A Europa autoritaria


Un repaso ás decisións adoptadas polas institucións europeas ao longo do transcurso desta crise amosa ben ás claras a natureza deste modelo de integración europea e reforza as críticas verquidas ao mesmo desde o nacionalismo galego. A expansión e extensión do poder do grande capital financeiro e transnacional, que foi o leit motiv de todos os esteos que foron conformado a Unión Europea que hoxe padecemos, tamén serve de guía para afrontar a crítica situación económica e social actual. As decisións adoptadas desde finais de 2008 sempre foron guiadas nas mesma dirección, dando soporte aos incentivos aos bancos en apuros, excitando aos Estados a intensificar reformas sociais no eido laboral, da protección social e fiscal regresivas. En fin, todas as institucións da Unión Europea tamén se aliñaron sen miramentos coa doutrina que avoga por facer pagar a crise ás maiorías sociais, ás clases traballadoras, que non tiveron nada a ver na orixe da mesma, e ao tempo afánase a mantenta en manter o estatus das oligarquías financeiras. Unha Europa nada social nin proclive a defender os intereses das maiorías sociais, disposta a axir aínda máis en contra dos mesmos a forza de instaurar máis mecanismos antidemocráticos.

,Estamos ás portas de que se adopten decisións que avanzan cara un maior desprazamento da capacidade de decidir de órganos e institucións democráticas de calquera Estado, ou ente integrante do mesmo, da Unión Europea, a prol de autoridades comunitarias investidas de poderes capaces de facer sucumbir calquera decisión adoptada no que atinxe á xestión dos recursos públicos. A confección dos orzamentos públicos comporta un exercicio, non só de administración dos recursos dispoñíbeis coa asignación de prioridades en que investilos, senón sobre todo a intervención para unha distribución máis equitativa da riqueza. Ora desde o punto de vista dos ingresos,actuando para recadar cun criterio progresivo en función das rendas, ora desde a óptica do gasto, destinando unha maior porcentaxe do mesmo a políticas sociais que tanto contribúen á erradicación de desigualdades sociais (educación) como a satisfacer necesidades básicas (sanidade, pensións e protección social). Un exercicio de intervención pública económica, cuxa importancia fai que resida nos máximos órganos de representación democrática a súa tramitación e aprobación. Sexa no Estado español, no Parlamento Galego, ou nos entes locais, a definitiva ratificación das contas públicas é efectuada pola totalidade dos seus integrantes que foron directamente e democraticamente designados, sen maiores condicionamentos que aterse ás regras de tramitación e atender os compromisos e obrigas legalmente adquiridos. Mesmo a diferente composición de cada órgano, en virtude da representatividade atinxida nun proceso electoral, activa mecanismos de negociación e modificación política dos orzamentos públicos, isto é, que a definitiva definición das contas públicas tamén depende da correlación das forzas políticas que lles vén outorgada directamente polo apoio que teñen da cidadanía.

A asunción da doutrina económica dos Tratados da Unión Europea xa mutilou en grande parte a capacidade de acometer unha intervención pública na economía que contribuíse a unha asignación eficiente dos recursos, á redistribución equitativa da riqueza e á estabilización dos ciclos económicos. A liberalización dos movementos de capitais, o adelgazamento dun sector público empresarial en sectores produtivos estratéxicos para engordar os nichos de negocio das grandes compañías privadas transnacionais, a desregulación do sector financeiro, a implantación dunha moeda única tutelada por unha institución investida dunha independencia que a converte en allea a calquera control democrático, situaron nunha precaria situación aos gobernos e institucións democráticas de calquera pobo ou Estado que forma parte da Unión Europea, que foron perdendo moitas das ferramentas coas que facer valer unha política económica real, e fican presas agora das grandes corporacións que ocuparon ese lugar, que non teñen máis obxectivo que multiplicar os seus beneficios.

A pretensión anunciada é afondar agora nun control férreo alí onde os poderes públicos democráticos xurdidos directamente da vontade popular aínda gozaban de certa autonomía para aplicaren políticas públicas, isto é, nas contas públicas, a través dunha tutelaxe da política orzamentaria exercida, de novo, por autoridades independentes, suporá afondar na desintegración dos poderes que dependen directamente do pobo, aferrarse a un modelo de involución democrática, en aumento a medida que se incrementou o grao de integración europea. Máis déficit democrático agora a conta de loitar contra o déficit público. E unha volta máis, cedendo autoridade a novos órganos que non teñen obriga de dar conta á poboación, co que lles será doado aos lobbies representativos das grandes oligarquías empresariais e financeiras facer medrar as súas habilidades e capacidades de disuasión e influencia a favor dos seus intereses que nunca coinciden co das maiorías sociais.

Europa avanza a golpe de autoritarismo. Agora non é militar, non hai exércitos nas rúas impondo o modelo que máis lle convén a selectas minorías. É o tempo da autoridade burocrática-tecnocrática, cada vez máis sofisticada, con maior capacidade de ditar o programa a aplicar aos gobernos democráticos en contra do clamor social. Máis concentración de poder que, embora, serve á mesma causa, a de asentar un modelo político e social xerarquizado no vello continente, ao que debemos opornos pois, de ter suceso, das súas funestas consecuencias xa nos dá conta a Historia.