A España única de Rosa 10

A España única de Rosa 10
Grazas Rosa, por nos mostrares o mellor do teu pensamento e probábelmente da falanxe de españolísimos españois, no sentido patriótico da palabra, que votan por ti e pola túa causa. Grazas por nos abrires os ollos, por nos desenganares aos que pensabamos que nunca voltariamos ouvir expresións como as túas dirixidas contra os galegos, aínda que for só pola corrección á que obriga os manuais de marketing electoral.

Recoñezo que non me sorprende que fales de gallego en el sentido más peyorativo ( o que quer dicir que para ti e os teus "galego" xa é pexorativo en si mesmo), porque se corresponde co ideario e as actitudes que sostés. De ti pódense dicir moitas cousas máis ninguén pode negar a coherencia coa que defendes publicamente a túa paranoia e chulería españolista, racista e xenófoba, incluso en conversas informais e coloquiais como ti mesma recoñeces.

Mais non son quen de perceber o por que ese odio visceral contra os galegos, contra Galiza. Porque seguimos a manter a nosa identidade a pesar dos desprezos e insultos? Porque falamos nunha lingua que conta na súa literatura coas mellores obras da literatura universal? Porque aportamos todos os anos as arcas do Estado, bastante máis do que o Estado inviste de volta aquí? Porque a España imperial que volve a renacer, medrou a costa dos aforros dos galegos na emigración en América, Europa, e co seu traballo infrahumano e seguirá a facelo cando nos rouben as caixas? Porque nunca pedimos nada a cambio dos desprezos e humillacións de séculos e séculos? Porque non soportades que Galiza sexa unha nación construída por si mesma a pesar de todos os atrancos que puxestes, pondes e poredes?

Aínda dirás, Rosa, que isto é vitimismo. Acusación sempre válida para negar o dereito a denunciar a agresión. Coñecemos o victimismo palestiniano con respecto ao estado de Israel, ou o victimismo xudeu con respecto aos nazis, ou dos saarianos con Marrocos... Sempre igual. O máis feble é o máis culpábel da súa situación, ou dito dun xeito máis agradábel a vosté, que cada pobo ten o que se merece.

Nesta a túa España na que comeza a mencer non existen máis identidades que unha, que ademais é grande, libre e, como non, democrática. O demais é lixo que , iso si, sempre se pode dividir en categorías mais ou menos pexorativas.

A túa España señora 10, coa camisa nova que vostede bordou onte de constitución, de parlamento, e de século XXI, é a España da persecución de galegos, xudeus e mouros, a dos Reis Católicos, a da inquisición, a da matanzas en América, a da guerra incivil e asasina, a da revolución joseantoniana e de Millán Astray, a que odia a Galiza e o galego, e non dubida e cortarnos a lingua para domarnos e castrarnos. A súa España é a España única. Agardamos que non sexa a única España.