A esquerda española e o fascismo

A esquerda española e o fascismo

Foi polémica a campaña dos líderes da esquerda “roturista” española de imputar ao nacionalismo o “despertar” do fascismo. Rapidamente foi descalificado polo mesmo que sempre se descalifican estes argumentos onde se lle bota a culpa ás vítimas da actuación dos vitimarios. Pero que é ser de esquerda e que é o fascismo? O certo é que a apropiación e deturpación da linguaxe nos últimos tempos levaríanos a dubidar de se é posíbel aclarar a cuestión. No programa
">“Polonia” había un sketch na que uns nazis viñan a apuntarse á ANC (Asemblea Nacional Catalá) xa que escoitaban insistentemente polos medios de comunicación que os independentistas cataláns eran fascistas. Por outra banda nas manifestacións que lucían simboloxía e proclamas nazis identificadas como tais e prohibidas en moitos países europeos topamos con que se lle dicía defensores da democracia e da liberdade. Si, os que pechaban un parlamento e detiñan a un goberno elixido polo pobo eran os demócratas. En cambio os que puñan urnas para que a xente votara eran uns golpistas. Como é isto?

En calquera caso, por outra parte, é certo que historicamente o fascismo foi usado para quebrar o réxime liberal existente. Outra característica é que tentaba substituír ás leis pola subordinación á vontade dun líder ao que entregaban a soberanía coma se fóra un cheque en branco. E temos que dicir que certamente esas características non se deron por parte dos españolistas.

Mais tamén é evidente que hoxe o fascismo non ten as mesmas formas que hai cen anos, mais tampouco debemos quedar só nas formas e ir ao fondo. Do mesmo xeito que o comunismo non debe definirse polas diversas formas históricas nas que se puxeron en práctica e que están condicionadas polas circunstancias nas que se deron, ao fascismo habería que identificalo polas súas consideracións teóricas fundamentais. Claro que unha cousa non debe analizarse sen a outra, e non debe excluírse a repercusión que as ideas teñen na práctica. Pero o central do fascismo é a súa visión xerarquizada da humanidade e a súa defensa de que a igualdade é imposíbel. Xa que logo a organización do poder debe ser de mando e obediencia, non de diálogo e acordo. Esta última posicións sería en cambio patrimonio da esquerda, contraria aos privilexios e oposta á imposición.

Que acontece no Estado Español a este respecto? Compre recoñecer que a aparencia de democracia leva ao Estado Español a manter unha retórica a favor do diálogo e ao acordo que se agradece e que está moi afastada da fraseoloxía fascista. Isto cando menos publicamente e a través dos líderes e medios de comunicación do réxime. O problema é que esta concepción convive cunha interiorización da cosmovisión xerárquica do Estado que se foi acentuando nos últimos anos até naturalizar unha desigualdade e uns privilexios duns a respecto doutros que lle leva a retirar calquera consideración de interlocutor en pé de igualdade a ningunha das nacionalidades que conviven baixo o mesmo réxime constitucional. Lembremos que orixinariamente distinguíase no artigo 2º entre nacionalidades e rexións, hoxe só existen “Comunidades Autónomas”, todas do mesmo rango e que non teñen ningún dereito a establecer relacións de bilateralidade co Estado e, se así se producen (caso de Euzkadi e Nafarroa), non deixa de percibirse como un agravio aos demais.

Euzkadi, Galiza e Cataluña tiñan institucións e dereitos preconstitucionais que teoricamente ían ser respectados. Como se entende da súa denominación de nacionalidades históricas, tanto pola lectura máis ambiciosa como a máis retraída desa terminoloxía. Agora ben, os chamados constitucionalistas realmente non son fieis aos consensos acadados por aquel entón e dos que se din herdeiros. O caso é que atopamos hoxe en día unha interpretación das normas fundamentais e das regras de xogo do actual Estado que se basean nunha fachada baseada nas imaxes que temos asociadas cun Estado de Dereito, democrático e mesmo social, máis que tras diso acentúase cada vez máis a idea da supremacía cultural, lingüística e política do centro a respecto das nacións periféricas. Esta visión supremacista que supón, dilúe ou elimina o máis mínimo recoñecemento da realidade diferencial (xa non como nación, nin sequera como rexión) fai que se chegue a conclusións tan absurdas como que os cataláns non son quen deben decidir sobre como queren relacionarse co resto do Estado senón que deben ser “todos os españois”. Digo absurdo non porque non deixen decidir aos Cataláns que é acorde coa visión centralista que teñen, senón pola posibilidade de presentar un referendo sobre Cataluña na que se vote fóra. En que cabeza cabe isto?. Certo que en moitos Estados -como insistentemente se di- non permiten referendos ás súas respectivas nacións, pero creo que non hai ningún caso onde alguén propoña que voten todos. Isto só se pode entender por unha especificidade estraña deste Estado.

O que nos pode singularizar é que aquí hai un franquismo ou fascismo do cal se parte e co cal nunca se rachou realmente pero si formalmente. Un franquismo que compre superar de xeito sublimado a través desa demostración democratista que outros non precisan realizar. Pero franquismo ao fin e ao cabo, que foi legalizado e traducido socioloxicamente a esa visión racista a respecto do pluralismo nacional e que está no cerne mesmo do actual réxime. Mais como conciliar esa visión fascistas nas relacións entre as nacións coa defensa das liberdades democráticas que sosteñen as organizacións progresistas?

O problema é común da esquerda nos Estados plurinacionais nas que se dá unha desigualdade evidente dunha das nacionalidades a respecto das outras, ao igual que nos Estados onde estes participen dunha relación imperialista a respecto doutros pobos. E non serán conscientes de que para facer fronte as transformacións sociais que queren facer teñen que comezar por tronzar con eses privilexios e dominacións de tipo nacional. Se unha sociedade oprime a outra, as relacións intrasociais que haxa en cada unha delas estarán subordinadas e condicionadas ao conflito nacional.

Marx tardou en decatarse a respecto de Inglaterra, Lenín chegou a esa conclusión indirectamente. Curiosamente tanto Stalin coma el teorizaron o dereito de autodeterminación contra o nacionalismo. Mais Lenin decatouse que combatendo ao nacionalismo da nación oprimida estaba a facer o xogo ao que el daquela aínda chamaba “nacionalismo” da nación opresora, máis reaccionario e antidemocrático. Logo incidiría na necesidade de enfrontar o imperialismo como condición para a construción dunha sociedade socialista.

Cando Rosa Luxemburgo presenta o dilema de que debe votar a esquerda Rusa na Duma diante da aprobación na Duma de Polonia da súa independencia co voto en contra da esquerda polaca, Lenin contesta que non ten que votar nada porque é competencia exclusiva da Duma Polaca. A el non lle cola a retórica do “debemos votar todos” para facer pasar por democrática a imposición totalitaria da maioría sobre unha minoría. Isto desde aquela xa quedou desautorizado na tradición da esquerda internacional.

Escoitando os argumentos de Albano Dante Fachín para pedir o voto polas formacións independentistas sendo el “non independentista” lembra algunhas desas consideracións de Lenín e tamén outras que se teñen feito desde a esquerda nacionalista: como se pode defender a aplicación da axenda social cando o Estado vén continuamente botando abaixo calquera das leis deste tipo aprobadas polo Parlament debido á falla de soberanía e competencias reais de Cataluña?

En calquera caso el si que sinala unha cuestión que ten que ver con este debate sobre o fascismo. Votar polas forzas independentistas é votar pola democracia fronte ao totalitarismo, a prisión dos disidentes, a censura e os paus. En boca dunha persoa da esquerda española resulta insólito. O caso é que simplemente o feito de presentarse forzas Estatais nas nacións onde existen forzas propias xa debera ser entendido como imperialista por moito que se disfrace de federal, confederal ou como se queira chamar. Como tivo ocasión de comprobar o propio Albano Dante Fachín as forzas estatais ou ben deixan facer o que se queira a quen se presenta coas súas siglas, para o que non ten sentido deixarlle as siglas, ou ben deixa facer só aquelo que eles consideran tolerábel e senón non, co cal tampouco ten sentido os traxes rexionais cos que se presentan estas forzas (en común, mareas, etc...).

Vendo os ataques á esquerda española por parte dun fascismo sen complexos que está a “despertar” -na súa terminoloxía- sentímonos na necesidade de solidarizármonos con eles. Véxase o que lle aconteceu en Zaragoza onde foron sitiados nun pavillón. Mais os nacionalistas nunca consideramos que o fascismo estivese durmindo, ao contrario, comprobabamos no día a día o activos que estaban. Ou é que os de “Galicia Bilingüe”, por exemplo non deixaron en evidencia que a estes non lles pegara o sono coa instauración dun réxime democratico. Pero do mesmo xeito que este grupo deixou de ser activo cando o seu programa foi recollido e implantado polo propio goberno da Xunta, mesmo prohibindo o galego nalgunhas materias no ensino; tamén a nivel de Estado deixou de existir unha expresión activa do fascismo porque os seus presupostos imperialistas estaban a, salvo e as cousas ían na dirección que a eles lle interesaban. A quen se anestesiou, en cambio, foi a aqueles que se creron o conto da idílica transición. Algúns despertan agora e recuperan a bandeira tricolor, aínda que teñen recaídas cada vez que hai unha recepción Real. Mais non parece que estean moi insomnes nalgunhas das súas declaracións. Estráñanse que metan na cadea aos independentistas, indígnanse que haxa exiliados e mesmo protestan polas malleiras do 1 de outubro. Pero foron eles quen deslexitimou ao parlamento de Cataluña por como aprobou as leis de referendo, insistindo unha e outra vez do carácter ilegal deste e que só recoñecerían unha consulta “pactada” e con garantías. Que esperaban entón?

Non se trata de dar consellos a esquerda española de como debe ser, alá eles. O que si non podemos tolerar é que se digan de esquerdas, mesmo que eles son a esquerda auténtica, e por enriba ter que aturar as súas acusacións.

Historicamente sempre que se fala de esquerda se refiren os medios hexemónicos á española e cando se referían aos de esquerda das nacións oprimidas se referían só como nacionalistas. Isto é interesadamente confuso. Pode que abonde co de nacionalistas para definir aos da esquerda comprometidos na liberación do seu país, pero é dubidoso que se poida denominar de esquerdas aos que toman partido a favor da nación opresora. E o máis triste é que se queira asociar como dereitas aos nacionalistas e mesmo inserir dentro do seu combate contra a reacción a súa batalla contra os defensores da soberanía do país asoballado á beira ou ao servizo precisamente das forzas máis extremas da reacción.

Mais isto sempre foi así. Por exemplo, cando se narra as polémicas da Federación de Sociedades Galegas Agrarias e Culturais de Arxentina fálase da liorta entre nacionalistas e socialistas. Resulta que nas filas nacionalistas topamos a dirixentes socialistas e comunistas como Suárez Picallo, mais os adversarios non teñen problema en sacar artigos identificándoos como fascistas e asociandoos con Mussolini para defender o seu imperialismo español oculto baixo a súa fraseoloxía progresista, así mentres eles militaban nun PSOE que estaba a colaborar coa ditadura de Primo de Rivera (o Mussolini español segundo o Alfonso XIII), os que combatían a ditadura desde as filas nacionalistas en Bos Aires era purgados da Federación.

O pasado quizais nos axude a comprender un presente tan confuso. Certo que cambiaron moitas cousas, pero hai outras que parece que non deixan de repetirse unha e outra vez.