A crise do réxime monárquico

Resulta difícil de asimilar que a democracia sexa compatíbel coa monarquía. Este residuo feudal ou absolutista permanece, non obstante, incrustado, en forma de xefatura do estado, con máis ou menos poderes, nalgúns réximes de democracia parlamentar da Europa occidental, entre eles o español. Seguramente, esta estraña combinación ten moito que ver coas características do proceso de revolución burguesa do século XIX en cada sociedade. No caso particular do estado español, foi a monarquía o réxime dominante e case exclusivo durante ese século, coa excepción da experiencia republicana de 1873-1874, e tamén o foi durante o século XX, coa excepción da segunda república, 1931-1939, e o longo interregno da ditadura franquista que posibilitou finalmente a súa restauración. Como se ve, a monarquía estivo emparellada, no noso caso, ás forzas máis reaccionarias e foi restaurada ou asegurada co recurso ao golpe de estado militar e a ditadura. Unha das probas máis evidentes de que o actual réxime democrático xurdiu dun pacto co anterior réxime franquista foi a forma monárquica que tomou e a proclamación dun Borbón, educado e designado por Franco, como rei de España. A Constitución española vixente lexitimou este pacto. Cabe valorar até que extremo a transición política entre o franquismo e a actual democracia contribuíu a narcotizar a opinión pública e a facela inconsciente sobre a natureza do novo réxime, alén de impulsar a censura, o tabú e a represión sobre moitas cuestións durante moitos anos, en nome nada menos que da democracia. Lembrarei até que extremo era rexeitada, con ampulosa e ameazante retórica, pola dereita e a esquerda española calquera oposición ou crítica ao texto constitucional, sacralizado como dogma de fe, durante moitos anos. Nin que dicir ten que, no referendo constitucional, os nacionalistas galegos votamos non, entre outras cousas, por a Constitución non admitir máis existencia que a da nación española e como única soberanía a do pobo español, e por instaurar un réxime monárquico. Mentres outros, agora moi republicanos, non só votaban afirmativamente, senón que se prestaban a serviren de cans de presa na persecución dos discrepantes, facendo mesmo ostentación da súa devoción litúrxica pola “roja y gualda”. Da tradición monárquica e dos seus valedores franquistas, herdou o actual réxime democrático a súa forma, a concepción da unidade de España como subordinación e anulación das distintas nacións á idea dun único pobo, o español, unha única lingua como dominante, o castelán, e unha única vontade política, a española. Certo que esta tradición hexemónica non deixou nin deixa de estar presente e actuante en moitos republicanos, como algo prioritario e básico, e por iso mesmo non lles custou nada aceptar a monarquía.
Loxicamente, revolución, democracia e república constituíron, en principio, un todo inseparábel. Non podía ser doutro modo. A república xustificouse na lexitimación da vontade popular como fonte da soberanía, de decisión, na expresión da igualdade de dereitos para as persoas, á marxe da herdanza, do sexo, da cor ou de calquera outra condición, na separación de calquera conivencia relixiosa. Resultaría contraditorio que, no século XIX, as colonias que se emancipaban das metrópoles europeas en América instaurasen monarquías. Non é casual que un Haití independente fose en 1804 a primeira república negra da historia e a segunda república de todo o continente, após os Estados Unidos. Máis sintomático é aínda que unha Córcega, proclamada nación soberana e independente, se constituíse en república, conforme aos principios da Ilustración, incluído o voto feminino, entre 1755-1769, antes de ser esmagada e colonizada por unha Francia tan republicana como imperialista. Alertemos, pois, de que hai moitos tipos de república, como forma de réxime e non sistema que é.
A crise de lexitimidade que está a vivir a monarquía española non é inseparábel da crise do réxime constitucional vixente no seu conxunto, por máis que teña causas que lle son específicas. Cabe preguntarnos por que se acabou a censura e o tabú que existía, en primeiro lugar nos medios de comunicación, sobre os comportamentos, a vida, as relacións sociais e económicas do rei e a súa familia. É só unha consecuencia da crise xeral, política, económica e social que estamos vivindo, unha proba de que a información é libre? Non deberíamos dar unha resposta afirmativa absoluta, sen matices. Indica, en todo caso, que a crise de lexitimidade comeza a ser tan grave que a monarquía xa non é tabú, intocábel, e moito menos o monarca en concreto. De tal xeito que a posibilidade de forzar a súa abdicación non está desbotada, se cómpre facelo para intentar restaurar unha certa lexitimidade do réxime. Neste debate, nesta encrucillada, móvese xa unha parte dos poderes oligárquicos. Até tal punto foi intocábel, tabú e sacralizado o tema, durante tantos anos, e indicativo das carencias democráticas do réxime tamén, que existe un silencio, un oco legal clamoroso, sobre como facelo. Será suficiente coa substitución para reducir o descrédito progresivo? Velaí as reticencias dos que temen ou recean de que unha abdicación acabe por favorecer un cambio de réxime e que este non sexa posíbel sen unha inestabilidade incontrolada. Mais xa hai tamén, dentro das propias oligarquías, quen está pensando nesta opción, considerándoa inevitábel, de continuar a actual crise de lexitimidade, que, intensiva contra a monarquía, está atinxindo a outras institucións do réxime e pondo en causa o sistema económico vixente e os seus males. Unha aposta formalmente autoritaria non é incompatíbel cunha república española, fortemente presidencialista, que non mudaría a esencia do sistema actual, mesmo podería acelerar os cambios en curso a favor da centralización e o control dos cidadáns, en nome da eficacia, do combate contra o malgasto e a corrupción, e recorrendo á demagoxia contra a política e os políticos e a unha reforma electoral contra o pluralismo e a diversidade. Agora ben non é tan fácil a mudanza do actual réxime monárquico noutro republicano sen correr riscos por moi controlado que estiver o proceso e por moito que houber consenso oligárquico maioritario. Dependerá o desenlace tamén da claridade, da forza e dos obxectivos dos movementos e alternativas políticas populares.,Para os nacionalistas galegos, para os demócratas que teñen unha concepción da democracia como liberdade e igualdade, para os republicanos que non se limitan ao exercicio dunha fe ritual, un réxime republicano, que non sexa unha fraude, debe respectar o dereito e a vontade de cada pobo, o exercicio da súa soberanía, para desde ela, en todo caso, establecer unha unidade entre iguais: a república confederal. Este modelo de república é o único que se orientaría na rectificación da globalización e as súas consecuencias, rexeitando o modelo de UE vixente. É o único que sería proclive ao laicismo, ao antimilitarismo, o pacifismo e o antiimperialismo, precisamente pola súa base plural, diversa e igualitaria. Na XIII Asemblea Nacional do BNG este tema foi obxecto de análise e de debate. O relatorio, aprobado por máis do setenta por cento da militancia, é un bo instrumento de clarificación a este respecto. A evolución dos acontecementos estase encargando de demostrar que necesaria era para actuarmos nunha orientación positiva, nesta encrucillada, para os intereses do pobo galego.
----------------------------------------------------------------------------------------------
[NOTA EDITORIAL.- A responsábel editorial desta publicación dixital, Terra e Tempo, recorda que as valoracións e opinións contidas nos artigos das colaboradoras e colaboradores habituais recaen integramente no ámbito da responsabilidade delas e deles. A directiva non asume como propias máis que as afirmacións do "Editorial" ou de "Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez" que, con este nome, se publica á cabeza dos artigos do día. Tendo comprobado como é moi elevado o número de lecturas e comentarios dalgúns artigos -cousa que nos honra, naturalmente-, asistimos igualmente a unha utilización espuria da opinión dalgúns colaboradores, facéndoa extensiva á Fundación Bautista Álvarez ou á Unión do Povo Galego, partido que non ten responsabilidade sobre este dixital que edita a Fundación. Insistimos, por isto, en como o dixital Terra e Tempo, respeitando a liberdade de expresión dos seus colaboradores, non fai súas en absoluto as aprezacións particulares, sobre calquera tema, dos mesmos. Reservámonos, claro está, como en calquer publicación similar, o dereito de inserimento dos comentarios que cada artigo merecer, pois non damos nin daremos cabida a aqueles que conteñan insultos ou resulten difamantes ou inxuriantes para persoas, institucións ou organizacións.]
----------------------------------------------------------------------------------------------