A Estratexia de Especialización Intelixente

A Estratexia de Especialización Intelixente

Na actualidade está en marcha o proceso de elaboración da Estratexia de Especialización Intelixente para Galicia (RIS3 - Research and Innovation Smart Specialisation Strategy), coa finalidade de impulsar, sobre a base da innovación, o crecemento económico e optimizar a eficiencia dos investimentos. Esta Estratexia é unha condición previa para os obxectivos de innovación do próximo marco de financiamento 2014-2020 dos fondos estruturais.


Esta é a última oportunidade de acceder aos fondos estruturais (2.500 M€) xa que logo Galiza deixará de ser obxectivo estratéxico. A Axencia Galega de innovación é a encargada do proceso que terá que concentrar esforzos en áreas prometedoras partindo das fortalezas do contexto económico galego. É moi importante evitar que se utilicen parte dos fondos Feder galegos por parte do Estado en políticas estatais, cousa que veu sucedendo en anteriores marcos temporais, non se pode permitir que fondos asignados para situar Galiza a nivel europeo sexan utilizados para programas do resto do Estado.

Dentro dos retos temáticos sectoriais atopamos “Saúde, Benestar e Vida”, “Alimentación, Agricultura, Pesca e Biotecnoloxía”, “Enerxía, Medio Ambiente, Servizos, Turismo e Cultura”, e os transversais “TIC” e “Nanotecnoloxías, Materiais e Tecnoloxías da produción”.

Cun investimento mínimo de 600.000 euros hai que implicar fondos públicos e privados e dentro dos públicos existe unha entidade galega de xestión de sociedades de Capital Risco, Xesgalicia. É precisamente o Capital Risco o máis axeitado para financiar estes proxectos, aínda que ten un nome non precisamente afortunado, podiamos chamalo Capital Intelixente ou Capital Aventura que é a tradución directa do seu nome en inglés. Pódese definir como unha actividade financeira que consiste en proporcionar recursos ás empresas, a medio e longo prazo, pero sen vocación de permanencia ilimitada. O inversor destes capitais busca tomar participación en empresas que pertenzan a sectores dinámicos, dos que se espera teñan un crecemento superior á media. Digamos que formarán parte da xestión aportando o seu “know how” empresarial o que suplementará, no caso que nos ocupa, a falta de experiencia empresarial dos innovadores emprendedores, sobrados de coñecementos técnicos na súa materia pero faltos de experiencia empresarial.

O capital público nestes casos non debería estar para gañar cartos directamente no rendemento dos préstamos senón para axudar ás empresas a crear emprego e riqueza, consecuencia do cal aumentará a recadación en impostos e, o máis importante, en crecemento para o país que debe ser o verdadeiro obxectivo dunha Administración que busque dotar dos máximos servizos á poboación.

Outro obxectivo da Administración é o desenvolvemento da cultura emprendedora, aceptando que, en ocasións, haberá fracasos e non poucos. Hai que innovar en algunha materia que aproveite os activos que ti tes como pais, hai que focalizar pois, concentrar esforzos coa máxima de que innovar non é suficiente, hai que emprender.

Podemos completar os obxectivos na procura de talento e o seu mantemento, en establecer canles para a transferencia axeitada ao mercado da innovación, tamén hai que mobilizar o capital privado e fomentar Pemes innovadoras.

Coñecer as debilidades e as fortalezas de Galiza é fundamental para traballar na innovación intelixente e estas están ben claras. As nosas debilidades pasan pola nosa atomización empresarial, a pouca innovación, cooperación e internacionalización, tamén pola escasa transferencia tecnolóxica e valorización do coñecemento. Dependemos moito do investimento público e hai pouco compromiso do capital privado e temos unha escasa capacidade de atracción do talento. Ademais hai unha escasa demanda interna en relación con países competidores.

Somos fortes en que temos importantes recursos endóxenos diferenciais, naturais e patrimoniais. Temos sectores industriais tractores con ampla experiencia, dispoñemos de infraestruturas competitivas e capital humano con experiencia. As nosas universidades ofrecen unha formación superior ampla e variada e existen capacidades investigadoras e de xeración do coñecemento.

Así pois, non podemos deixar pasar esta última oportunidade, despois de tantas desaproveitadas, para colocar a Galiza nun lugar competitivo baseado na innovación, no emprendemento e no coñecemento. Este é o único xeito de saírmos desta crise xa que está claro que na produción baseada en man de obra barata e de elementos non innovadores e con moita competencia non temos ningunha oportunidade.