A desigualdade soportábel na social democracia burguesa
Son nova e esvelta, entón existo. Eis o punto de partida deste absurdo cóctel capitalista onde modernidade e tradición conflúen, sen importar que a devandita tradición interfira no desenvolvemento total da propia modernidade. Curiosa conciliación: liberación feminina e escravitude do corpo...
Din os matemáticos que a menor distancia entre dous puntos é cero. Imaxinemos entón que "modernidade" e "tradición" son dous puntos nun plano, pensemos na posibilidade de dobrar ese plano e facelos coincidir, cal sería o resultado? Pois, de non desdobrarmos o plano, o que obteriamos sería unha "singularidade social sincrética" onde os contrarios formarían estrañas e perigosas alianzas que constituirían un freo para o desenvolvemento integral de determinados avances sociais, de seu imprescindíbeis, por exemplo, a situación actual das mulleres en Occidente.
Así, aparentemente iguais na esfera pública, a desigualdade mantense na privada onde os cambios foron mínimos. Por outra banda, a percepción da muller, segue estando intimamente ligada ao seu aspecto externo e, en moitos casos, dando lugar a beneficios económicos explícitos a terceiros-caso da prostitución- ou implícitos en forma de prebendas ou favoritismos para ela propia. É este aspecto exterior o que sempre a condiciona en tanto que distrae a atención ao respecto das súas calidades menos visíbeis. Isto é así porque o ollo que mira segue a ser, maioritariamente, o mesmo de sempre: o ollo do home branco.
É evidente que o corpo feminino continúa a ser o noso principal significante, é dicir, o que nos representa no subconsciente colectivo masculino -mais tamén no noso propio na medida en que nós mesmas entramos nese xogo sucio ao comparármonos coa "outra", obviamente rival e, por ende, potencial inimiga- e que ha ser máis aprezado dependendo de determinados valores estéticos capitalistas sendo un dos máis relevantes a xuventude.
Canto máis sexi e nova máis me materializo e gozo de prebendas que me han converter nunha auténtica muller-tigre, á imaxe e semellanza do home branco occidental, resolutivo, eficaz, frío, egoísta e intelixente. En resumo, un perfecto animal urbano: un tigre entre tigres.
Por iso, cómpre gozar dunha certa "porcentaxe" de atractivo, para sermos pensadas, de paso que somos cobizadas, e, en consecuencia, acceder á valoración positiva do varón ao respecto das nosas capacidades ocultas e, desta maneira, saber eu se son digna de consideración política, social ou intelectual.
Estes procesos de recoñecemento das diferentes dimensións do feminino por parte do home semellan ter carácter inmanente e están imbricados na sociedade de tal xeito que resulta complicado visibilizalos de non facermos uso da "ignorancia positiva" -a que configura o desprexuizamento necesario para levarmos a cabo un labor de esexese natural, isto é, de profundización en calquera cuestión política, social e económica- algo que poucas e poucos practican, pois todo, ou case todo, está contaminado por un imaxinario abstracto que nos remite a xuízos de valor alicerzados no medo ante unha "suposta competitividade" e, polo tanto, "ameaza" ante novas incorporacións que puidesen mermar a parcela de predominio derivada dunha estraña donación sobrenatural que semella conceder certa exclusividade no manexo das estruturas de poder e opresión.
E o máis importante de todo, este tipo de reflexións machistas e condescendentes, seguen a producirse nos cerebros de moitos homes, e, lamentabelmente, nos dalgunhas mulleres, de xeito espontáneo, dada a interiorización que delas se fixo ao longo dos séculos. Así, non deberá sorprendernos que numerosas voces masculinas, que proclaman e reivindican a igualdade entre sexos, manteñan en privado conductas propias dun oso cavernario que poñen de manifesto a existencia de ideas ben arcaicas nas que a amada tiña ese carácter ambivalente que a inhabilitaba para a confianza en tanto que amante e inimiga, próxima e distante, leal e traidora...
Xenebra, por exemplo, emblema do amor adúltero, amante e amada, ofrece o retrato máis gráfico da muller caprichosa e "despendolada" ao manifestar unha estraña "molestia" e "descontento" ante Lancelot -o seu amante- por ter este dubidado uns segundos se subir ou non naquela carreta conducida por un anano por mor da deshonra pública. Disque daba mala imaxe montar nas carretas dos condenados. Lóxico entón que vacilase... Porén, ela, a raíña, non podía desculpar este erro, tal era a súa subxectividade emocional, propia, por outra parte, das do seu xénero.
Este episodio, certamente interesante, reflicte con clareza a visión das mulleres na Idade Media. Eramos mala herba, veleno en botes preciosos. Iso quedounos claro a todas. Despois viñeron outras tantas infieis, de natureza lábil e confusa, veneradas como deusas pola súa beleza, e, ao mesmo tempo, detestadas polo natural felón e insidioso que as caracterizaba. Entón compría protexerse, salvagardar o varón da constante tentación e o sufrimento que dela derivaría, infrinxido, premeditadamente, por esas malvadas mulleres loiras, morenas ou rubias.
En contraposición ás pérfidas, adúlteras e inconstantes, había outro tipo ben distinto: a muller-santa, a nai abnegada, a coidadora de enfermos -enfermeira a xornada completa- e a cociñeira ou limpadora. Sempre ao servizo do varón, descoñecedora de praceres íntimos e ocupada nos labores "propios do seu sexo".
Desta maneira, non é novidoso que se diga aquí que na sociedade anterior, premoderna, existían dous tipos de mulleres: as boas e as malas. Mais, se cadra, si o será denunciar unha verdade que se oculta constantemente nos medios de "desinformación" coa compracencia da maioria dos que se benefician do sistema: o conflicto continúa. A división entre decentes e indecentes aínda pervive nas mentes de moitas persoas.
Por todo isto, considero que a evolución da sociedade é mera apariencia, na medida en que persevera no patriarcado e contempla a nosa situación dende unha cruel e molesta condescendencia, bipolar e abafante. Seguimos a sermos analizadas polo ollo masculino que parece "concedernos" parcelas de poder pouco a pouco para "normalizar" unha nova mentira , redonda e brillante, como todas as mentiras sociais do sistema democrático actual, a desigualdade soportábel.
É esta "desigualdade soportábel" a que coloca ante os nosos ollos de "muller en ascenso" un poder que non debería interesarnos na medida en que provén dun sistema capitalista instalado no patriarcado que fomenta a deshumanización e os valores do mercado, converténdonos en copias do home. A día de hoxe podemos ser ministras de fomento ou de defensa, entrar no ámbito intelectual, ter unha vida laboral activa, abortar, non casar...
Porén a cuestión non é se podemos, mais caer na conta de que toda esa evolución aparente é unha concesión que as estruturas de poder, fundamentalmente masculinas, nos outorgan, non tanto polo beneficio común como por protexeren o seu status que, nunha sociedade desenvolvida e "demócrata" como a nosa, dependerá de certos valores "políticamente correctos" e xa conxunturalmente institucionalizados: a non discriminación ou "discriminación positiva".
Daquela, o sistema intenta facer pasar esta "desigualdade soportábel" no ámbito político, económico e intelectual, coma un proceso de igualación xa superado no que mulleres e homes conviven en perfecta harmonía, sen opresión nin abuso.
Mais, á marxe de que a igualdade sexa presentada coma un valor imprescindíbel e isto nos compraza, cómpre ser conscientes de que non basta con discursos ou política xestual que lexitimen esta mera apariencia, necesitamos moito máis, precisamos dun auténtico proceso revolucionario no ámbito doméstico ou da intimidade familiar, isto é, visibilizar a incoherencia que se produce de xeito cotián entre o que consideramos vida pública e vida privada onde os micromachismos permanecen ancorados, prendidos ás paredes das casas da xente. A partires de aí, da raíz, é que poderemos establecer as pautas para re-educármonos e cambiar as cousas, algo que pasa por acabar co capitalismo que condiciona e oprime a vida íntima das persoas e traballar co amplo espectro que configuran as bases sociais, isto é, a xente da rúa. Todos os procesos revolucionarios proceden de aí, da base. O que se xesta nas estructuras de poder son unicamente parches.
Mais antes de dar comezo a este labor de formación nos centros sociais, é imprescindíbel ser conscientes de que o problema continúa: seguimos a ser miradas e recoñecidas polo aspecto exterior, presionasenos dende as vitrinas mediáticas, potenciadas polo capital, para posuírmos un aspecto impoluto e certa sofisticación e todo o que se di de nós, da nosa capacidade de traballo -disque nas universidades os nosos expedientes superan na meirande parte dos casos aos dos homes- constitúe unicamente un artificio de evitación da realidade.
Así de sinxelo: as mulleres seguen a competiren entre elas, a creren que a maternidade é unha misión fundamental na vida, a se sentiren culpábeis cando son abandonadas, a construíren unha imaxe que lles permita obter aprobación e a sustentaren polo tanto unha autoestima de base feble (autoestima capitalista) que desaperecerá ao seren obviadas polo colectivo.
Pola súa banda, os homes continúan a consideraren que os asuntos domésticos son de carácter menor, a non seren humildes ante unha muller intelixente e, polo tanto, a intentaren ridiculizala con xestos, ou sexa, facendo uso do que a feminista Nancy Henley denominou "política do tacto" (mans sobre os ombros e frases de acompañamento como "non te enfades" ou "outra vez será", por exemplo... ) Isto é o que sucede no interior das conciencias. Esa é a verdade. Negalo é absurdo.
Así pois, estes supostos avances da socialdemocracia burguesa neste tema da "igualdade" veñen sendo unicamente analxésicos para calmármonos pois o referente neutro segue a ser, como se dixo nun principio, o home, branco e occidental por suposto. Ao seu redor xira todo. Eis o erro: o varón como neutro e referente.
Isto supón que unha muller recoñecida polos homes, identificada por eles como válida, é unha muller importante que pode ser situada no asfalto para competir e alimentar á besta do século XXI: o capitalismo globalizante. Se outras mulleres non a recoñecen dá igual. Esas son mulleres estigmatizadas polo sistema que as tipifica como frustradas, tigresas incompletas, rémoras dun pasado feminista que cómpre superar. Así que, porque preocuparse?.
Mentres o engano se fragua, a muller-tigre postmoderna, incapaz de identificar a antinatural convivencia de liberdade e escravitude, pon o seu corpo á disposición da estética capitalista e asume a igualdade soportábel, cunha actitude cristiá, por submisa e inconsciente.
Lóxico. Como asumir que o patriarcado segue presente e se materializa, día tras día, nos micromachismos constantes, se elevamos aos altares do sistema esa igualdade de mentira para facilitarmos o tranquilo fluír das conciencias burguesas que, como dicía Victor Jara, naquela canción, "Las casitas del Barrio Alto", aínda a día de hoxe, "se miran y se visitan y tienen televisor...".
Simplemente non se pode. Para resolvermos calquera problema o primeiro paso que cómpre é saber que este existe e nos oprime. Co machismo actual non acontece así. Lamentabelmente, institucionalizouse a mentira de que somos iguais e con ela convivimos perfectamente. Amais, existen problemas máis importantes dos que ocuparse!
Son este tipo de plantexamentos os que provocan o desprezo e o ninguneo -por parte de certos sectores "conservadores de esquerda"- pola loita feminista actual en tertulias de café argumentando que está obsoleta. Se predica, dende o "buenismo políticamente correcto", que resulta absurdo manter un discurso de xénero cando a muller, a día de hoxe, xa acadou a liberdade sexual e a independencia económica!
Porén, isto non é así. En absoluto. Na actualidade, como xa indicamos arriba, estamos sometidas á tiranía estética para gustar, xa que logo, seguimos a sermos escravas. O propio corpo é o inimigo. No canto de ser un soporte material co que desprazarse no espazo ou no tempo continúa sendo un molde humano ideal para exhibírmonos nas vitrinas mediáticas , un molde do que, curiosamente, quen observa pode inferir non só as "evidentes" calidades físicas, mais tamén outras morais (disciplinada, responsábel, enérxica...) que, tradicionalmente, eran captadas co trato. Son estas "virtudes" as que colocarán a muller nova e delgada nun chanzo máis elevado, debido, claro está, ao seu esforzo por "parecer" e "aparecer" ante os ollos do resto como auténticas preciosidades a circularen polas cidades do mundo desenvolvido. E como son obxectos preciosos pero independentes, economicamente claro, como se lles "permite" certa visibilidade no mundo masculino, non importa, podemos seguir mantendo a nosa idea de que temos evoluído máis que ningunha outra sociedade e estar contentos/as. Somos tigres.
A beleza pois, en principio unha simple característica humana carente de mérito na medida en que nos vén dada pola natureza de xeito arbitrario, preséntase aínda coma un valor e nos rebaixa á condición de receptoras do beneplácito masculino. Gustar primeiro para gustármonos despois. O seu parecer por diante do noso, mais como o feminismo radical está superado... Que máis ten iso? . O importante é ser valoradas e sentidas para termos un lugar aquí e "competir". É a nosa misión no mundo: ser tigre entre tigres, entregarnos á hidra capitalista e fundirnos con ela. A insurrección é historia.
E, como evoluímos tanto e tan ben, continuamos coa mentira. Dá igual a análise social. Nada é comparábel ao aspecto dunha andrómena mediática: a redondez escintilante. Por iso, porque cremos o que nos venden, directa ou indirectamente, seguimos repetindo iso de que o feminismo está superado.
Dende Cleopatra que, segundo a rexouba histórica, se bañaba en leite de burra, pasando polas grandes divas do cinema clásico -Marilyn Monroe, Ava Garner ou Gena Rowlands- até as modernas e insolentes belezas grunge dos 90 como a modelo Kate Moss, a imaxe da muller perfecta foise aclimatando ás necesidades sociais para nos abastecer da imprescindíbel dose de cosméticos e dispensarnos diferentes ungüentos cos que solventar a flacidez ou, moi importante, o molesto e terríbel tecido adiposo do que tanto nos avergoñamos.
Lonxe quedan as Tres Gracias de Rubens cos seus corpos voluminosos e ondeantes. Lonxe tamén a muller que o deus Amor aconsellaba como amante ao Arcipreste de Hita -Busca muger de talla, de cabeça pequeña;/ cabellos amarillos, non sean de albeña;/ las cejas apretadas, luengas, altas en peña;/ ancheta de caderas; esta es talla de dueña"- e que nada tiña que ver cos corpos laminados da actualidade.
Mais a opresión exercida pola sociedade sobre o corpo feminino vén de vello, pois, de retrotraérmonos no tempo e sermos obxectivas, temos de recoñecer que o "corsé", por exemplo, foi una prenda que cominou á muller ao silencio por falta de aire. Cun van reducido de 60 ou 70 cms até 33 -tal é o caso de Catalina de Medicis (S.XVI)- como expresarse oralmente? . Mellor estar caladas, coma case sempre, por outra parte...
Daquela, xa antes do capitalismo globalizante e do seu predecesor, o capitalismo industrial ou, de ir máis atrás, o mercantil, as mulleres padecían a dictadura estética e vivían, literalmente, afogadas.
É certo, a concepción da muller como ser observado e paciente, é una tradición milenaria. Eis as lapidacións de adúlteras ou a idea aristotélica do corpo como recipiente, en tanto que recibe, submiso, os "únicos e verdadeiros axentes activos" da reprodución. Eis tamén, a desmemoria do fracaso político dos homes ao longo dunha historia só protagonizada por eles, guerra tras guerra, das que a muller foi unicamente víctima. Sempre abnegada e disposta para os satisfacer.
En tales circunstancias, sendo como é a humana un ser contemplado, pensado para a continuidade da especie, non estraña que todos, agás ela propia, decidan a altura ideal e as medidas do seu peito ou a anchura das cadeiras, por exemplo. É máis, na actualidade, é tal o cinismo industrial e a opresión publicitaria, que poucas serán conscientes de que seguen unicamente tratamentos estéticos para compraceren ao outro, sendo este, dirémolo unha vez máis, o home branco.
Por todo isto, a muller consciente, sofre cada día a opresión que, tristemente, procede tanto dos tigres como das súas potenciais presas: mulleres brancas, encantadas coa igualdade soportábel, nunca lesbianas, iso non, e, moi importante, "monísimas de la muerte".