A España Resucitada


¿A que fora eu a Madrid no fin de semana do 11 de xullo? O motivo non lle vai nin lle vén ao relato que vos vou contar. Aproveitando a viaxe detívenme unhas horas en visitar, como facía sempre, ao amigo Afonso. Un galego de corpo enteiro, que agardaba a xubilación no Ministerio de Xustiza, no que traballaba como administrativo desde os trinta anos, para voltar definitivamente á Terra. Non pasaba unha ponte laboral nin moscosos que non aproveitase para desprazarse a Barrán, aldea do concello de Piñor, na que herdou de seus pais a casa onde nacera. Nela pensaba residir durante os anos da vellez, e alí entregar o suspiro derradeiro. Os seus fillos -tres mulleres e dous varóns- falan un galego menos contaminado ca o de moitos aldeáns que acaban de tirar co sacho. A pesar dos vínculos que mantén co país no que paga impostos por catro leiros que están a ermo, nunca puido votar para escoller os representantes de Galiza nas institucións. Este dereito está reservado aos pibes porteños, que nunca subiron máis arriba do río Paraná, que falan un español seseado e golfean en lunfardo cando van de troula.

O amigo Afonso vive nunha pequena rúa que hai detrás do parque do Paraíso. Convidoume a merendar. Vos sabedes como son eses refrixerios vespertinos que aforran ceas. Entre taco e taco de xamón, grolo e grolo de albariño, fomos debullando novas relativas ao nacionalismo galego, aproveitando o éxito da grandiosa manifestación catalá contra a sentenza cruñada no ferro imperialista do TC. Nada de xornais nin pantallas de televisión, todos confabulados para acurrularnos nunha profunda narcose, producida pola droga coñecida co nome de "vermella". A casa do amigo era un oasis descontaminante da alienación colectiva que estaba invadindo a sociedade.

Despois das dez, resistindo a insistencia do Afonso en reterme aquela noite como hóspede, decidín emprender a viaxe de retorno pola fresca. Era a hora do lusco e fusco, a cabalo da fronteira entre a noite e o solpor. A miña intención era determe en Tordesillas, vila onde apagou o corazón ferido dona Xoana, a raíña tola, menos pérfida que a súa cotrosa nai, a inquisidora. Nun hostal situado á beira da estrada N-VI pousaramos anos atrás, de volta a Barcelona, Manuel María, Saleta, Lois Diéguez e máis eu. Alí durmiramos e cearamos, pois a Manuel víñalle mordendo un rato no estómago xa desde Calatañazor, lugar onde a lenda di que as tropas de Bermudo II feriron de morte a Almanzor.

Enfilei o coche pola avenida de Arcedianos, para coller deseguido pola de Largo Caballero. O día ía pouquiño a pouco encolléndose, axeonllando ante a iluminación artificial que o empardecer acendera xa nos recantos máis sombrizos. Na primeira bomba de gasolina parei a reabastecer o auto de combustíbel. Na operación demorei bastante tempo. Tardou moito en aparecer un empregado que se fixese cargo do servizo, pois todos os operarios estaban trabados por unha pantalla de televisión. Aproveitei a pausa para botar unha mexada. O albariño repuxera a rebordar os recursos hídricos da miña vexiga. Cando retomei a marcha era xa unha noite pecha. En Madrid o día morre antes que en Galiza. As rúas, antes desertas, de súpeto comezaron a encherse de xentes que corrían aloucadas en dirección ao centro da cidade. Mesmamente parecía unha escorrentada de gando picado pola mosca. Algo grave debía de pasar, pensei nos meus adentros. O semáforo detívome xusto na confluencia coa avenida de Daroca, trescentos metros máis abaixo da entrada principal do cemiterio da Almudena. De entre o xentío que corría espavorido emerxeu unha extraña figura feminina. Algo que sería anormal noutros lugares, non tiña nada de insólito, despois da escurecida, nos feudos dunha necrópole, onde te pode asaltar o espectro dunha alma en pena.

Así foi. Sen pedir permiso, a figura metéuseme dentro do coche abrindo e pechando con rabia a porta da dereita. Quizais as nosas formas de cortesía poida que sexan obsoletas no alén. Antes de entrar en maiores intimidades, vou debuxar o retrato da señora cos trazos que fun recollendo na curta viaxe en que me acompañou. Nunca mellor aplicado iso de compaña, aínda que para min resultase pouco santa. Era unha muller algo gordecha. Máis que modelada polo torno parecía tallada por machada de carpinteiro. Exhalaba un cheiro intoxicante, por mor dos enfeites que enzoufaban as partes que non ían cubertas pola roupa. Nada tiña que ver co fedor da morte. O cabelo, totalmente branco, remataba nun apretado moño na caluga. Espetado nel levaba unha peineta, da que pendía unha touca de encaixes que lle descía devagariño polo lombo. Os pendentes tiñan a forma de guitarra. Penduraban das orellas polo extremo do mastro onde van as clavixas para temperar as cordas. Os ollos eran mouros, e o nariz aquilino e moi afiado. Vestía unha chambra negra, tipo gioconda, que tapaba uns peitos fláccidos, xa sen encanto que ofrecer ás olladas lascivas dos chulapos madrileños. Refrescábase axitando un abano encarnado, estampado cun lance de tauromaquia. Aínda que lambida nalgúns aspectos, os zapatos non desentoaban moito da súa idade. Ben é verdade, iso si, que pousaban en tacóns semellantes aos que levan as folclóricas dos zapateados flamencos.

Pois ben, este é o retrato do paquete que a Almudena puxo no meu coche ao inicio da viaxe. Coas xa demostradas boas formas das que estaba dotada, espetoume imperativa:

-Léveme á praza de Cibeles. Siga o camiño que leva ese aluvión de xente.

Eu tiña pensado apañar a M-30 na inserción de Ventas, para así librarme dos atrancos do centro da cidade, pero non me atrevín a contrariar as ordes da espectral señora.

-Vostede manda -respondín-. E se non é unha curiosidade indiscreta, ¿pode decirme cal é a súa graza?

-Eu son España. A España cañí -contestou con arrogancia.

-Xa mo parecía, tal como a vin ataviada, con toda a indumentaria de cañí.

-¿ E vostede quen vén sendo -retrucou ela con acento inquisidor.

-Sonlle galego, señora.

Aquí vou recoller literalmente a resposta que o espectro me deu castrapeada.

-¡Ah, galleguiño, carallu! ¿Y donde dejaste la roda?

Calei. Sería moita provocación espetarlle en frío que a deixara afiando un coitelo co que pensaba cortarlle a cabeza a ela.

A partir de aquí, a dama da peineta iniciou un soliloquio que durou máis de tres semáforos, e que resumo nas seguintes liñas.

-Os ingratos algareiros de sempre. Os terroristas. O rabaño de carneiros que desfilaron onte polas rúas de Barcelona, conducidos por un grupello de axitadores separatistas. Foron eles os que me quixeron enterrar aínda agonizante. Deixáronme dentro da cova sen sequer honrarme cun epitafio de lembranza. ¡Que se a crise meteu a economía nunha situación desesperada! ¡Que se hai nove millóns que malviven por baixo da soleira da pobreza! ¡Que se outros cinco están no paro! ¡Que se soben os impostos mentres baixan os salarios! ¡Que se volvemos ao despido libre! Patatán e patatán. Moito vicio é o que hai agora. ¿Que agardaban os pensionistas? ¿Vivir sen traballar? ¿E os funcionarios, que nunca traballaron? ¿E a mocidade? ¿Prefire acaso vivir do seu traballo en lugar de desfrutar co botellón? Que se divirtan en canto están na idade, pois como sigan comigo xa lles chegará o tempo de sufrir.

Mentres ela falaba apaguei a mantenta o climatizador do coche. A temperatura subía e o ir e vir do abano, cada vez axitado con máis forza, era incapaz de enxugar as pingas grosas de suor que facían verdadeiros estragos nos enfeites. O rímel derretido escorregáballe polas fazulas, e o rostro, que antes semellaba un grabado dos Caprichos de Goya, comezou a parecerse agora a unha figura psicodélica de Reimundo Patiño. Seguiu co seu monólogo.

-Ben comprendo que a situación era propicia para que no país prendese unha revolta. Tiven medo, pero nunca perdín a fe. Aproveitando o campionato deportivo de Sudáfrica encomendeille ao meu equipo e ao seu lanista (o adestrador de gladiadores) a tarefa de sacarme do apuro. Para esporear económicamente os xogadores era preciso untarlle os eixes con boas primas. Saquei do erario as poucas cadelas que lle quedaban, coa esperanza de que os españois -que son coma nenos- desen por compensado o sacrificio económico co trunfo deportivo. O primeiro é o primeiro. Xa o ves. A operación foi un éxito. Unha vez que soou o asubío final que nos proclamou campións, foron eles -os españois de boa cepa- os que me rescataron da cova onde xacía, os que me encheron de bicos e me sacaron fóra do cemiterio onde ti me recolliches.

Ao chegar á praza de Manuel Becerra desvieime da rúa de Alcalá e torcín á dereita pola avenida de Francisco Silvela.

-¿ A onde vas? -bradou a vella-. Por aquí non se vai á praza da Cibeles.

Non fixen caso. Parei o coche nun treito da vía reservado para estacionamento de impedidos. Apeeime e abrín a porta da dereita. Dirixinme á resucitada coa mesma cortesía que ela me viña dispensando a min:

-¡Baixate pendanga!

Resistíase. Miañaba coma unha gata cando lle pisan o rabo. Arrastreina por un brazo e púxena fóra case desarmada. Levanteille a saia por detrás, deille dous azoutes nas manteigosas nádegas, e moi elegantemente despedina:

-Zorra, vai tomar por aquí, pois, desde que expulsaches os mouros, xa non podes facelo por Alí nin por Alá.

Antes de continuar a marcha vin un carro de inválidos atravesando un paso de peóns. Ía empurrado por unha muller madura, supoño que familiar do eivado, pois o diñeiro destinado a financiar a dependencia contribuiría -coido eu- a engordar o peto destinado a primar os futbolistas. O seu ocupante levaba unha bandeirola en cada man. As forzas que Deus lle quitara das pernas acumulárallas na gorxa e nos pulmóns, pois berraba con enerxía e con euforia:

-¡Gañamos! ¡Gañamos! ¡Somos os mellores!

Patético e simbólico. O fetiche deportivo convertido en amuleto redentor da España paralítica.

En fin. Posto de novo en camiño prendín a radio buscando nas ondas a evasión que me illara da tolemia na que estaban metidas as rúas madrileñas. Nunca tal fixera. Todas as emisoras foran invadidas polos energúmenos do micro, erixidos en bardos tocados polas musas que se dispuñan a redactar os primeiros capítulos dunha nova Ilíada. De feito, a lira víñana afinando desde que xa comezaran a esfolar a presa antes de abrirse a veda. En hexámetros dactílicos -o metro utilizado pola épica na versificación dos clásicos- narraban a volta ao estadio do equipo vitorioso, emulando a Ulises cando arrastrou o cadáver de Hector arredor da pira de Patroclo.

Os balompédicos -en opinión dos rapsodas do micrófono- acababan de devolverlle a España a coroa perdida desde os tempos de Colón. Substituín as emisoras por unhas cántigas de Dulce Pontes. Arrolado polo son melancólico dos fados pasei reflexionando o resto da viaxe. Non me detiven en Tordesillas, como tiña previsto, por medo a un asalto vesánico da euforia ibérica. E coido que tiñan razón os vociferantes locutores nas súas estimacións. Desde que o Xenovés, no seu periplo hacia o extremo oriente tropezara cun continente que sendo tan vello coma o noso enfáticamente lle chamaron Novo, a historia española levaba séculos de fame, sen ningunha xesta heroica que levar ás páxinas. A batalla de Lepanto, a pesar da indulxencia e bendición papal, non serviu para arrebatar Chipre aos otománs, só para inutilizar o brazo esquerdo de Cervantes. Sorte que o ferro sarraceno non feriu a man dereita do escritor -a que manexa a pluma- pois houbese mutilado con ela unha obra senlleira da literatura universal. Outro manco de prestixio -Valle Inclán- foi quen enriqueceu co esperpento as letras españolas. Pero o esperpento, como expresión do absurdo, xa era ben coñecido por España, desde cando lle chamaron invencíbel a unha armada que lle entregou o poderío naval á frota británica. Felipe II atribuíu a derrota á treboada, como se a procela desviase os raios da escuadra inglesa cara os barcos españois. Esperpéntico é, por suposto, un país que eleva á máxima expresión a xerarquía militar. Se Franco vivise hoxe -Deus queira que non- a xerga corruptora da linguaxe, en lugar de Xeneralísimo chamaríalle Super-xeneral. Por máis ridícula, algo mellor lle iría esta graduación. Da batalla de Trafalgar, para a historia queda tan só como reliquia a perna desangrada de Churruca.

Ben. Levo dous días descontaminándome dos avatares da viaxe. Os españois de hoxe teñen o grande privilexio de asistiren á instauración dunha nova era. Cristo puxo en Belén a primeira pedra da era cristiana. Mahoma, na súa fuxida, inaugurou o calendario islámico. O 11 de xullo, as 11 da noite (vaia casualidade a coincidencia dos números), nun estadio de Johannesburgo produciuse un feito revolucionario que vai marcar o rumbo da Historia nos próximos séculos. ¿Hipérbole? ¿Delirios de megalómano? Se así pensades felicítovos. Estivestes illados durante os últimos días. Nin mercastes xornais, nin puxestes a radio, nin acendestes a televisión. Tampouco entrastes en ningún bar. Noraboa. Na miña existencia, e non é curta, nunca vin outro acontecemento que merecese tanto relevo nos medios de comunicación de masas. Ningún deles pode competir coas botas dos once xinetes que galoparon, lanza en ristre, polo estadio de Soccer City. Toda a prensa sen excepción, toda España, da noite para a mañá apareceron convertidas en "Marca". Falta escoller o nome para esta nova era. Misión que lle encomendamos ás Cortes do Estado, xa que non teñen cousas máis importantes que facer.

Mirade se non hai no país virxes para doencias, festexos e romarías. Prácticamente cada bisbarra ten a súa. A virxe do Corpiño, a dos Remedios, a dos Milagres, a da Saleta, a da Franqueira...Todas elas parecen estar dormidas. ¡Espabilade nenas, pois o circo estavos roubando a clientela!