A cuadratura do círculo


As persoas que adican tempo e esforzos a tentar chegar a novos descubrimentos, a buscar novos camiños para o coñecemento, son merecedoras de respecto. Cousa diferente é a teimuda persistencia en buscar solucións a cuestións que xa están resoltas e ben resoltas hai tempo; aquí o problema é diferente: o que hai que facer é dominar ben a solución e aplicala acaidamente.

Hai máis de trinta anos, tiven a ocasión de escoitar no Retiro a un señor que presentaban como grande matemático, con varias publicacións, tentando demostrar nunha delas que o número cero non existía. Que andase con tales razoamentos na época clásica grega ou romana tería a súa razón de ser, pois bastantes problemas tiñan co ditoso cero; levando 5 séculos o problema resolto, parece unha brincadeira e unha perda de tempo tal pretensión.

Pero entre as cuestións matemáticas deste tipo, a que se leva a maior sona é a da "cuadratura do círculo", problema resolto na práctica xa no antigo Exipto, China ou Mesopotamia, e na sofisticada teoría, xa hai século e medio. Asignarlle a alguén como logro a citada cuadratura, é unha maneira sutil, pero clara, de faltarlle ao respecto, por ser incapaz de distinguir as elementais formas do círculo e do cadrado.

No actual panorama político galego, as formas elementais están perfectamente definidas e descubertas. Quen sexa ante todo de dereitas, será do Partido Popular; secundariamente poderá ser catalogado como moderado, galeguista, liberal, galegofobo, facha ou conservador, etc., pero a definición fundamental e prioritaria, a caracterizadora da súa ideoloxía será ser de dereitas. Os que se caractericen, en última instancia, por seren de esquerda progresista defensora do sistema, estarán no PSOE; despois poderán ter todos os matices do mundo: sensatos, moderados, radicais anti-dereita, galeguistas ou antigaleguistas, guais ou obreiristas, pero o fundamental é "progresistas defensores do sistema". Por último, os que ante todo se definan como nacionalistas, están no BNG; secundariamente poderán ter todos os matices: de esquerda, comunistas, socialdemócratas, liberais, moderados, radicais, federalistas, confederais, arredistas, etc., pero a característica fundamental é ser nacionalista.

Usando un símil matemático, o P.P. sería un triángulo. Acutángulo, rectángulo ou oblicuángulo; equilátero, isóscele ou escaleno, pero ao fin ao cabo, triángulo. O PSOE sería un cuadrilátero; rombo ou romboide, cadrado ou rectángulo, paralelogramo ou trapezoide, pero cuadrilátero. O BNG sería un círculo, grande ou pequeno, con moitos raios ou con poucos, pero, en definitiva, círculo con centro na Galiza.

Claro que os triángulos ou os cuadriláteros poden chegar a converterse en círculos, e viceversa; pero cunha condición básica: que deixen de ser o que orixinariamente eran. Mentres tanto, mentres que estes cambios radicais non se dean, cada cousa é o que é. Hai persoas na Galiza, moi importantes, moi politizadas e moi sabidas, que andan buscando cuartas ou quintas vías. Como froito das intensas pescudas que están a levar a cabo, parecen albiscarse no horizonte grandes aportacións, como o círculo cadrado, sen esquecer, por suposto, o triángulo circular.

Aproveitando a experiencia de ter vivido hai arredor de trinta anos os mesmos, transcendentes, profundos e sutís, matices políticos que hoxe volven a estar de moda, tentaría sintetizalos en, por un lado, a posibilidade dunha dereita case nacionalista ou dun nacionalismo case de dereitas, e, por outro, a suposta existencia dunha progresía defensora do sistema aproximadamente nacionalista ou dun galeguismo progre. Hoxe os tempos cambiaron una barbaridade, e, estes "re-descubrimentos" ventílanse a través de algúns artigos xornalísticos e, sobre todo, do "internés"; no fondo a cuestión non a varía, é exactamente a mesma trinta anos despois, pero hai que convir e aceptar que queda moito máis moderno, onde imos parar!

Recoñezo que sempre padecín dificultades intelectivas e de oportunidade en relación a algunhas das sutilezas políticas que se están agora a reeditar; non entendín moi ben grande parte do asunto hai arredor de tres décadas e sigo sen superar esta limitación. Se non sinteticei certos matices de xeito acaído, pido desculpas por anticipado. Sen que serva de xustificación ás posíbeis grallas, o feito é que este asunto é moi difícil, moitísimo máis que o da cuadratura do círculo, que xa é dicir.

A sabedoría popular ten toda unha serie de expresións para ridiculizar a pretensión de descubrir o que xa é sabido e ben asentado: "este descubriu América", "descobre todos os días o Mediterráneo", "descubriu que os paxaros voan", "é tan listo que inventou a roda", entre outras moitas do mesmo tipo.

Con todos os respectos, está a nosa nación para entretermos o tempo con estas disquisicións absolutamente superadas? Sexamos operativos, que cada quen se recoloque onde queira pero, iso si, se for posíbel, sen tratar de adornar tales decisións con floreados razoamentos imposíbeis!