A DEFENSA DAS TÉRMICAS, A NOSA RESPONSABILIDADE

A DEFENSA DAS TÉRMICAS, A NOSA RESPONSABILIDADE

A suspensión cautelar pola Audiencia Nacional e o Tribunal de Luxemburgo do Decreto do carbón representa un contratempo para o Goberno español, mais non é ningunha garantía para a defensa dos intereses galegos. Seguindo a legalidade, a lóxica da economía de mercado, a cacarexada competencia e a imposibilidade de aplicar axudas públicas ás empresas, non cabía esperar outra resolución, sobre todo, respondendo a unha demanda das empresas eléctricas. Mais as demandas das empresas enerxéticas nada teñen a ver coa defensa das centrais térmicas das Pontes e Meirama, como centros produtivos instalados no territorio da Galiza e vitais para a súa economía. A súa desaparición significaría 3 puntos menos no PIB galego, pasarmos a ser deficitarios na produción de enerxía eléctrica e provocar unha redución incontrolada de emprego e de riqueza. O que perseguen as eléctricas é seren debidamente compensadas polo lucro cesante, se teñen que pechar estes centros produtivos, de maneira que podan investir en calquera outro lugar para compensar a perda dos seus beneficios. Non veu mal este tropezo xurídico. Porén non fiemos nel a solución do noso problema.

A reacción das comunidades autónomas, beneficiadas polo Decreto do Carbón, perante este contratempo foi significativa. Axiña formaron unha fronte común, sen distinción de pertenza partidaria (PP-PSOE), para defenderen con uñas e dentes a súa aplicación e mesmo ameazaren as empresas eléctricas con que tomarían represalias nos seus territorios contra elas. Toda a prensa destes territorios reaxiu alporizada ao unísono e non se escoitaron nin discrepancias políticas ou sindicais, e nin sequera reparos ecolóxicos, malia tratarse da defensa do carbón e das centrais térmicas máis contaminantes.

En contraste, na Galiza padecemos, primeiro o aliñamento servil do PSOE co Goberno central, máis tarde, comprobando a reacción social contraria, a impulso do nacionalismo, a orquestración da confusión, aparentando situarse tamén en defensa dos intereses das comarcas afectadas. A Xunta do PP limitouse inicialmente ao silencio e máis tarde ao seguidismo da mobilización popular, sen usar as súas competencias con enerxía fronte ao Goberno e as eléctricas, intentando tapar as contradicións do Partido Popular, que deixou pasar o Decreto no Congreso dos Deputados. Parte importante do ecoloxismo galego interveu no debate como se estivésemos a discutir o modelo enerxético, propondo, no momento de maior confusión, cando se estaban a esmagar os intereses da Galiza cunha discriminación descarada, e aínda sen unha reacción social contundente, a eliminación de todas as centrais térmicas. Unha proposta que obviaba mesmo a maior incidencia contaminante do que o Goberno español defende, e inverificábel a curto e medio prazo. Alén de non ter en conta que as que se van eliminar son as nosas, as de aquí.

Sendo presidente de Endesa Martín Villa, recoñeceu que esta eléctrica -entón aínda pública- se convertera nunha grande empresa con capacidade de transnacionalización grazas aos inxentes beneficios da central térmica das Pontes. Mais apuntou que non existía riqueza galega, senón riqueza española, e que polo tanto non se sentía politicamente obrigado a compensar a aquela comarca por tanto espolio padecido durante 50 anos, queimando lignitos pardos, coa maior contaminación de todo o Estado. Todo o máis, unha obriga moral. Custou a reconversión de catro grupos que queimaban os nosos lignitos pardos para poderen queimar carbón de importación menos contaminante, alén dos ciclos combinados de gas! Agora o Goberno de España, con descaro total, non só non compensa de tanta riqueza entregada ao resto do Estado, senón que pretende acabar co que nos quedou, tirando como se fora un pano usado, ao lixo.

As mobilizacións realizadas, especialmente pola Plataforma en contra do Decreto, foron logrando paseniñamente a clarificación social e a articulación do movemento de protesta. Este movemento ten que continuar. Do contrario a resolución última será pasarlle a factura negativa a Galiza, sen que ninguén do exterior teña a mínima piedade e consideración. É moi importante que este problema sexa asumido como unha cuestión nacional galega. Sería bo que tomase esta dimensión, incluída as formas de manifestación e protesta. Igualmente a presión sobre o Goberno galego debe medrar para que non poda situarse comodamente nun papel de paripé.

Non fai falla dicir que o nacionalismo pode compartir e asumir propostas que acomoden os intereses de todo o mundo. Desde logo, non é imposíbel formulalas por parte de quen ten o poder. O que nunca asumiremos é que, en contra da razón, da eficiencia, e mesmo da legalidade dese mesmo poder, se tomen medidas tan sumamente lesivas contra Galiza, como xa é habitual.