A extincion do “homo ruralis galaicus”

Despois de ter deixado os seus hábitos cazadores e pastorís danlles como única solución para conservar o seu hábitat pelexar con xabarís, corzos, corvos e outras aves de rapiña, incluídas as gaivotas de terra a dentro.
Xa non quedan pasteiros nin searas, nin labrados, nin hortas. O depredator peperus decidiu que o homo ruralis galaicus tiña que extinguirse. E unha especie moi rústica, que ten uns instintos de apego a terra e de facer fogueiras e grellados, e a vivir en manadas. Por enriba, comunícanse nun idioma que se quedou estancado no tempo e que aínda practica un berro salvaxe chamado “aturuxo”. Non se adaptan a vivir en pisos nin en áreas urbanas, e o que é peor aínda, non se adaptan ao mercado, nin a investir en bolsa, nin aos sistemas de seguros, e producen os seus propios alimentos matando porcos, pitos, coellos; e comen verzas escalfadas que plantan nos xardíns ao redor das súas vivendas e que lle chaman caldo galego. Cren na familia, no aforro, no préstamo familiar, na amizade, e renegan dos seguros e dos fondos de pensións. Nesta especie aínda quedan moitos exemplares que cren na seguridade social e nas pensións, cousa curiosa porque eran tan primitivos que inda fai pouco que coñeceron estes inventos
Nos últimos tempos descubriron tamén os tractores e gastaron os aforros que traían da emigración en mercar trebellos mecánicos para remexer na terra. Tamén lles gustaba poñer viñas e todo tipo de árbores froiteiras facendo a súa propia dieta e atrevéndose incluso a invadir a sagrada dieta mediterránea plantando cítricos e oliveiras, ate que sufriron un ataque furibundo do depredator peperus que arrodeou todo o seu territorio de unha árbore que eles chaman “alcolito” e que está logrando reducilos a unhas poucas chairas nas que ultimamente resistiron grazas a unhas vacas leiteiras que lles meteron dende centro Europa e Canadá e que lles dan mais desgustos que leite, agás algúns invernos cada certos anos porque se desecan as herbas dunha grande tribo que hai nas antípodas dos galaicos.
Nestas chairas tamén están reducíndose porque nas coñecidas planicies da Terra Cha, O Xallas ou O Deza entrou tamén o alcolito co que uns meigallos estraños fan enormes fogueiras cada poucos veráns. Misteriosamente tamén estas fogueiras fecundan a árbore máxica do alcolito e despois esténdense moito mais.
O xefe da manada da especie do depredator peperus, que é a especie dominante, logrou que outras especies baixasen dos montes e vaian ocupando nos últimos tempos as veigas, as agras, as lombas, as ribeiras, os ríos e os regatos.
Unha equipa especializada en antropoloxía rural da man da sociedade de pensamento arcaico mais prestixiosa de España (Fascion España Aznarina Experimentation-FAES) chegou a conclusión de que o homo ruralis galaicus se está a degradar por sufrir unha tensión vital permanente que o leva a unha pulsión continua e tardía contra os movementos de cambio e unha submisión servil de can de palleiro e burro fariñeiro. A dicir de esta fundación estas características permitíronlle convivir pacificamente durante séculos co depredator peperus. Con todo, outras versións apuntan a que esta teoría é moi recente e que en realidade no pasado foi unha das especies mais rebelde e creativas da Península Ibérica. O feito de que abandonen as aldeas despois de que se amañasen os camiños e se puxese alumeado e outros servizos reponde ao erro de quen fai escolas para os mortos ou gaiolas cando xa non quedan paxaros.
,Abandonando a teoría da FAES e seguindo a mais tradicional da creatividade puidemos comprobar como estes rurais argallaron e argallan múltiples xeitos de facer nacer vida da terra. Practican todo tipo de oficios rematados en -ores ou en -eiros: Agricultores, silvicultores, viticultores, pastores, ferradores, fruticultores, gandeiros, queixeiros, pataqueiros, augardenteiros,granxeiros, adegueiro... E inda lles quedan folgos para ser artesáns, mecánicos, electricistas, construtores, e ademais, gaiteiros, cantores e larpeiros…
Teñen o vello vicio das formigas de crear sociedades comunitarias. Pero despois de combater as vellas pragas do caciquismo aparécenlle as desfeitas do bicho. E cando o homo ruralis galaico eleva un fenómeno a categoría de “bicho” está a falar dunha praga moi difícil de combater. Está a falar dun depredador que vai detrás das súas creacións destruíndoas e roéndoas. Este é o caso dos terríbeis ataques nos últimos anos do depredator peperus:
- Crearon o Banco de Terras de Galicia. Liquidouno sen deixar rastro.
- Estaban organizando as comunidades de montes veciñais en man común para ordenalas en conxunto. Chamábanlle UXFOR (como lle podían chamar doutro xeito). Ciscoulles todo o bicho. Disque ordenar os montes é función das empresas....
- Querían facer un grupo lácteo. Fíxoo unha sociedade de alimentos lácteos que serviu para desfacer todo o cooperativismo agrario e quitarlles a idea de volver a xuntarse nunca mais a falar dun “grupo lácteo galego”.
- Fixeron asociacións de cazadores que ao mesmo tempo eran gandeiros, gaiteiros, e larpeiros e o peperus lanzoulles enriba tódalas compañías de seguros para que se fundan con toda seguridade e a caza sexa un couto salvaxe de ricos señoritos que so lles permitirán aos nativos galaicos ir de acarreadores das escopetas valeiras.
O homo ruralis xa tiña creadas mutuas agrarias a finais do século XIX e comezou co tempo a encher con grans acumulados caixas de aforro por todo o seu territorio. Pero estes benditos petos de ánimas aforradoras foron asaltados polas feras peperas de Galiza e os seus bruxos madrileños e desfixéronllas nestes dous anos mesmo como as colmeas o oso. Roéronlle hasta a última lambetada de cera cunha trampa que lle chamaban accións preferentes meténdoos de xeito traidor nun labirinto que lle chaman “ da bolsa.” Un xogo de “trileros” e canallas no que os peperus enredan a todo o que entra nas súas redes. Inda lles queda aos rurais unha creación con nome propio chamada Caixa Rural que en canto poidan saquearán como fixeron coa outra...
O “homo ruralis galaicus” anda a recuperar como pode a súa memoria e a súa historia e cultura, quizabes un pouco as apalpadas, porque os peperus botan unhas bufaradas de fume mouro para convencelos de que nunca existiron como pobo e que todo o que fixeron os seus pensadores, artistas, canteiros e creadores e mellor esquecelo. Inda teñen mais ansia os peperus en que esquezan como foron sometidos e dominados,levados para as guerras ou lanzados a emigración como burros de carga. Mais esta pretendida extinción dará folgos aos rurais galegos a amosar as gadoupas como o gato pechado e acosado. Non será o remate hoxe desta historia, nin será a fin dos humildes habitantes da néboa e os regatos que camiñan cara as rías. Detrás de tempos, tempos veñen...