A españolidade de esquerdas

A españolidade de esquerdas

Semella que a identidade española non está afectada polo dilema entre esquerda e pertenza cultural, entre esquerda e pertenza nacional, entre esquerda e marco xurídico territorial, entre esquerda e ámbito organizativo. Só os nacionalistas da periferia estaríamos afectados por tal réxime de incompatibilidades. Elabórase, así, un discurso dunha parte da esquerda española, no que a loita pola liberdade dos pobos carecería dos elementos necesarios para ser estimada digna de recoñecemento como axente de transformación social. A pretensión de “liberación nacional” non suporía máis que intereses egoístas e insolidarios con respecto ao resto da poboación do Estado, que continúa a ser considerada coma o auténtico suxeito da soberanía nacional. Deste xeito, as organizacións de ámbito “nacional” reclaman o patrimonio dos valores de esquerdas e preséntanse coma as únicas capaces de vertebrar a resposta e a alternativa cara as clases populares.

Axiña se evidencian dous espurios puntos de partida. Por unha banda a definición do marco nacional, mais cunha ocultación do seu carácter identitario español, e por outra, derivada da primeira, a negación paternalista de que entre as organizacións nacionalistas periféricas teñan relevancia os plantexamentos de mudanza social.

A pouco que afondemos evidénciase o carácter circular destes argumentos que se desmontan a pouco que se reflexione; tema que, por outra banda, xa está de abondo reflexionado e contestado. O que si gostaría é de traer certos elementos de xuízo coa intención de abondar nas fasquías de democracia radical e de transformación social que os movementos nacionalistas poden aportar, no actual redeseño capitalista, cara ao logro dun outro mundo máis xusto.

A negación do dereito a decidir, acompañado con razoamentos do tipo de que as forzas que levan a unha nación sen Estado a loitar pola súa soberanía son ilexítimas, desestabilizadoras e excluíntes, mentres que aquelas que a manteñen sometida a unhas determinadas estruturas estatais son lexítimas, armonizadoras e garantes do progreso e da paz agacha un déficit democrático de tal envergadura que dificilmente pode ser sustentado por organizacións que procuran afondar nos mecanismos de xustiza e igualdade.

,A identidade non está afastada das condicións materiais. A demanda de recoñecemento sostense sobre unha praxe de redistribución política e económica, situándose nun marco de xustiza social e igualdade moito máis que no da exclusiva autorrealización. Así, o dereito a seren recoñecidos, fai parte dunha demanda na que todos teñan o dereito a perseguir a estima social en condicións xustas de igualdade de oportunidades e do acceso aos recursos materiais e simbólicos da súa comunidade nacional.

Tampouco se pode prescindir da análise das condicións en que os Estados actuais manteñen a súa funcionalidade na competencia intercapitalista mundial. Vén sendo preciso comprender como o control das institucións propias e o exercicio da soberanía nacional poden constituír serios obstáculos ao modelo globalizador. A brutal erosión da capacidade de decisión das nacións e dos estados, coa finalidade de incrementar a explotación entre centros e periferias, así coma entre clases, pode ser combatida defendendo un modelo de relacións internacionais entre pobos libres e soberanos nos que o control popular das decisións estea máis achegado aos suxeitos. O alonxamento das instancias de decisión posibilita enormente a sumisión aos ditados do capital.

Non se debe obviar que as institucións financeiras internacionais e as grandes corporacións transnacionais non só procuran exerceren un implacábel control político e económico, senón que pretenden unha fonda transformación dos substratos culturais e ideolóxicos coa fin de anular as identidades dos pobos e das comunidades nacionais que fagan mais doados os mecanismos de dominación, opresión e explotación.

O logro e o mantemento das soberanías nacionais implica a capacidade para estabelecer regulamentacións sociais e económicas. Deste xeito a defensa da soberanía oponse á pretensión dun mundo no que quen máis ordena son os mercados e as multinacionais, converténdose nun freo ás operacións do capital internacional e á expropiación de recursos propios.

A loita nacional polo progreso e o benestar das clases populares devén esencial para poñer en dificultades ao novo modelo global de expansión capitalista. Cómpre conquistar espazos de poder e recuperar os perdidos.

E, por último, mesmo non cabería pensar que a lexitimación dun marco xurídico-político coma a do actual Estado nacional español, constitucionalmente identitario e historicamente fracasado na tarefa liberal de construír unha nación cívica e non étnica, dificilmente poida ser aceptada por alguén que se reivindique demócrata e non digamos de “esquerdas”?