A defensa da lingua: antítese do colonialismo

A defensa da lingua: antítese do colonialismo

Aínda fican inmóbeis as imaxes deste pasado luns na miña retina. Máis unha vez, os bos e xenerosos volvemos amosar, ateigando as rúas de Compostela, que co noso, coa nosa lingua, non se xoga. Esas imaxes non están soas, van da man do sentir, de sentir que é moito aínda o camiño que lle fica por percorrer á lingua galega, isto é, a todos nós, para podermos falar de normalidade no seu uso social e público. Por sermos, máis claros: falamos xa de sermos colonizadores e/ou colonizados.

Non cómpre lembrar canto e que caro custou historicamente conseguirmos certos avanzos mínimos que, no maior dos casos, non baixaron do ceo nin foron espontáneos: foi froito dun esforzo que agromou da consciencia e da resposta, unha resposta que superaba e rachaba coas funcións e usos encorsetados e estabelecidos á nosa lingua. Nisto andamos aínda hoxe!

Todos e todas coñecemos aquilo de "socialismo ou barbarie", mais hai quen o debeu trocar por "colonización e barbarie". Só así se pode entender, por exemplo, que se tivese que loitar por chamar as cousas polo seu nome, é dicir, en admitir que a galega fose a única forma legal posíbel da nosa toponimia. Iso si, non sen antes proceder a unha contundente revisión e corrección de todas as barbaridades perpetradas nos nomes dos lugares da nosa nación, encaixados á forza nun molde "a la española" que os aqueloutrou e os desfigurou até límites sádicos (véxase "El desván de los monjes" e pregúntese polo Conselleiro de (in)cultura Roberto Varela). Aínda hoxe andamos nestas!

E aínda hai quen se atreve a falarnos de chegar a puntos de encontro e de consenso. Outórgaselle a ese tal consenso virtudes que non posúe, porque se esquece o seu carácter finalista, para o converter en obxectivo en si mesmo. Parafraseando unha coñecida frase de Lenin, con frecuencia mal interpretada, preguntaríamos: Consenso, para que? Porque, se é para enterrar aínda máis a lingua galega, para regular, invisibilizar, encorsetar... a súa utilización daquela si que nos negamos en rotundo, e de partida, á beatificación diso que deron en chamar consenso para, así, reclamarmos un acordo realista e pragmático onde dunha vez por todas se entenda, que non é tan difícil, que Galiza ten unha lingua propia e que ten o dereito de usala. E a loita continúa...

Loita que temos que seguir mantendo cando aos nosos ouvidos chegue aquilo de que: "non se pode politizar a lingua". Vaites! Iso mesmo digo eu! Cando vai deixar o Partido Popular (ollo que o PSOE tamén) de politizar a lingua? E si, digo ben, de politizar, porque andar a pór a cambadela ao galego é unha coartada para paralizar ou retardar o proceso da recuperación dos usos da nosa lingua.

Deste xeito, fica claro que quen politiza a lingua na Galiza, son os que discuten, negan ou exclúen o seu uso, porque naturalmente a lingua galega na Galiza é onde ten que existir con plenitude funcional, ao servizo de todos os cidadáns sen distincións de clase social ou de lugar de residencia: aldea, vila ou cidade. Que buscan os nosos colonizadores? Moi sinxelo: o obxectivo final é curtar a machadas o tronco do que non se quere que sexa unha árbore vizosa. Queren impedir que a grande capacidade simbólica que ten a lingua obre na dirección de reencontrarmos con nós mesmos para pasarmos a ser o que somos: galegos e galegas por obra e graza do idioma. E non seremos nunca o que eles queren: un pobo manso, resignado e máis manexábel e reducido a ser a parceliña do noroeste do Estado.

Seguimos con Lenin: Que facer? Que facer para non sermos uns colonizados nin para sofrer a súa barbarie? Témolo claro, amosámolo este pasado luns en Compostela. A receita: mobilización social clamorosa coa protesta activa visíbel e audíbel, por un lado. E simultaneamente, cunha práctica de pedagoxía social de convición, explicación das potencialidades do galego, de como todo pobo normal fachendea da posesión da súa lingua. Entón, con estas dúas tácticas, a estratexia conduciranos á recuperación normalizadora do idioma.