A escola mixta non coeduca

A escola mixta non coeduca

A semana pasada os medios de comunicación recollían o asasinato dunha muller en mans da súa ex-parella na cidade de Lugo. Pois ben, estamos nun punto, no que o habitual nos parece normal. E cada vez que hai unha morte, as respostas son as mesmas, políticos/as, profesionais, cidadanía da localidade na que ten lugar o feito criminal manifestan a súa repulsa a esta actitude delitiva que pon fin á vida dunha muller (unha máis a engrosar as listas que se publican con certa periodicidade) mediante minutos de silencio, concentracións, marchas.

Todo isto evidencia boas intencións e sobre todo sermos politicamente correctos. Pero despois cada un/unha volve ao seu traballo, á súa casa... e non se cuestiona ou reformula, que fallou, que estamos a facer mal, en que podo axudar como cidadán... Como sempre, o fondo da cuestión non se atalla. Quedámonos nas formas, no exterior, o visíbel.

E aí está o problema, o estarmos ante unha anormalidade xeneralizada á que non nos enfrontamos, non combatemos. Para superar esta situación debemos empezar a educar as nenas e nenos desde o primeiro día de vida dunha forma igualitaria.

Estes dias, meniñas e meniños inician a súa formación académica na que os valores e os comportamentos que adquiran serán determinantes o resto da súa vida. A escola non pode dedicarse a reforzar as ideas que sustentan a violencia contra as mulleres e estao a facer sempre e cando non corrixa unha serie de carencias coas que actualmente conta: libros de texto nos que se invisibiliza o labor das mulleres ao longo da historia, ilustracións sexistas nos materiais, uso dunha linguaxe que exclúe as alumnas e as profesoras, minusvalorización de todo o feminino, non aplicación da perspectiva de xénero nos conflitos de convivencia, etc.

A Coeducación (educación en igualdade de mulleres e homes) non está xeneralizada nos centros educativos e todo isto fai que o profesorado se vexa carente de recursos para loitar contra a violencia de xénero senón recibe unha formación adecuada.

O actual sistema educativo non fixo máis que universalizar o coñecemento e os saberes da obra humana masculina. Este rumbo recibe o nome de androcentrismo e fai que nenas/os non aprendan o mesmo, nin respecto ao seu propio sexo nin respecto ao outro, aínda que o currículo sexa o mesmo, impartido nas mesmas aulas e polo mesmo profesorado.

Á escaseza de material coeducativo, que se acentúa na educación infantil (0-6 anos), hai que sumarlle o descoñecemento e tamén desinterese por parte do profesorado. O currículo oculto ou informal (precisamente porque non se ve) tamén está impregnado de sexismo: a linguaxe, as distintas expectativas e apreciacións sobre os comportamentos de nenas e nenos, e a ocupación de espazos físicos e simbólicos: de poder, de xogo e diversión, de prestixio ou de ganancia, a organización de festas escolares, a división do traballo.

O/a machista non nace, vaise facendo pouco a pouco, desde os primeiros anos da súa vida co que ve e escoitando no seu entorno. Desde as primeiras etapas da vida, hai un trato diferente, por parte dos diferentes axentes socializadores, a familia, a escola, os medios de comunicación... dependendo do sexo da crianza. A influencia da educación familiar e social no comportamento dos individuos vai na dirección marcada polo contido dos estereotipos de xénero, fomentando nos cativos un maior control na expresión de afecto e unha maior agresividade. As nenas, pola contra, son orientadas cara a unha maior expresividade de cariño e afecto, e unha maior sensibilidade cara aos demais. Os xoguetes dos varóns reproducen os ámbitos de interese masculino: coches, xoguetes electrónicos que promoven a competitividade, superheroes fortes e agresivos... As nenas rodéanse de bonecas que representan persoas ou animais aos que poder coidar, xoguetes relacionados coa esfera doméstica (ferro de pasar, cociña...) ou a beleza. Existen múltiples estudos sobre as características atribuídas polas/os proxenitoras/os aos bebés dependendo do sexo destes e a hipótese xeral é que as expectativas das persoas adultas determinan diferencialmente as interaccións cos bebés. Por exemplo, cando nace unha crianza apelativos máis utilizados para referirse ás nenas son tesouro, amor, preciosa, ceo, bonitiña, boíña; e para os varón úsanse os de tragón, glutón, forte...

A escola tolera os comportamentos estereotipados sen cuestionalos, como se fosen naturais. A escola mixta non coeduca. A igualdade debe de ser aprendida e coñecida por todas as nenas e os nenos que pasan pola escola e deben de rematar sabendo practicala, exercela. É unha das competencias básicas que se debe exixir nos próximos anos para poder estar en condicións de acceder a unha vida equitativa e saudábel.

A escola debe ofertar alternativas ao sexismo existente na sociedade, debe ser unha escola xusta e, polo tanto, coeducativa; aplicando a perspectiva de xénero nas accións diarias do centro.

Na actualidade, asúmese o discurso da igualdade pero non se interioriza, por iso, é importante Educar para previr. Urxe que as escolas sexan coeducativas, periga a igualdade nas escolas actuais; nas mixtas e nas segregadas.