A estupidez ao poder


Hai razóns que non chego a entender, partiremos tal vez de premisas ben distintas ou e que a realidade se nos presentan dun xeito diferente a cadaquén.

O PSOE leva enfrontando esta crise coa receita europeia: recortes, privatizacións, préstamos á banca, etc. Como un caciño manso obedece sen chiar o que os emperadores Franco-Alemáns lle ordenan. E en este sentido esta tamén, de paso, a facer o que o PP e a Patronal lle esixen. Así temos a reforma das pensións, a reforma laboral, os recortes en educación , sanidade, o rescate con diñeiro público á gran banca privada, a privatización das caixas de aforro... Logo destas políticas da tesoira e a contención do gasto público que é o que nos queda? O maior endebedamento do estado dos últimos anos, a maior taxa de paro, o menor consumo da nosa historia, etc...

Non creo que teñamos que ser especialmente intelixentes para darnos contas de que todas estas medidas do goberno do PSOE de Zapatero e Rubalcaba non serviron absolutamente para nada.

O PP promete entrar con toda a súa propaganda austera (da cal o señor Núñez Feijoo xa nos ten acostumados e que tan bos resultados nos está dando aquí en Galiza) para devolvernos a felicidade e seguir cos recortes ata que non quede máis tela que cortar. Propostas concretas para afrontar a crise: seguir na liña do PSOE dobregándose aos mandatos europeos de contención do gasto público, mentres a gran banca segue a facer negocio coa nosa débeda pública. A receita é deixar de gastar o que non se ten, aínda que isto se leve por diante a sanidade, o ensino público e o estado do benestar. En ningún caso se fala de facer ingresos ó estado ou de medidas de concretas e eficaces de creación de emprego.

Mentres isto é o que realmente vai acontecer, que é o que nos venden? Estupideces. Estupideces para facernos estúpidos. E a través da estupidez e da idiotización da sociedade os gobernos popular e socialista se intercambian os mandatos. Cortinas de fume continuas e bombardeo de globos sonda.

Exemplos de globos sonda, burros voando e cortinas de fume:

"¡Que se acaban as pensións!". Agora que zp, ccoo e ugt venderon as nosas pensión á banca obrigándonos a xubilarnos dous anos máis tarde para cobran o 27% menos, parece que xa non rematan.

"¡Que difícil é despedir a un traballador! ¡Hai que flexibilizar o mercado laboral para crear máis emprego!". Reforma laboral e asunto arranxado e como vemos a taxa de paro segue baixando.

"¡Hai que adelgazar a administración, hai moito gasto público!". Esta é a traxicomedia de cómo a débeda privada dos bancos se transforma en débeda pública. Baixámoslle o soldo so funcionarios, privatizacións de servizos públicos e asunto (case) arranxado.

O futuro con este bipartidismo da política da estupidez é francamente negro. Non teñen capacidade para sacarnos desta crise. Só teñen eficacia para seguir consolidando este sistema no que os mercados especulativos nos pasan por riba.

,A crise ten os rostros da vitoria e os millóns de rostros da derrota. O rostro de Botín, Alierta, Amancio Ortega e de todos os accionistas das empresas do Ibex 35 e da gran banca especuladora, de Rodríguez Zapatero (que rematará sendo asesor do Santander ou de Telefónica), e de tantos outros que non coñecemos. Pola contra ten o rostro da derrota nos 5 millóns de parados que ten o estado español, estado que nos ten de colonia para cando lle facemos falta e de estorbo cando se lle esixe máis financiamento ou máis autogoberno.

Por outra banda están os nosos rostros: o rostro do desempregado/a, do traballador que cobra en B, da muller que ten que deixar o seu traballo para facerse cargo dos dependentes que ten na casa, do autónomo que as pasa canutas para chegar a fin de mes, do pequeno empresario que fecha a súa empresa, do comerciante que non lle dá saída aos seus produtos e non pode pagar o aluguer, do pensionista...

Mentres miramos os burros pasar e facemos nosos os discursos da dereita (PPSOE e CEOE), caemos na estupidez na que os gobernos dos estúpidos nos queren ter. E non é doado, nada sinxelo. Entre a desinformación continua e o seu bombardeo sistemático de falacias escapar da estupidez é moi complexo.

Estou canso de ver como as idioteces veñen dende distintos puntos cardinais. Escoitar a compatriotas que, cos terribles problemas que temos en Galiza sendo gobernados pola dereita máis fascia que coñecemos dende a ditadura, van a votar a Bildu. Loxicamente é a opción máis galega que perciben. Neste senso hai algo aquí que falla e gravemente. Traballadores/as que van votar ao PP baixo a premisa estúpida de que a dereita é quen ten os cartos e cando entre os van a soltar e todo vai ir mellor. Agora co PP vai haber un cambio, os recortes tiñan que ter sido antes... Pensionistas que van a votar a Rajoy porque aquí o que fai a falla é man dura. Agora temos tamén a un Rubalcaba "comunista" que promete todo o contrario ao que fixo como lacaio do poder económico sendo ministro de zp. Promete o imposíbel porque sabe que non vai a gañar e xa comeza a facer oposición agora.

Só hai un partido que mira polos intereses da maioría dos galegos e das galegas e ese é o Bloque Nacionalista Galego. Faino sempre dende unha perspectiva galega e de esquerdas. Podemos coas nosas mans metendo un voto nunha urna colocar a Galiza no mapa político do estado ou podemos non votar ou votar aos de sempre. Eu agardo que cando menos haxa uns poucos miles que recuperen a cordura antes das eleccións e deixen de facer que este burato sexa máis fondo ou que deixen de poñerse a si mesmos desculpas de falso purismo e mal pagador.

O BNG non é perfecto, tampouco vai transformar a sociedade dende o Congreso ou o Parlamento galego, non vai a cambiar este sistema nin o estado das cousas, pero si que vai a defender como leva facendo no Congreso dos Deputados dende o 1996 os interese dos galegos e galegas con honestidade e con políticas sociais. Fará como leva facendo de muro de contención dos recortes facendo unha oposición construtiva na que Galiza sexa o único centro de interese. O que se fecha en banda a esta realidade isto non o verá. Os medios de comunicación non llo van a dicir. Todo o contrario; seguirán tocando a frauta con estupideces e falsidades para como os ratos do conto levarnos cara o precipicio. O que se achegue con predisposición a escoitar, participar, debater... sempre será benvido.