A democracia contaminada
En canto ventan un proceso electoral os cans do integrismo ibérico empezan a rosmar. Temos un á volta de doce meses: o que vai abrir as urnas para a renovación das cámaras municipais. Trátase de estreitar cada vez máis a greta da caixa dos sufraxios, para impedir a entrada dos votos que, estando dentro da ortodoxia xurídica, son bastardos para o dogma dun Estado concebido na constelación de tauro. Por sorte ou por desgraza, é un tema que pouco nos afecta a nós como galegos, pero moito como demócratas, e sobre todo nacionalistas. O asunto refrescouno xa o debate político e as tertulias de plató, foros nos que se exhibe a pornografía dialéctica. Estoume a referir ás listas eliminadas non por dereito senón por maquiavélicas interpretacións xurídicas. Son as chamadas candidaturas contaminadas, pois nesta democracia prevalecen sobre as leis os criterios biolóxicos. Podemos definila como democracia visceral, seguidora da democracia orgásmica á que veu substituír.
¿E por que tomaches unha candea neste enterro, diredes vos? Por simple compaixón. Porque os que antes por conquistar a liberdade deron a súa ou están na UVI -feridos de morte polos orgásmicos- ou fixéronse progres, que é o mesmo que converterse en badulaques. Ídesme perdoar que para argumentar a miña alegación bote man do breviario deles: a Constitución, cova de Alí Baba erixida en templo na reforma abenzoada polos herdeiros do franquismo. Un texto xurídico que cisca verdadeiras xenialidades no seu articulado. Por exemplo, todas as que lin depositan no pobo -no pobo a secas- o principio da soberanía. A deles, no pobo español. Ou sexa, que Galiza, Euskadi e Cataluña, para escolleren o seu autogoberno teñen que pasar polo aro españolista. Os constitucionalistas apertaron aínda máis o lazo que xa Franco nos botara ao pescozo sucedéndose a si mesmo reencarnado en Borbón. Imperialistas si; parvos non. A inxenuidade é propia dos que disimulan a covardía política comungando con rodas de muíño. Singularízase tamén o texto constitucional por estabelecer como principio a economía de mercado, ousadía que non cometeron países con máis tradición capitalista.
Non toca hoxe falar diso. Pero vou botar man dun exemplar da Constitución, o impreso para nós en papel de lixa e para eles en papel de seda. Nela afírmase que todos teñen o dereito de elixir e seren elixidos para cargos públicos, emparentado de forma indisolúbel o sufraxio activo co pasivo. E que só pode privar deste dereito cívico unha sentenza ditada en proceso xudicial ordinario, nunca en xuízo sumarísimo. Esta é a leitura que cabe facer na versión en papel de lixa. Os do papel de seda, non obstante, interpretan que é lícito osmar dentro das candidaturas á procura de bacilos contaminantes. Os demócratas de novo cruño ignoran que unha lei deixa de selo cando permite interpretacións, ao menos segundo pensamos nós, ignorantes na materia, e un prestixioso xurista sudafricano. Os xuízos sumarísimos, substitutos dos paseos, cargaban o fusil do Dítador. O Estado actual emprégaos para eliminar voces que poñan en cuestión a súa rixidez. A suprema aberración xurídica -para nós os legos- está en sentenciar a morte candidaturas que non tiveron a precaución de vacinarse contra os elementos patóxenos. E aínda máis, que a quen se privou do sufraxio pasivo continúe no dereito ao sufraxio activo. A pesar disto, os politólogos seguirán teimando en venerar os autos da xustiza como autos sacramentais.
¿Non son acaso verdadeiros autos de fe os exorcismos e esconxuros esixidos para librarse da excomunión política? Os mesmos que noutros tempos lle impuxeron aos xudeos para conseguir permiso de residencia. Non abonda con ser inocentes de violencia en obras. É preceptivo, ademais, certificar a inocencia de pensamento. Esta España -teoricamente aconfesional- segue ancorada nos principios éticos transmitidos polo catecismo, que mete no mesmo inferno os pecados de pensamento, palabra e obra. O criterio de exclusión do proceso electoral das listas contaminadas malamente esconde a súa hipocresía. Non se aplica de xeito idéntico en todas as situacións. ¡Que importa que unha candidatura leve grapos, guerrilleiros ou brigadistas, se non ten posibilidades de esquivar o control das urnas! Aquí radica o carácter reaccionario e fascista da medida. Espeta nas listas a navallada que quere asestar ás urnas, por medo a que elas declaren como problema social un fenómeno atribuído a minorías criminais.
Estoume expondo, ben o sei, a que a miña postura a prol da limpeza democrática e do compromiso nacionalista poida interpretarse como apoloxía da violencia, agora que se puxeron de moda os minutos de silencio, igual que antes se facían rogativas para escorrentar as secas. Non me importa. Cando existe na sociedade un sector suficiente para dar representación institucional a determinadas formas de loita política, estamos obrigados a reconsiderar os tópicos que se viñeron utilizando para combatelas. Non é un simple problema de orde pública, que atopa a solución no código penal. Hai unha diferenza fundamental cos mafiosos que entraron no poder por vía democrática. Estes conquistaron os votos disfrazados coa pel de año. Os abertzales vascos fan a súa campaña regañando os dentes e coas orellas guichas. É a diferenza que hai entre o voto da adhesión e o voto do engano.
Por trabucar ou ocultar maliciosamente a súa diagnose fracasaron e fracasarán todos os intentos de buscarlle unha saída pacífica ao problema da violencia. Se o conflito é de índole política, a terapia a aplicar non pode ser a prescrita para a delincuencia común. Despois de medio século facendo podas, o Goberno español non atopou aínda a tesoira para cortar a raíz que nutre a árbore. Por aferrarse ao dogma da España única. Escolleu a chapuza de modelo, da que non poden saír máis que chafalladas. Por dogmatismo entenden como monólogos todas as ofertas de diálogo. Co enemigo negóciase cando as posibilidades de vencelo son escasas. Ir á mesa de negociacións coa acta de rendición previamente redactada é pura inxenuidade. Enrique IV -pai da dinastía recuperada por Franco para España- non tivo inconveniente en oír unha misa para conquistar París. A paz ben vale unha misa, podía parodiar o actual depositario da coroa dunha estirpe real en extinción. Nada diso é posíbel nesta España de taurófilos, por estar situado o debate en planos diferentes. É o drama das liñas paralelas, do que se laiaba un poeta portugués. Sempre camiñando xuntas, e condenadas a non encontrarse nunca.
Se endeble e fraudulenta é a xustificación xurídica para eliminar as listas contaminadas, vergoñento son os motivos aducidos para eliminalas. O razoamento é que o Estado -¿de dereito?- ten a obriga de impedir a financiación de actividades terroristas co diñeiro das institución públicas. É de agradecer que o Goberno nos aclarase a finalidade dunhas institucións consideradas erroneamente como órganos de participación popular en asuntos públicos. A súa verdadeira función é a de servir de manacial de ingresos económicos. O problema non é que se poidan introducir nelas ideoloxías contaminantes. Redúcese a unha simple cuestión de carácter orzamentario. Non eran os discursos incendiarios de Idígoras os que lle amargaban o xantar aos deputados españois do Congreso. Era o anaco da torta que as Cortes tiñan que repartir con el. Vai ser, a fin de contas, que a estratexia deseñada para combater o nacionalismo vasco é unha cuestión gastronómica. ¡Que pena que nos asuntos de política sempre se metan polo medio as cousas de comer! ¿Poderíase agardar algo máis dunha historia que as aulas atribúen á espada dos xenerais, pero que foi concebida nas caixas fortes dos banqueiros?