A descomposición do Estado

Estamos dentro dun Estado en estado de descomposición. Non é que vaia romperse -por desgraza- a patria indivisíbel parida polos integristas españois. De momento non temos esa sorte, xa que o concepto de nación que eles teñen permítelles desprenderse dos valores pero non dos mitos. Tan dogmáticos son os españolistas, que prefiren queimar os móbeis cando arde a casa antes de desprenderse deles. Estoume a referir á corruptela reinante nas institucións públicas, desde as máis próximas até as máis altas maxistraturas. Sendo grave a podremia na que están metidas, máis incomprensíbel resulta que a sociedade sexa capaz de respirar o fedor que desprende esa política putrefacta. E teño medo. Medo de volver ás andadas, pois as preas son o alimento preferido das aves de rapina, e a aguia é o animal totémico de todos os fascismos. Cando o pobo cala, son as baionetas as que falan.
Damo noxo abrir o xornal pola mañá e atoparme todos os días con casos de malversacións nos concellos, deputacións, gobernos autonómicos, e desviación de fondos públicos para financiar actividades partidarias ou para uso particular. Ben sei que as acusacións están feitas non para sanear senón para ferir e debilitar ao adversario. Dame igual. Se teñen fundamento, o problema é alarmante. Se son falsas, reflexan a esterqueira na que caeu a confrontación política. A batalla xa non se libra entre diferentes alternativas, entre distintos ideais. A vitoria depende do maior arsenal de excrementos para lanzarlle ao inimigo. Neste combate escatolóxico, a presunción de inocencia é o papel hixiénico utilizado polas organizacións implicadas. É a gorida na que ocultan aos militantes corruptos. Como se non houbese outra norma no ordenamento xurídico. Está de moda. Xa escampará, é volverán á rúa os piratas da política para bailar o samba enriba das nosas cabezas. Os portugueses chámanlle presunto ao pernil do porco. Os presuntos de por aquí atoparon no unto e no pernil o único atractivo para o exercicio da actividade pública. O preocupante é que a maioría das institucións están rexidas por partidos enzoufados na delincuencia e que sexan estes os que gozan preferentemente do favor dos electores. ¿Estaremos, se cadra, ante un complexo colectivo de Dióxenes? ¿Será que a sociedade tomou os seus representantes como cilicio para purgarse, ao estilo do filósofo grego, das disipacións da mocidade?
O duelo entre o PSOE e o PP lémbrame a escena da pousada do Laurel entre o Tenorio e Luís Mejía. Os dous a gabarse das fazañas, liortas e amoríos nos que participou cada un: da razón atropelada, da virtude escarnecida, das mulleres burladas, da xustiza vendida. Cunha pequena diferenza: Pondo o protagonismo do revés e cedéndolle xenerosamente ao adversario as falcatruadas maiores, quedándose coas máis pequenas para si. ¡Mágoa que non contemos hoxe coa arpa de Zorrilla para limar en décimas fluídas o puxilato dialéctico entre os dous partidos! Xa sabemos que non existe sinonimia completa entre corrupción e corrosión, mesmo que teñan unha estreita afinidade semántica. Con todo, prefiro empregar a segunda palabra, pois descalifica mellor aos estafadores en menor contía. Di a química que os metais con impurezas son máis vulnerábeis á oxidación. O ferro ordinario enferrúxase con máis facilidade ca o ferro doce, pois este resiste mellor o contacto co osíxeno. Xa vedes que, aplicando a fórmula da corrosión, de nada serve devaluar a corruptela polo menor impacto da tentación venal. Quen se vende por cinco traxes amosa maiores impurezas, máis vileza e fraxilidade ética, que un funcionario que abre a caixa forte dun Ministerio para roubar cinco millóns. As caixas fortes da facenda pública ábrense e baleíranse de moitos xeitos. Creando sociedades paralelas para a desviación de fondos, adxudicando concesións a cambio de gratificacións económicas, pero tamén usando e abusando de coches oficiais para saír de compras. ¡Que baixa pon a súa cotización quen se salda a baixo prezo! Igualmente, deixarse chantaxear por unha falsa interpretación da lealdade e facerse cómplices das malversacións do socio de goberno. Ocultar o asasino e baixar ao nivel do criminal. Mirade, a moral cívica, a que non se recopila en códigos pero vai impresa na mente popular, tolera mellor as meteduras de pata que as meteduras de man. Errar é de sabios, di o proverbio. Meter a gadoupa nas arcas públicas para furtar fondos adicados ao benestar da sociedade é unha infame canallada. Nalgúns países islámicos córtanlle as mans a calquera raspiñeiro. Non imos nós, xentes de bo facer, aplicar o mesmo rigor punitivo. Abonda con segarlles o pescozo. ¡Perdón, é unha metáfora!
¿E a xustiza por onde anda, clama a plebe? Vai no cadaleito que leva ás costas a mulleriña do Álbum de Castelao. "¡Canto pesa e como fede!" di a paisana, cuberta co pano da cabeza, unha moda herdada quizais do ritual islámico que por aquí deixaron as hostes de Almanzor. Pois a xustiza tamén come: almorza, xanta, cea, e a máis golosa incluso quere merendar. ¡Calquera se fía dela! Este é o concepto pexorativo que dos xuíces teñen os nosos aldeáns. Eu, por moito que con eles levo discutido, nunca logrei tirarlles da cabeza tan absurdo desatino. Polo si ou polo non, teña razón ou non o vulgo, coido que o máis asisado é seguirmos o exemplo de Rosalía, confiando á fouciña a reparación do creto, segundo relata no seu poema titulado A xusticia pola man. Iso si, procurando non asestar na besta a facada dirixida ao cazador. ¿A que feras se refería a nosa poeta nos dodecasílabos monorrimos máis rotundos que pariu a lírica galega? Por tal motivo, encomendarlles aos profisionais da toga o combate da corrupción política, mesmo supondo boa fe na maxistratura, sería deixar para o alén o castigo que o diaño se adiantou en aplicar con maior dilixencia e puntualidade. Privariase á xustiza, ademais, do valor exemplarizante que conleva.
Son as mesma organizacións implicadas as que teñen o deber de perseguir arreo os elementos contaminantes que as infectan. Nomeadamente, póndoos fóra da disciplina partidaria. Utilizar a capa da solidariedade interna só serviría para cebar o cancro que as corroe. Isto, claro está, no caso de supolas vítimas inocentes dun virus introducido por intrusos. Agardar o ditame do veredito xudicial, á espera dunha coartada que poña a salvo a honestidade política, é o síntoma máis evidente de asumir como colectivos os comportamentos individuais. Perdoádeme que sexa benevolente nas miñas suposicións, pois a realidade é que a corrupción é conxénita nas ideoloxías defensoras de sistemas inxustos e corrompidos. Ou sexa, todos os que fan do poder un instrumento de opresión de clases e de pobos. ¿Con que discurso ético van encarar unha campaña electoral partidos que apestan a podremia, despois de saír dunha refrega excrementicia? Aínda máis; recuncar con candidatos publicamente cuestionados é como asaltar un banco sen tapar a cara cun pasamontañas. ¡Vaia morro que lle botan os que levan unha cara no cartel e outra agachada na faltriqueira das rapinas!
Somos arrieiros, cabalgando no lombo dos nosos arricaques polos camiños da política, e polo tanto pezas cobizadas polos salteadores. Hai que contar, ademais, coa debilidade humana, propensa a deixarse seducir polo reclamo de cazadores furtivos. Non convirtamos en regra o que puido ser unha excepción. No momento actual, cando a maioría das intitucións están nas mans de partidos enlamados na bulleira, é obriga darlle ao electorado un modelo que poida rescatalo da frustación colectiva. O recambio está en alternativas transformadoras -iso é, revolucionarias- que teñan na ética un dos piares fundamentais (non o único) dos principios ideolóxicos que as identifican. Non vale de nada se por correr moito deixamos a sociedade no mesmo lodeiro no que a meteu o sistema. E xa sabedes que a xente do común chámalle alegría á bebedeira do patrón, e alcólico perdido ao criado que un día se atufou un pouco tomando unha caneca. O sentido exemplificador que encerra a interpretación popular é transparente. Agora que nos atopamos en período pre-electoral quero deixar neste artigo un consello, se hai alguén que queira ou estea en condicións de aproveitalo. O mellor retrato dun cartel é a imaxe impoluta de quen sacrificou a ambición á honestidade. Este é o criterio que se debe impor, aínda causando un retorzón agudo no ventre dunha organización. É preferíbel deterse na encrucillada demorando a viaxe a seguir camiños que non teñen volta.