A culpa é do BNG!

Mentres tecleo no meu computador este artigo, dubido se é boa ou mala idea escribir e publicar estas liñas. Vivimos tempos en que todo pode ser interpretado e manipulado. Porén decidinme, a autocensura é a peor maneira de censura e a máis refinada e retorta manipulación. Coido que todo ten un límite e xa está ben de botarlle a culpa de todo ao BNG. Refírome a reiteradas afirmacións públicas nas que se culpabiliza da crise interna de Anova á “cultura política do BNG”. Manda truco na Habana!
Son militante do BNG desde hai case dúas décadas. Durante este tempo aprendín moito, de Galiza, da nosa historia, das causas do noso atraso económico, da nosa lingua e cultura. En definitiva, co BNG redescubrín o meu país desde unha óptica desacomplexada. Tamén vin en primeira persoa quen defendía e practicaba a democracia interna, o papel das asembleas, da militancia do BNG e o compañeirismo e camaradería. Desde logo, os que acudiron a unha asemblea e non aceptaron as decisións da militancia, debían ser máis cautos á hora de falar de democracia , participación e horizontalidade.
Recoñezo, que sentín o desalento de non poder evidenciar a grande mentira a quen nos acusaba de falta de democracia interna. Estou convencida que non hai en todo o estado español, organización tan democrática como o BNG. A militancia do BNG escolle directamente a súa dirección, vota en asemblea as listas electorais, escolle directamente candidata/o á presidencia da Xunta, decide a liña política... Afirmo con contundencia que as acusacións de falta de democracia interna eran parte dunha estratexia programada e decidida de desgaste, para quen tiña decidido de antemán abandonar o nacionalismo, e retornar aos vellos e fracasados dogmas do piñeirismo. É lícito facelo,mais non sustentalo en mentiras.
Por iso, digo que me indigna e enche de carraxe, escoitar a quen militou no BNG, ou a portavoces doutras organizacións políticas, afirmacións tan falsarias como as citadas. Só temos que ver os feitos e as actitudes duns e doutros. Non entro a valorar o que pasa noutras organizacións, mais pido respecto para quen leva trinta anos cunha traxectoria clara en defensa de Galiza. Con erros e acertos, mais sempre coa convicción de que precisamos un movemento nacionalista forte para superar os problemas da nación galega.