A ditadura na que vivimos

Estamos a vivir tempos difíceis. E probabelmente virán tempos duros, moito máis duros, se non somos quen de frear e combater a escalada cruel do capital, dos mercados, e dos seus títeres, os gobernos. "Ven mal semblante", dirían os mariñeiros de Seixo prevendo o temporal que se aveciña por Ons. E así é.
Mais a imposición de medidas contrarias aos intereses dos pobos e das clases traballadoras precisa ir acompañada, en paralelo, dunha estratexia de difusión e aceitación social deses mesmos ataques. Poderosas e calculadas estratexias de comunicación social están dirixidas a ese obxectivo: á redución do coeficiente intelectual colectivo, á infantilización da mensaxe, ao desarme ideolóxico, á resignación, á asunción natural das agresións. Puro intento de eliminación de calquera sinal de consciencia crítica e, daquela, de capacidade de resposta e contestación popular. Teñámolo ben en conta na liña informativa de combate á Folga Xeral na Galiza do próximo 27 de xaneiro, convocada pola Confederación Intersindical Galega.
É curioso comprobar como nesa estratexia de control social se cumpren escrupulosamente os "principios de propaganda" de Goebbels, si, o mesmiño Ministro de Propaganda e Información da Alemaña Nazi, agora en modernos formatos e soportes escritos, radiofónicos, audiovisuais e cibernéticos de diverso tipo. É o auténtico manual de reclamo social, convición e apostolado ideolóxico implementado polos poderosos, tamén polo Goberno español e pola Xunta de Galiza. Observemos:
1.- Principio da orquestación. "A propaganda debe limitarse a un número pequeno de ideas e repetilas incansabelmente, presentadas unha e outra vez desde diferentes perspectivas mais sempre converxendo sobre o mesmo conceito. Sen fisuras nin dúbidas". Insírese aquí a xa famosa frase "Se unha mentira se repite suficientemente, acaba por se converter en verdade". Vaiamos agora á nosa realidade. Repiten até a saciedade que o Estado español é un referente europeo nas políticas sociais, nomeadamente nas coberturas de xubilación. Falso: O Estado español é quen menos gasta en pensións na Europa dos 15, menos que o tan racistamente denostado Portugal. E na Galiza temos, ademais, as pensións máis baixas do Estado. Outro exemplo. Dinnos que as xubilacións do futuro están en perigo se non se incrementa a idade de xubilación e se reducen as pensións. Falso: Hai superávit no Fondo de Reserva das Pensións, e o sistema non depende do número de xubilados, senón do de traballadores e traballadoras e dos seus salarios.
2.- Principio da vulgarización. "Toda propaganda debe ser popular, adaptando o seu nível ao menos intelixente dos individuos aos que vai dirixida. Canto máis grande sexa a masa a convencer, máis pequeno será o esforzo mental a realizar. A capacidade receptiva das masas é limitada e a súa comprensión escasa; ten, ademais, unha grande facilidade para esquecer". Aquí temos tamén varios exemplos. Trátannos e fálannos como deficientes mentais ou crianzas de oito anos. A tan cacarexada "austeridade", poño por caso, que tenciona facer crer que o motivo da crise ten a ver coa existencia de comunidades autónomas, en paralelo á existencia do aparello do Estado. Ou que a Unión Europea é intrinsecamente boa e magnánima con Galiza. Ou que nos temos que protexer do "terrorismo internacional", xerado por puro capricho talibán e palestiniano en torno a un "Eixo do Mal" que precisa dunha resposta militar co nome de "Liberdade Duradeira". Combátase e denígrese a actividade política e a sindical, sen diferenzas, para eliminar as resistencias ás pretensións das grandes corporacións económicas, estas non cuestionadas. Unha recente enquisa do CIS (ámbito do Estado español) sinalaba que as preferencias da socidade centrábanse, por esta orde, no Exército, na Casa Real, e na Guarda Civil. E no polo oposto, no da denostación, gañábaa "a clase política" (denominación nada inocente) e "os sindicatos".
3.- Principio da transposición. "Se non podes negar as malas noticias, inventa outras que as distraian". Un feixe de casos: desde a selección española de futebol (cunha outra intencionalidade ideolóxica -españolista- mal disimulada), até o Grande Irmán/Gran Hermano/Big Brother, pasando pola militarización do control aéreo que agocha a privatización de AENA.
4.- Principio da exaxeración e desfiguración. "Calquera anécdota, por pequena que sexa, debe ser convertida en ameaza grave". Preparémonos coa campaña de criminalización da CIG e, por extensión, do nacionalismo. Lembremos a denominación recente desta central sindical como "brazo armado del nacionalismo". Simultaneamente, fálese dos "privilexios" dos delegados e liberados sindicais como factor tamén desencadeante da crise. E finalmente, dígase que estamos mal, que cumpre responder, mais que non se pode ir á folga pola situación económica que se padece. A cadratura do círculo.
5.- Principio da unanimidade. "Chegar a convencer a moita xente que pensa como todo o mundo, criando impresión de unanimidade". Así acádase a sensación de aillamento por quen ousa cuestionar o actual "establishment" económico, político, social, lingüístico ou mediático. Tertulianos cortados polo mesmo patrón. "Hai que xerar confianza nos mercados". Como non? Claro que si, e ao prezo que sexa. Por que? A verdade é que moito non se sabe. Mais se a Bolsa de Madrid sube un 3'5% é unha grande noticia para todos e todas. Tanto ten que siga a medrar o desemprego, que a sociedade se empobreza de xeito acelerado, que os bancos embarguen vivendas, ou que as situacións de emerxencia social deixaran de ser unha anécdota. O único importante é xerar confianza nos mercados, aínda que sexa a costa de destruir conquistas, xerar desigualdades e recortar dereitos.
6.- Principio do silenciamento. "Calar sobre as cuestións sobre as que non se teñen argumentos e disimular as noticias que favorecen o adversario". Xa non é de todo certo. Sen non hai argumentos, invéntanse, mais si persiste o silenciamento do adversario. De nós, vaia.
7.- Principio da creación de problemas e solucións. Pódese crear un problema que xere alarma social para logo ser levemente suavizado, orixinando alivio social e lexitimación gubernamental, aínda que persistan os efectos negativos. É o caso da vergoñenta negociación entre o Goberno español, UGT e CC.OO. A matización dun dos casos de despedimento obxectivo provoca a decisión de non convocar folga xeral. Obxectivo cumprido. Iso si, o resto, aínda máis importante, continúa.
O manual goebbeliano inclúe tamén os principios da simplificación e do inimigo único, do método de contaxio, da renovación ou o da verosimilitude. Os resultados prácticos da verificación destas teses, analisadas no seu día por Noam Chomsky, son de perfeita aplicación ao que hoxe nos venden informativamente e inculcan ideoloxicamente como paradigmas de modernidade.
Pois si, o arquetipo de persoa actual, o que se potencia e promove como exemplo a imitar, aínda que pareza mentira, é o dun individuo mediocre, inculto, individualista, españolista, parvo e, iso si, apolítico. "No me interesa la política". Poderá ter admiración por Mario Conde (tanto ten que fora condeado por roubar 600 millóns de ptas daquela), porque é icona do trunfo. Se mexan por el dirá que chove. Fascinado por Belén Esteban e Jesulín de Ubrique, seguidor de Enrique Iglesias e os "triunfitos". Por suposto, nunca fala en galego, "porque no lo sé", e non gosta de que se "impoña". Cre que se non ten traballo é por culpa súa, non do sistema, así que non se revelará contra el, senón que se autoculpabilizará. E despreza aos que se mobilizan, porque non vale para nada, mais sobretodo, porque non son o seu modelo. El aspira a ser executivo agresivo, con cartos e con suceso coas mulleres, coma nos filmes de Wall Street. Non é quen de se fixar nos auténticos problemas económicos e sociais, e desvía a súa atención a distraccións triviais e intrascendentes, convenientemente proporcionadas desde o poder. É obediente co sistema, e responde á perfeizón aos métodos de control: á magnificación televisiva da inseguranza cidadá (aínda que na Galiza vivamos nun dos países máis "seguros" de Europa), el demandará recortes de dereitos cívís, vixilancia e policía; exixirá man dura diante das folgas, porque crean incomodos e prexuizos, e está convencido de que ir á folga é un dereito libre, e de que non ir tamén o é; cre que o galego non vale para nada, que é un atraso, e que debe desaparecer. De feito, intenta utilizar tempos compostos co verbo haber, e mátase por evitar o sotaque galego, tencionando o de Madrid. Está firmemente convencido de que Galiza e o pobo galego, por si mesmos, non son quen de chegar a nada. Núñez Feijóo cáelle simpático.
Este é o retrato que se persegue. Por iso é realmente sorprendente que na Galiza haxa un sector moi importante da sociedade, nucleado fundamentalmente arredor do nacionalismo, que aínda siga blindado (en ocasións con matices) aos ataques neogobbelianos antes descritos. Repárese que na Catalunya, cunha importante consciencia nacional, non foron quen de construir un sindicalismo nacionalista comparábel ao existente na Galiza. E tradicionalmente (aconteceu tamén na última folga xeral) o nível de mobilización e resposta social do pobo galego supera en moito á media do Estado. Falta fai autoestima e confianza en nós, nas nosas posibilidades, capacidades e potencialidades colectivas. Mais sobretodo, traballo, moito traballo. Tamén co noso manual de Contrapropaganda. Ánimo e folgos para a Folga.