A estrela do nacionalismo marcou o camiño
A día de hoxe, unha vez asinado o protocolo de fusión das Caixas Galegas, é preciso facer as seguintes reflexións: Que tería acontecido de non existir o BNG? Que pasaría se o BNG non mantivera o temón rexo a pesares das tormentas que asexaban? Que tería pasado se o BNG non tomara a iniciativa da Lei de Caixas e non defendera desde o inicio contra vento e marea a fusión galega? Se non presentara iniciativas políticas en todas as institucións, defendendo a galeguidade, a eficiencia e a solvencia da caixa resultante e non esixira que a Xunta recorrera ao FROB? Que tería ocorrido se o BNG non tomara a iniciativa política a prol do manifesto da fusiónde Caixanova e Caixa Galicia, asinado por todos os sindicatos de clase -cun papel central da CIG, patronal e PP?
A resposta é clara. Feixóo seguiría mirando para outro lado e o PP e o PSOE terían conseguido os obxectivos polos que iniciaron o proceso de Reestructuración Ordenada da Banca, que non son outros que centralizar en Madrid a toma de decisións relativas ao sistema financeiro e privatizar e españolizar as caixas entregándoas á Banca.
Polo tanto, este é o momento de reflexionar sobre o camiño andado, analizar o papel que xogou cada quen, ver as dificuldades polas que pasou este proceso, e tirar conclusións. Agora, debemos pedirlle explicacións a algúns persoeiros, polo papel que teñen adoptado, posicionándose claramente contra os intereses dos galegos e galegas, entre eles ao Sr. Rajoy, quen abogaba por: "Las fusiones entre Cajas de Ahorro se produzcan entre entidades de distintas Comunidades Autónomas"; "Son absurdas las pretensiones políticas para que las cajas de la misma región se fusionen entre ellas". Esta posición defendíaa para facilitar o acordo da absorción de Caixa Galicia por Caixamadrid, esta era a verdadeira intención do PP. Tamén a Sr. Caballero, Alcalde de Vigo, quen para "sacar tallada eleitoral" xustifica un rancio localismo facendo ademais de auténtico cabalo de Troia para facilitar a estratexia do PSOE, conseguir un SIP con Caja Astur e Caja Cantabria. Para ese obxectivo non dubidou en claudicar dos intereses de Galiza e de Vigo e colocarse como un auténtico Superman contra a Fusión, convocando mobilizacións e declarando por exemplo: "La fusión es un error inmenso" "No habrá fusión porque no quiere Caixanova, los empresarios, ni los ciudadanos" "Si Caixanova no sigue sola no me presentaré a las municipales". Se este señor fose de palabra e cumprira o que prometeu, algo teríamos gañado, pero moito me temo que non o fará.
Grazas a que o BNG demostrou a súa coherencia e a que cada vez máis galegos e galegas se sumaran e reclamaran o control sobre máis do 50% dos nosos aforros, a Xunta de Galicia tivo que asumir o que era xa unha opinión maioritaria no país. Así fomos quen de parar o primeiro envite, pero non hai que baixar a garda xa que Zapatero e Rajoy teñen preparado a través da Reforma da Lei Orgánica de Financiamento das Comunidades Autónomas un novo intento para conseguir os seus obxectivos centralizadores.
Só se os galegos e galegas seguimos firmes, como nos guía a estrela da bandeira galega do BNG conseguiremos o obxectivo de artellar un sistema financeiro propio, que sirva aos intereses do país.