A dous meses do 1 de outubro

A dous meses do 1 de outubro

O chamado proceso catalán é un dos feitos políticos máis importantes producidos no estado español nos últimos tempos, e a dous meses do 1 de outubro comprobamos como aumenta de xeito exponencial a campaña de intoxicación posta en marcha polo goberno do PP, polo PSOE, polos poderes fácticos e polos medios de comunicación, todos eles defensores de manter a sagrada unidade de España, tal e como lle pediu o ditador Franco no seu leito de morte ao pai do actual rei.

Pero esa campaña que propaga a catalanofobia non é obra exclusiva do bipartidismo saído da transición ou dos poderes económicos; podemos comprobar como nestes últimos días organizacións políticas españolas que se din progresistas ou de esquerda, e que até hai ben pouco tiñan un discurso intencionalmente confuso sobre esta cuestión, empezan a tomar posición todas elas disciplinadamente a carón do discurso monocorde da España Unida. E á hora dos argumentos a verdade é que non traen novidades, pois empregan os mesmos que sempre empregou a esquerda española, procedendo a unha lectura do marxismo e do leninismo como se dun catecismo se tratara; e dentro desa lectura de catecismo volven coa historia de que todo aquel que apoie a independencia de Catalunya estará apoiando á burguesía catalá e por tanto apoiando os recortes levados a cabo polos gobernos da Generalitat e a corrupción de CiU. Un argumento que calquera cunha mínima capacidade de raciocinio pode devolverlles como un bomerang, dicíndolles simplemente que empregando o seu mesmo discurso está claro que quen non apoie a independencia de Catalunya é partidario de Rajoy, da corrupción do PP e dos recortes impostos polo goberno español.

Pero realmente xógase tanto España co proceso catalán como para que, todos aqueles que hai ben pouco dicían que en ausencia de violencia toda idea era defendíbel e podía ser discutíbel, actúen agora como unha piña negando o dereito do povo catalán a decidir o seu futuro?

A preocupación dos poderes fácticos e a ampla campaña contra todo o que cheire a Catalunya fan acreditar que si, que para España impedir o avance do proceso independentista catalá é básico. De producirse a independencia de Catalunya o pacto da transición, acordado entre os sectores máis intelixentes do franquismo que buscaban manterse no poder e a esquerda española socialdemócrata e eurocomunista e consagrado posteriormente no pacto do capó do 23-f, queda tocado de morte. Pois todos eles sabían que o verdadeiro perigo despois da morte de Franco non estaba na posibilidade dunha revolución socialista ou dun goberno de esquerda real que adoptara medidas contrarias aos intereses das elites políticas e económicas saídas da ditadura.

Sabíano todos eles e sabiámolo tamén nós, así en 1978 diante do debate constitucional a UPG foi moi consciente de que a súa aprobación significaría a consolidación da chamada transición democrática e por tanto dun estado unitario español, impedindo os procesos constituíntes nas nacións que nel estaban integradas. Diante do rascuño de Constitución o Terra e Tempo nº56 dicía “...Onde máis se evidencia o caráiter imperialista do proiecto é no menosprecio aos dereitos das nacións integrantes do Estado...”, algo confirmado no texto que finalmente foi sometido a referendo, diante do cal o Terra e Tempo nº62 sinalaba “...O carácter do Estado Español como unitario e o seu papel como fidel gardador dos intereses da burguesía imperialista española son dous aspectos fundamentais que quedan ben reflexados na Constitución española...”.

Esa análise levou ao noso partido, e ao conxunto de organizacións que naquel entón integraban o MN-PG, a desenvolver unha intensa campaña entre o povo galego explicando o que significaría a aprobación da Constitución, e pedindo por tanto un voto contrario á mesma no referendo do 6 de decembro de 1978, un voto que se resumía na palabra de orde Contra a Constitución Española e Colonial un Non Galego e Popular.

Case corenta anos despois esa mesma Constitución é a que se esgrime para negar o exercicio do dereito de autodeterminación dos povos catalán, basco e galego. A actuación dos poderes do estado e da totalidade das organizacións políticas españolas representativas fronte ao proceso independentista e fronte ao referendo do 1 de outubro demostran que non é posíbel o pacto; e o pacto non é posíbel non porque Catalunya decidira ir polas bravas fronte á legalidade española, é sempre o poder español o que pon trabas, chegando incluso a empregar o Tribunal Constitucional para botar abaixo en 2010 o Estatut que catro anos antes fora referendado polos cataláns e catalás.

Diante desta situación o nacionalismo galego debe ter claro que a nosa actitude diante do proceso independentista catalán non debe ser simplemente a da solidariedade por concordar cos seus obxectivos ou por ter simpatía con quen o desenvolve, senón que debemos asumilo como un proceso que nos afecta directamente na nosa actuación política. Calquera acción que debilite o poder do Estado español sobre unha das nacións que nel están integradas é positiva para o resto, pois o seu punto fraco é a loita das nacións por exercer o dereito de autodeterminación, e os avances que se poidan dar en Catalunya supoñen debilitar o poder español e favorecer avances dos outros pobos, sempre e cando sexamos quen de acumular as forzas suficientes para nós podermos dar pasos adiante que nos permitan acadar unha soberanía nacional que é básica para podermos mudar as condicións de vida dos galegos e galegas.