A ditadura segue presente na monarquía

A ditadura segue presente na monarquía

A monarquía española, malia andar ultimamente a bolinar con moito mar de proa, conserva aínda moi ben adeptos entre as clases populares, nos que se introduciu a idea forza de que o rei é moi “campechano” e de que todos eles son xentes moi humildes, “coma nós”. Escoitei hai moitos anos que, sendo Juan Carlos e Sofía aínda príncipes de España, visitaron a cidade herculina e, nun aparte, a muller do alcalde, de nai a nai, preguntoulle polos nenos, ao que Sofía respondeu: “Querrá usted decir los infantes”. Unha princesa, de familia destronada e educada, en Alemaña e nun ambiente prusiano, para un posible futuro reinado en calquera lugar onde tivese a fortuna de emparentar pode ser moitas cousas menos “coma nós”.

Nada semella preocuparlle ao pobo se o rei chegou a España cunha man diante e outra detrás e se hoxe figura nas listas de homes máis ricos do mundo, como está publicado mesmo pola revista estadounidense Forbes, con independencia da maior ou menor finura á hora de lle adxudicar como propio patrimonio do estado. Tampouco semella interesar ao pobo que, durante a presidencia de Felipe González, as grandes amizades do rei, caso de Mario Conde, Ruiz Mateos, Javier de la Rosa ou Manuel Prado y Colón de Carvajal, tiveron graves problemas coa xustiza por cuestións económicas. As informacións de que o rei posuía, hai anos xa, un patrimonio de 1 790 millóns de euros nunca foron desmentidas, mentres eu, partindo dun capital inicial semellante ao de Juan Carlos, non dou chegado a esa cifra.

En 1947, Franco fai a Lei de Sucesión na Xefatura do Estado, reservándose o dereito a nomear sucesor, “cando o considerase conveniente”. O 22 de xullo de 1969, no transcurso do acto no que “considerou conveniente” nomear a Juan Carlos o seu herdeiro, pronunciou a famosa frase de que “todo estaba atado e ben atado”, mentres o Príncipe de España xuraba lealdade ao ditador, así como fidelidade aos Principios do Movemento Nacional e ás Leis Fundamentais do Reino, leis que cumpriría e faría cumprir sen que lle tremese o pulso. Enfermo o ditador, o mesmo que, cando se ausenta o alcalde, funciona en calidade de suplente o tenente alcalde, actuou Juan Carlos como substituto, polo que foi chamado por algúns “ditador suplente”. Desde o 1969 ata a morte de Franco foron fusiladas en España varias persoas, sen que, entre as moitas protestas e manifestacións dentro e fóra do estado, se escoitase unha mínima protesta da boca do sucesor, co que a complicidade resultaba evidente.

Morto Franco, principia o seu reinado, xurando outra volta as fidelidades xa mencionadas, mentres o tomador lle lembraba aquilo de que se así o facía que Deus llo premiase e, en caso contrario, llo reclamase. Xa temos en marcha unha monarquía que en nada entroncaba co pasado, unha monarquía de nova creación, instaurada por Franco con efecto retroactivo do 18 de xullo de 1936, polo que Carrero Blanco, cuxa morte fixo pronunciar ao ditador outra das súas enigmáticas frases -“no hai mal que por bien no venga”-, lle chamaba “monarquía do Movemento Nacional”.

Había que elaborar unha constitución, cambiando todo coa intención lampedusiana de que todo seguise igual: “atado e ben atado”. Sen convocar cortes constituíntes, o rei nomeou sete cociñeiros para preparar o guiso, coa axuda externa e nocturna de Guerra e Abril Martorell. Rematada a fase de cociña, presentouse nun lote, nun pack, nun ou todo ou nada ao parlamento e ao pobo. O que había que votar non ofrecía dúbidas: ou democracia, cun reino e un rei xa incluído impostos por Franco, ou ditadura e a ver por onde rompe; algo así como ter que escoller entre quedar solteiro ou casar coa moza preñada por outro. Nunca se lle preguntou ao pobo se prefería monarquía ou república. Ou collía o lote completo ou deixábao, coa incerteza desacougante do futuro.

Cortesáns e turiferarios póñense a traballar no deseño dun monarca atractivo -e incluso imprescindible- para o pobo, empregando toda caste de medios e argucias. No Memorial que Olivares enviara a Felipe IV, en 1625, aconsellándolle sobre a unificación dos diferentes territorios da súa coroa (Cataluña, Portugal...), chegou a proporlle como medida máis eficaz que se achegase á fronteira do país coas tropas e que entrase el (as tropas non podían facelo, xa que se consideraba agresión) “como a visitar aquel reino... y hacer que se ocasione algún tumulto popular grande y con este pretexto meter la gente (as tropas), (ocupalo)... y disponer las leyes en conformidad de las de Castilla”. Salvando as distancias, sempre relacionei este consello co sucedido cando a presenza de Juan Carlos en Guernika provocou a indignación dos deputados abertzales, que interromperon o discurso do rei, entoando o Eusko gudariak, sendo expulsados, golpeados e, posteriormente, encausados e xulgados. O rei, trala expulsión e logo de escoitar os aplausos a el dirixidos, improvisou unhas frases tan ben elaboradas que admiraron ata ao redactor do xornal “El País”, cando, o 5 dese mes de febreiro de 1981, escribiu: “Pola forma coma tales verbas foron ditas, deu a sensación, sen embargo, de que se trataba dun texto previamente escrito, probablemente en previsión dunha situación como a que efectivamente se produciu”. Procurada ou non, a provocación estaba prevista; pero iso engrandecía a figura do rei e quentaba motores ata o espectáculo que, poucos días despois, o 21, estoupou en forma grotesca de tricorne bigote e pistola no estrado do parlamento español. E a figura do rei acrecenta a súa fortaleza, mesmo con episodios coma este, nos que as versións oficiais baten de fronte co que se sabe por fóra. E así a imos levando ata estrangallármonos entre familiares imputados, belezas foráneas e elefantes asilvestrados. Pero iso si, sempre “campechanos” e sinxelos coma nós.

A colusión entre franquismo e pseudodemocracia, produto daqueles contubernios feitos con nocturnidade entre UCD, AP e PSOE, amañando unha nova Lei Fundamental travestida en constitución, tróuxonos á situación actual, na que o rei precisa campañas de imaxe nun medio público pagado por todos, así como tiralevitas que charlen con el de asuntos que en nada interesan nin axudan ao país. E entrementres, o ministro do exército ameaza con empregalo contra quen se mova. Resulta evidente que, desde aquel xullo de 1969, o ditador deixou “todo atado e ben atado”.

Con permiso de Augusto Monterroso, “espertei e o dinosauro seguía alí”