privilexio que vendeu aos xenoveses por 25 000 ducados. Un valón, Jean de Sauvage, foi nomeado presidente das cortes de Castela, ofensa que ocasionou fortes protestas no reino. Maiores foron as das cortes de Aragón e máis aínda as de Cataluña. Esta camarilla de estranxeiros, ávidos de saquear o país, chamaban despectivamente aos casteláns “os nosos indios”. Curioso imperio está forxando e encabezando España!

Fíxose Carlos nomear rei en Castela e logo en Aragón, onde sabe da morte de seu avó Maximiliano. Convocou cortes en Santiago para pedir cartos e marchar a Alemaña na procura do título imperial, electivo e moi caro. Non cederon as cortes ás súas pretensións e convócaas novamente na Coruña, onde consigue os subsidios (que nunca recibiu) e de onde zarpa, o 20 de maio de 1520. Conseguiu o cetro do Imperio grazas ao préstamo de 500 000 floríns renanos que lle fixo o banqueiro Függer.

Tiña tantos territorios Carlos que, para nomealo, era preciso citar máis de 30 títulos, pois, como din Martínez e Sobaler, en El Imperio Hispánico, “cada uno de estos territorios constituía una unidad independiente, y el rey lo era de cada una de las partes”. Cada posesión viña sendo, para entendérmonos, unha finca particular de Carlos, podendo dispor dela como quixese e mesmo sacar cartos dunha para gastar noutra, igual que pode facer calquera propietario cos seus bens. Para Aragón, era rei de Aragón, para Castela, rei de Castela, para Flandres, conde de Flandres, etc. Xa os comuneiros, que se sublevaron ante a situación creada pola chegada de Carlos e os nobres estranxeiros acaparadores de postos e fortunas, esixiron que os cartos de Castela non se gastasen en Alemaña, Aragón, Nápoles, etc. e que o rei gobernase cada reino cos cartos que recibise del. A xeito de anécdota direi, con Vaca de Osma, en Carlos I y Felipe II frente a frente, que as tropas reais se concentraron en Burgos e puideron derrotar aos comuneiros en Villalar despois de recibir reforzos de Navarra e do norte de África. Xa o autor citado fai notar a casual semellanza co sucedido en 1936.

Francisco de Vitoria, contemporáneo de Carlos e un dos creadores do dereito internacional, de quen tomaron o nome, entre outros, unha asociación de xuíces e maxistrados e unha universidade privada dirixida polos Lexionarios de Cristo, nunca podería coincidir cos que defenden que o Imperio era de España, cando protestaba xusto polo contrario, dicindo que España non estaba sometida ao Imperio; e Galindez de Carvajal , en 1525, insiste en que “los castellanos no tienen ningún motivo para sufragar los gastos del Imperio; los servicios que el Rey pueda pedir a las Cortes de Castilla deben justificarse exclusivamente por la defensa de los intereses propios de Castilla”. Para eles era evidente que Carlos pretendía arranxar os problemas das súas fincas centroeuropeas con cartos de Castela. Como todos os seus territorios eran, segundo Josef Pérez, en Carlos V, de onde proceden as citas anteriores, “bienes patrimoniales que el soberano recibe de sus padres y transmite a sus hijos y sucesores”, dubida Carlos a quen deixar Flandres, se a Filipe ou a María, optando na fin polo primeiro, mais tendo que ceder ás pretensións de seu irmán Fernando que, amparado polo ordenado por Maximiliano, sempre lle esixiu Austria e o Imperio, chegando por esta causa a se deixaren de falar durante moitos anos. Malia ter el repartido os territorios entre seu irmán Fernando e seu fillo Filipe, dille a este que nunca faga tal cousa, o que tampouco se cumpriu, pois deixou Flandres á súa filla Isabel. A cesión de Castela a Filipe foi redactada en castelán, mentres que a de Aragón foi feita en latín, pois este reino nunca consentiría que se fixese na lingua do veciño.

No seu primeiro testamento (Bruxas, 1532) dispuxo ser enterrado nesa cidade ou, caso de se reconquistar Borgoña (en poder de Francia), na cartuxa de Champmol, en Dijon, por ser o panteón familiar. Só no caso de morrer en España, quere que o enterren en Granada. El sempre, con toda lóxica, se sentiu borgoñón, como vemos, aínda en 1547, cando recomendou a Filipe que non esquecese nunca Borgoña “nuestra patria” e, ao ano seguinte, mandou ao duque de Alba que mudase o cerimonial da corte de Castela polo máis complicado de Borgoña, amais de organizar dese xeito a Casa Real. Filipe II continúa a política de seu pai desde o punto de vista da unión dos reinos e podemos dicir que nunca tivo interese algún en castelanizar os demais territorios. El nunca foi emperador de Alemaña, nin das terras americanas, malia a petición que lle fixo Hernán Cortés, trala conquista de México. As Indias sempre foron chamadas “nuestros reinos de las Españas”. Stanley G. Payne, historiador da órbita FAES que presentou Cartas a un joven español de José María Aznar, calificándoo como “un libro excelente que es un tratado para nuestro tiempo”, recoñeceu, en La España Imperial, que “Durante el siglo XVI, no se realizó ningún esfuerzo por unificar los diversos estados peninsulares y se respetó la integridad constitucional de los principados que integraban la monarquía”. E de Filipe II dixo que “Al acceder al trono, aceptó en su totalidad el pluralismo constitucional del Imperio, sin pretender cambiar las instituciones públicas”. Sobre os territorios americanos, aos que el chama Imperio ultramarino di que eran da Coroa Española “y, más especialmente, aún, de la Corona de Castilla. Durante varias décadas se prohibió que los súbditos de los principados aragoneses participaran en la conquista y colonización...”.

Linch, en La España de Felipe II, di que “Desplazarse desde Castilla hasta Aragón suponía atravesar una frontera que conducía a un mundo social y político diferente, donde existían señores semiindependientes que poseían numerosos derechos feudales en detrimento de la corona y de sus vasallos, donde los castellanos eran excluídos de los cargos públicos, donde las leyes eran diferentes y se administraban de manera independiente, y donde la imposición estaba controlada por las cortes”. Cando Filipe II, en 1581, manda unha embaixada de Lisboa a Barcelona, risca, segundo Parker, en Felipe II. La biografía definitiva, o texto do salvoconduto que dicía “de aquí a Madrid y de allí a Barcelona” e ordena poñer: “desde la raya entre estos reynos de Portugal y los de Castilla hasta Madrid, y desde allí hasta la raya entre aquellos reynos de Castilla y los de Aragón”. Que quede ben claro que son tres reinos distintos. Se Cataluña se identificou escasamente coa idea imperial de Carlos, menos o fixo coa política exterior de Filipe II e cando participou con tropas ou cartos foi por coincidencia de intereses. “Felipe (engade Linch) nunca intentó acabar con la estructura establecida por los Reyes Católicos, que integraba a Cataluña en España a través de una especie de federalismo informal, ni pretendió ignorar las prerrogativas constitucionales de los catalanes”.

En 1581 Filipe ocupou o trono Portugués, mantendo a súa estrutura, as súas colonias, coas que só ela pode comerciar, e a súa moeda, nomeou sempre cargos portugueses, fixo escribir todos os documentos en portugués e afanouse el en aprender a lingua; pero non se permitiu aos portugueses ir á América española, non sendo para levar negros. El é rei de todos; pero a cada quen o seu. No documento que concerta a voda de Filipe con María Tudor de Inglaterra, faise constar que, caso de nacer un fillo, este gobernará nas Illas Británicas e en Flandres, non nos reinos peninsulares.
Alguén pode seguir chamando a todo isto unidade e Imperio Español?

Na vindeira e derradeira entrega veremos cando España pasa a ser unha unidade e, posteriormente, unha nación.