A crise pon a Europa en crise

A crise sacude os alicerces da Unión Europea. A economía fai tremer a Europa, quizais porque está Unión que se leva anos intentando construír é unha Europa do Capital, unha Europa neoliberal, non unha Europa dos Pobos, das persoas, unha Europa insensíbel ás necesidades da cidadanía e dos traballadores e traballadoras.
A Aula Castelao de Filosofía atinou sen dúbida ao elixir o tema desta vixésimonovena Semana Galega de Filosofía que se celebrou do 9 ao 13 de abril. Procurando sempre pensar a actualidade, procurando crear un espazo crítico que produza movemento, que permita a acción e a política desde a reflexión filosófica, un ano máis déronse cita en Pontevedra algúns dos mellores pensadores e filósofos para compartiren as súas reflexións ideas e propostas cos centos de galegos e galegas que asistiron aos relatorios e participaron activamente nos longos e ás máis das veces interesantes debates que tiveron lugar na propia sesión ou logo polos corredores do Auditorio, as rúas, os parques e os bares pontevedreses. Porque a Semana Galega de Filosofía, tamén é un espazo para compartir, para o debate, para o encontro. E Pontevedra o lugar perfecto. Mentira, Economía, Educación foron os temas tratados nos últimos anos na Semana. E agora Europa, na que o mercantilismo manda. Os pobos, a cultura e a educación fican sometidos á ditadura neoliberal. A gran mentira da “Unión” Europea, que ten un grave déficit democrático, pois as ordes son ditadas desde Bruxelas sen control democrático directo e sen render contas a ningún parlamento, cun Banco Central Europeo sometido aos intereses dos bancos, onde a cidadanía perde soberanía, a democracia perde calidade.
Mais é claro que nós como galegos estamos en Europa, e formamos parte dela. Debemos pois mirar por ela. A reflexionar sobre a vixencia dos ideais europeos, da nosa historia común dedicáronse as mañás e as noites. Europa como desafío cosmopolita pairou polos relatorios de Jacobo Muñoz e Norbert Bilbeny. A idea de universalidade kantiana tomou corpo entre nós como globalización economicista. O profesor Quintín Racionero culpou da situación actual á propia voráxine consumista, á fabricación ficticia de necesidade, dos excesos do estado do benestar capitalista, a costa da exclusión e aproveitamento deliberado do resto do mundo, do "terceiro" mundo. Ao caso africano dedicouse Carlos Berzosa, mostrando como para que un pobo sexa soberano non abonda con teren eleccións “libres”, pois o sometemento aos ditados dos organismos internacionais como o Banco Mundial ou o Fondo Monetario Internacional só leva a perpetuar unha nefasta distribución da riqueza e a consecuente pobreza e subdesenvolvemento.
Mais Europa non debe ser isto, non é o Banco Central ou a Comisión Europea; debe ser un proxecto solidario que conecte co mellor da modernidade ilustrada, unha Europa baseada na solidariedade e na cooperación que debe dar as costas á rivalidade e á competencia. Fabian Tarby defende que o ideal europeo, contrariamente ao americano, baséase na unión diferencial, non na homexeneización. O profesor Ángel Calle insiste nesta proposta do que debe ser a cultura política actual: agregativa e non asimiladora. Movementos como o 15-M móstrannos alternativas para facer política, para expresarse se hai vontade de emancipación, de suma desde a diferenza.
Na situación de Europa e dos países europeos desde a perspectiva económica, que semella fulcral nesta crise, Eric Toussaint, presidente do Comité para a Anulación da Débeda do Terceiro Mundo, e Francisco Louça, líder do Bloco de Esquerda portugués e que fixo a lección de clausura, coincidiron nunha atinada análise da situación e na proposta central: recuperar a iniciativa pública fronte aos acredores financeiros, como fixeron Ecuador ou Islandia. A crise atinxe de xeito específico á periferia de Europa, aos estados periféricos que están na moeda común, que están no euro. Se pretenden manter algo de soberanía coa que poder tomar decisións, propóñen recuperar as competencias monetarias, e de ser necesario podería considerarse a suspensión e renegociación do pagamento da débeda exterior e a anulación da chamada “débeda ilexítima”, aquela que foi contraída como resultado dunha política deliberada de gobernos que favoreceron sistematicamente ás clases capitalistas en detrimento do resto da sociedade, e que resulta simplemente do xogo financeiro e da acumulación de xuros excesivos. Esta proposta é a primeira dun documento titulado “Oito propostas urxentes para outra Europa”, de moi recomendábel lectura.
,Galiza como pais periférico nun estado periférico de Europa fai fronte hoxe ao aniquilamento identitario e ao saqueo material. Logo de sufrir durante anos o esfarelamento dos nosos sectores produtivos e a feroz reconversión industrial, hoxe a crise é aproveitada para eliminar dereitos sociais e económicos da cidadanía e para o debilitamento de sectores básicos como a educación e a sanidade públicas, coa colaboración activa do goberno central e a política de brazos caídos da Xunta de Galiza e de Feijóo.
A nosa representante no parlamento europeo Ana Miranda defendeu que Galiza non está representada en Europa a través do estado español. Os países sen estado coma o noso precisarían da creación dun novo suxeito político en Europa, as “comunidades básicas”, para poderen ter voz en Europa por riba do artificioso estado-nacional. Mentres na Unión Europea impoñen normas e regulamentos en sectores estratéxicos para Galiza como a pesca, o agro ou os estaleiros ou incluso regula o transporte na ría de Vigo, con consecuencias claramente negativas en todos eles, deixa interesadamente barra libre –sen control nin supervisión- ao capital e aos mercados, permitindo paraísos fiscais ou regras financeiras propias para o beneficio dos grandes capitais e da especulación, e investindo enormes cantidades de cartos –que pagamos todos- para “rescatar” de seu aos causantes da crise.
Proxectos como a Aula Castelao de Filosofía son agora máis necesarios ca nunca nun pais en proceso de derrubo polos poderes políticos e económicos centralistas e conservadores. Nun tempo no que o acoso á cultura e ao pensamento está moi forte, no que coa escusa da crise económica pretenden acabar con todo. Son proxectos necesarios para a normalización cultural e política da nosa nación. Os propios estatutos fundacionais da Aula así o recollen: promoción e valorización do idioma galego, do ensino galego, do pensamento galego e desde Galiza, e do pensamento crítico e a formación de boa cidadanía. Logo de 30 anos, a Semana Galega de Filosofía segue a ser un espazo de liberdade, crítica, aprendizaxe e participación desde Galiza, desde Europa, desde o mundo.
----------------------------------------------------------------------------------------------
[NOTA EDITORIAL.- A responsábel editorial desta publicación dixital, Terra e Tempo, recorda que as valoracións e opinións contidas nos artigos das colaboradoras e colaboradores habituais recaen integramente no ámbito da responsabilidade delas e deles. A directiva non asume como propias máis que as afirmacións do "Editorial" ou de "Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez" que, con este nome, se publica á cabeza dos artigos do día. Tendo comprobado como é moi elevado o número de lecturas e comentarios dalgúns artigos -cousa que nos honra, naturalmente-, asistimos igualmente a unha utilización espuria da opinión dalgúns colaboradores, facéndoa extensiva á Fundación Bautista Álvarez ou á Unión do Povo Galego, partido que non ten responsabilidade sobre este dixital que edita a Fundación. Insistimos, por isto, en como o dixital Terra e Tempo, respeitando a liberdade de expresión dos seus colaboradores, non fai súas en absoluto as aprezacións particulares, sobre calquera tema, dos mesmos. Reservámonos, claro está, como en calquer publicación similar, o dereito de inserimento dos comentarios que cada artigo merecer, pois non damos nin daremos cabida a aqueles que conteñan insultos ou resulten difamantes ou inxuriantes para persoas, institucións ou organizacións.]
----------------------------------------------------------------------------------------------