A crise permanente do capitalismo en Europa

A crise permanente do capitalismo en Europa

A actual etapa de crise do Capitalismo non é só económica, é ecolóxica, de soberanía alimentaria, de saúde, de relacións de xénero, e de valores. Poderiamos dicir que é unha crise do paradigma de civilización que desenvolveu o Capitalismo ou crise do modelo ideolóxico sobre o cal se asenta.

As regras do xogo da globalización baséanse na acumulación crecente de riqueza en cada vez menos empresas, beneficios que aumentan baixando os custes salariais e os impostos, (coa correspondente merma no sistema público de protección social) e coa creación de novas necesidades coas que intentan manter en aumento o nivel de consumo, para absorber a cada vez máis masiva produción.

O aumento do consumo acompañado da baixada real de rendas só pode ser posíbel coa utilización masiva do crédito, que a súa vez conleva a submisión á precaridade laboral. Vivimos nunha sociedade que ten devaluado aínda máis o seu "valor” central. Antes era o ter e agora é o parecer. O culto á apariencia do que é exemplo o slogan “porque ti o vales” resume o culto ao individualismo, acompañado por un mercado onde as persoas son suxeito e obxecto de consumo.

Os valores patriarcais, capitalistas, consumistas e mercantilistas que promove o neoliberalismo están debilitando as referencias e a cultura colectiva, a nosa base identitaria.

Estamos, polo tanto, diante dun sistema en crise permanente, contra o que temos que loitar se queremos seguir existindo como nación viva.

A primeira grande crise económica de 1875 deixou ao descuberto a crueza do modelo capitalista que comezaba a desenvolverse. As teorías de Marx e Engels, a forte conciencia de clase e as condicións sociais e laborais de miseria foron os detonantes dunha longa loita pola consecución do dereito á rendas substitutorias das rendas do traballo (pensións, incapacidade laboral, prestación por desemprego...). No medio da Primeira Guerra Munidal, a Revolución Rusa de 1917 prende a esperanza de cambio nos/as traballadores/as, vivíndose un rápido fortalecemento dos partidos socialistas e comunistas en toda Europa. Isto provocou que en 1919, tras o Tratado de Versalles que puxo fin a guerra, aparecese a Organización Internacional do Traballo.

A década de 1930 inicíase coa Gran Depresión Económica de 1929. As taxas de paro chegan ao 30%, as revoltas sociais e obreiras reivindicaban uns ingresos mínimos para as situación de necesidade, atendidos polo estado. Os movementos sociais estaban en auxe, propiciado tanto pola situación económica como polo desenrolo da Revolución na URSS. Neste contexto de conciención política e loita de clases, a Segunda Guerra Mundial marcou un fito no desenrolo do Estado de Benestar, froito do medo dos poderes fácticos europeos ao poder que ía gañando a URSS e a inclinación cada vez máis crecente dos traballadores/as cara ao socialismo. A única saída para frear o avance do socialismo en Europa era pactar un sistema de seguridade social e desenrolar o que logo se chamaría Estado do Benestar. O propio presidente do EUA Truman recoñecía nun discurso de 1947 que “o expansionismo comunista, como principal perigo e inimigo dos EUA e do mundo occidental obriga ás negociacións sociais”.
A Segunda Guerra Mundial non só xerou unha importante transformación das relacións socio-polítcas, senón tamén da estrutura socioeconómica:

Primeiro a guerra destruira o vello aparato productivo europeo, o que o mesmo tempo levou ao impulso de novas tecnoloxías que doutro modo tardarían moito máis en aplicarse.

En segundo lugar a guerra constituíu un inmenso campo de experimentación con fins militares no ámbito da enxeñería, que máis tarde tamén se aplicarían na produción civil, que suporá nas décadas seguintes unha redución dos custes e mudanza da escala de produción, aumentando a productividade e os beneficios empresariais.

En terceiro lugar, a aplicación das terorías económicas de Keynes, aínda dentro do modelo económico capitalista, afastábanse notabelmente das neoliberais impostas na actualidade. Keynes defendía o Estado como o encargado de manter un nivel axeitado de demanda interna, de forma que se descendían as posibilidades de gasto do pobo (debido ao desemprego, por exemplo), o Estado debía facerse cargo da educación, sanidade, infraestruturas sociais, ademais de transferirlles directamente aos cidadáns os recursos necesarios para garantir a denominada “paz social” (pensións, prestacións de desemprego, rendas básicas...). Deste xeito mantíñase suficientemente a demanda interna, permitindo que a produción das empresas puidera ser absorbida e así poder seguir producindo. A retroalimentación do ciclo económico keynesiana poderiamos resumila como a aspiración ao pleno emprego e a demanda como motor económico.

Este modelo económico aplicado en Europa era dificilmente aceptábel para os EUA, que tiña como sistema ideal o laissez-faire económico e a mínima intervención pública, polo que tiveron que conter as suas pretencións até a caída da URSS.

Abandonando o modelo keynesiano en beneficio do neoliberalismo, atribuíuse entón as crises aos obstáculos para o libre xogo das forzas do mercado, culpando o Estado do Benestar dunha suposta rixidez que dificultaba o crecemento económico. Para os ideólogos neoliberais a saída das crises requiría aumentar a taxa de explotación dos recursos produtivos (man de obra e materias primas) e con ela a “produtividade”. A falta de novas tecnoloxías, isto acadaríase reducindo os salarios reais, as cotizacións sociais e calquer tipo de imposto sobre os beneficios empresariais. Para que a estabilidade dos Estados for total, o recetario neoliberal aconsellaba controlar os custe de produción: man de obra e materias primas.

Os obxectivos prioritarios do neoliberalismo son: aumentar a flexibilidade do mercado laboral (despido o máis libre posíbel), a moderación salarial e a busca de recursos cada vez máis baratos, a costa de dominar e explotar os pobos produtores dos mesmos. Este é o camiño que postulan para facer máis competitiva unha economía cada vez máis globalizada, e para facerlles fronte aos novos países emerxentes, sobre todo aos asiáticos, que teñen baixos custes laborais e de protección social.

Ao redor do aumento da taxa de rendibilidade, artéllanse as diversas pezas da política neoliberal, o ataque aos salarios, o retroceso das prestacións e servizos sociais, a contrarreforma fiscal, a desregulación do mercado de traballo, as privatizacións e a política económica baseada no monetarismo. Este modelo, que toma corpo teórico no Acordo de Washington de 1990, é o que se lles impón aos países da UE no Tratado de Maastricht de 1992, como consecuencia da desaparición da URSS.

No período iniciado en 1980, pasouse á expansión en profundidade do Capitalismo. Para poder multiplicar os ámbitos de negocio, fóronse convertendo en mercadoría todos os aspectos das nosas vidas. Nesta etapa púxose en marcha unha ofensiva decidida contra o Estado do Benestar, argumentada con razóns pseudoeconómicas de raíz máis ideolóxica que técnica, cuxos froitos máis temperáns teñen sido a crise actual. Este cambio de paradigma económico veuse acompañado por unha acción conxunta dos aparellos militar e de intelixencia occidentais, para corromper e destruír o modelo socialista.

Non é causal que a URSS desaparecera en agosto de 1991 e, en decembro do mesmo ano, se reuniran en Maastricht os xefes de Estado da UE, para ratificar coa súa sinatura o modelo que desde as sedes do capital multinacional e financieiro e da OTAN se tiña deseñado para “a nova Europa”. O Tratado de Maastricht baséase no obrigado cumprimento das estrictas condicións monetarias para acceder ao clube do €, entre elas a redución da débeda pública, a limitación do déficit público ao 3%, o control da inflación e dos tipos de xuros. Estas condicións, sumadas á reforma dos sistemas fiscais (facéndoos cada vez menos progresivos e baixándolles os impostos ás empresas e as rendas máis altas) foron debilitando o sector público, que con cada vez menos impostos e sen poder endebedarse (a pesar de que Alemaña e Francia, antes da crise de 2007, romperan reiteradamente o pacto de estabilidade) teñen aplicado unha redución drástica das coberturas sociais.

Co Tratado de Maastricht, Europa asumía, xa sen carautas, o mesmo esquema de política económica de EUA: o Neoliberalismo, baixo o cal o concepto económico de Globalización converteuse en sinónimo de post-modernidade e de mundialización da economía. Un mundo supostamente sen alfándegas, considerado como único mercado, onde a estandarización e as economías de escala permiten, especialmente ás multinacionais, realizar excelentes negocios.

Cumpridos os obxectivos do Tratado de Maastricht, e recién inagurada a moeda única, os xefes de Estado da UE reuníronse en Lisboa en marzo de 2000 para diseñar a estratexia económica da nova década (2000-2010), profundizando na liña de Maastricht pero cunha linguaxe máis edulcorada. Aínda así, é moi significativo que nos documentos aprobados se deixe de falar do Estado do Benestar, para sustituílo por “sociedade do Benestar”, co que se lle atribue á sociedade a responsabilidade da súa seguridade económica, da saúde, etc, reducindo aínda máis a intervención estatal aos casos extremos, cunha cobertura pública mínima, traducíndose en privatizacións e caridade.

Rematada a década que definiu o Tratado de Lisboa vemos como resultados maiores índices de paro, pobreza, a deslocalización empresarial e o deterioramento do medio ambiente en Europa. Calquera dos indicadores económicos que miden estas variábeis teñen empeorado desde o ano 2000. Un dos obxectivos teóricos do acordo de Lisboa era a erradicación da pobreza na UE para 2010. Nese período pasouse dos 50 millóns aos 79 millóns de persoas da UE que viven na pobreza e a Comisión xa fala do horizonte do 2020 para diminuír estas cifras.

A actual crise financieira comezou en 2001, tras o pinchazo da “burbulla tecnolóxica” da internet e das “novas tecnoloxías”, con fortes caídas da bolsa. A resposta política foi a baixada do prezo do diñeiro para inxectalo no sistema. Nos EUA o prezo dos cartos en dous anos pasou do 6,5% ao 1% e na Zona Euro a niveis do 2%, comezando así o “investimento do ladrillo”. Así, deseñase desde o sector financieiro un novo nicho de negocio, acumulando bolsas de solo, participando no capital das grandes construtores e ofertando diñeiro barato, para os compradores de vivenda.

En 2007 saltarían as “sub-prime” ou hipotecas lixo. Para entender este episodio da crise hai que recordar que a banca ten que gardar unha relación entre capital en depósitos e créditos concedidos. Cando os créditos son moi altos, chega un momento en que se supera esta relación mínima e non poden dar máis créditos sen aumentar o capital propio. Para saltarse esta regra, a banca desfíxose do créditos hipotecarios, a través de bancos de investimentos creados por eles mesmos, vendéndolle como derivados financieiros ou paquetes de investimento en fondos de investimento, Fondos de Pensións, etc.

Queda claro que o Capitalismo está en crise permanente, que o sistema non ten as virtudes que venden os medios de masas e que provoca máis desastres dos que coñecemos. A inestabilidade na que se asenta este sistema leva ao Capitalismo a estar en crise desde mediados dos 70 (ademais do Crak do 29, Crisis de 1973, 1982, 1987, 1993, 1997, 2001, 2007). A actual crise, que segundo vaticinan os gurús neoliberais vai camiño dunha década, seguirá superando os niveis de pobreza e degradación dos servizos públicos, até a súa eliminación case total. Será esta a última crise do Capitalismo?