A dobre moral do Partido Popular: igualdade ou igual dá?

A dobre moral do Partido Popular: igualdade ou igual dá?

Mentres publicitan mediaticamente a loita contra a discriminación e a violencia e desmantelan as políticas de igualdade e de benestar, as mulleres asumen as cargas dun sistema que debería reforzarse en tempos de crise

Todos os anos por estas datas, os medios de comunicación botan man de estatísticas e estudos onde amosan á cidadanía as cifras das vítimas de violencia de xénero, nomeadamente ás que morreron a mans das súas parellas, e ao número de ordes de protección solicitadas e recursos adicados a elas.

As distintas administracións sacan á luz pública campañas de denuncia dun feito que parece ser asumido por todas e todos como unha lacra social en todos os países do mundo. Agora que parece interiorizado por parte de todas e todos o concepto de violencia de xénero, cando nos medios faise mención á violencia machista e sexista, na que a sociedade denuncia e manifesta o seu rexeitamento, choca comprobar como na práctica, por parte das administracións públicas, e de gobernos de distinta cor, non só non apostan por reforzar os recursos que muden esta situación de desigualdade, senón que fomentan desde a súa situación de poder, outros roles e posicións ideolóxicas que reforzan o patriarcado.

Por iso é necesario acudir á orixe da conmemoración do Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. Porque non todo o mundo sabe que ten a súa orixe o 25 de novembro do ano 1960, ano na que tres irmás, Minerva, Patria e María Teresa Mirabal, foron violentamente asasinadas na República Dominicana polo seu activismo político, como militantes opositoras da ditadura que exerceu máis de 30 anos Leónidas Trujillo. As irmás coñecidas como "as bolboretas inesquecíbeis" (nome secreto de Minerva nas súas actividades clandestinas) convertéronse no máximo expoñente da resistencia popular e feminista en América Latina. As bolboretas representan a loita de cada unha das mulleres.

50 anos despois, moitas mulleres seguemos a ser perseguidas, precisamente polas autoridades públicas, por manifestar a nosa oposición á visita dun representante eclesiástico que considera e manifesta publicamente que a muller debe ficar no fogar para atender ao coidado dos fillos e fillas, que condena as relacións homosexuais, o uso do preservativo, que relega ao papel das mulleres na igrexa a tarefas de limpeza, ademais de cualificar como asasinas ás mulleres que se sometan a un aborto, culpabilizando ás feministas do conflito entre os xéneros.

As mulleres seguemos ser as vítimas do poder e do control do patriarcado que se ve amparado polas distintas institucións, tanto eclesiásticas como políticas, que o manteñen. Mentres publicitan a través de campañas mediáticas a súa loita contra a desigualdade e a discriminación, recortan os recursos destinados a ela, desmantelando na práctica as políticas de igualdade e de benestar, de xeito que as mulleres rematan asumindo as cargas dun sistema que debería asegurarse e afianzarse en tempos de crise.

Desde a chegada do Partido Popular ao goberno galego véñense poñendo en marcha diferentes medidas que na práctica conlevan o desmantelamento das políticas de igualdade. No mes de outubro aprobaron a supresión do Servizo Galego de Igualdade, creado nos tempos de Fraga, amparándose en motivos de aforro orzamentario, obviando que supón unha perda de poder, de relevancia na toma de decisións, de autonomía, e que con el desaparece a visibilización das políticas de igualdade. Criterios económicos que desde logo non foron tidos en conta polo mesmo goberno no desprego da recepción ao xefe do estado do Vaticano, que na súa ultima visita non tivo reparos en pedir que a muller atope no fogar e no traballo a súa realización. Claro que non debemos esquecer que estamos a falar do goberno que aprobou unha ILP pola que se establece e regula unha rede de apoio a mulleres embarazadas, financiando con cartos públicos a asociacións ultracatólicas para que exerzan presión e disuadan ás mulleres do seu dereito a abortar libremente, mentres proseguen coa campaña de boicote á aplicación da Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e de Interrupción Voluntaria do Embarazo (Lei do aborto), que alenta economicamente a unha asociación que no seu día reclamoulle á Xunta publicamente que non promovese unha sexualidade pervertida entre as e os adolescentes (e que supuxo a desaparición dos Centros Quérote), ou que aludiu a criterios éticos manifestando a súa oposición á dispensación da pílula postcoital sen receita.

A responsabilidade de levar a cabo políticas dirixidas a acadar a equidade entre mulleres e homes, e a erradicar comportamentos de violencia, desde logo non pode iniciarse, por parte dos poderes públicos, alentando e xustificando a quen perpetúa a imaxe tradicional da muller, e un rol secundario desta na sociedade. Estas posicións ideolóxicas deben ser combatidas máis ca nunca, xa que corremos o risco de que, amparándonos nunha situación de crise económica, pouco a pouco se vaian desmantelando as políticas de igualdade, a pesares de que son as mulleres as que experimentan as consecuencias máis negativas da situación de crise, e con maior rapidez.

Porque en datas como esta, non só debemos falar das agresións que as mulleres sufrimos a cargo da parella, das agresións sexuais e físicas a mans de familiares e viciños, senón tamén da violencia no traballo, tanto na súa modalidade física e psicolóxica, incluíndo por tanto o acoso laboral e sexual, así como as discriminacións laborais que teñen como vítimas ás mulleres, ben sexa por motivos relacionados coas cargas familiares que soportan, como con categorías e salarios máis baixos, minusvalorización do seu traballo, temporalidade, precariedade, etc. E tamén da violencia estrutural levada a cabo polos poderes públicos que, a pesares de amosar o seu rexeitamento público contra este tipo de violencia, entran nun xogo de dobre moral, alentando os roles que sustentan a sociedade patriarcal na que vivimos, fundamentada na división sexual do traballo, recortando orzamentos e servizos que ían destinados precisamente a combater este sistema que nos oprime.

A discriminación, e aínda máis a violencia ten que ser rexeitada por parte de todas e todos, debendo ser cualificada como un acto intolerábel e inaceptábel, tanto a nível individual como colectivamente, pero os poderes públicos teñen a responsabilidade e a obriga engadida de loitar por todos os medios contra ela. Non só o día 25, senón todos os días do ano.