A corrupción está xa na lei
Daquela, por razóns de rematar un proxecto, os traballadores e traballadoras da administración local podiamos saír ás 16 ou 17 horas, cando o horario regramentado acababa ás 14,30 h. Faciamos todos os proxectos de obras que necesitaba a cidade. Loitabamos para mellorar as condicións laborais e os salarios baixísimos, e igualar as grandes diferenzas que había entre o grupo máis baixo e o máis alto. E sobre todo isto, había un ambiente de ilusión e entusiasmo, valorándose con certa obxectividade o traballo de cada un ou unha. Non era o paraíso, mais si un mundo no que a persoa tiña o seu valor polo que facía e resolvía.
E daquela tamén, a representación política local elixida polos cidadáns e cidadás contemplábase na súa globalidade, é dicir, no total dos representantes elixidos, e todos os grupos políticos, independentemente do número de concelleiros que obtivesen, estaban representados na Comisión de Goberno, órgao executivo no que se dirimían os problemas. O Pleno da corporación, polo tanto, nas súas competencias, aseguraba a representación real, o debate amplo e o control sobre o grupo gobernante. A lei daquel momento axudaba e potenciaba estas normas que favorecían o pluralismo de ideas e actuacións, significando un freo importante para a propia corrupción.
Falamos, ou lembramos, aqueles anos primeiros que seguiron á Reforma Política, das leis primeiras que se ían confeccionando. O aparato franquista, aceptado polos partidos de esquerda maioritarios, entraba nalgunhas regras de xogo porque temía aínda que as cousas puidesen mudar máis profundamente. Daí a frescura inicial do xogo político, dentro, claro está, do control dos novos e vellos amos reciclados .
Pero esas leis que en principio aceptaban a intervención dos distintos partidos, e con iso, o carácter plural, comezaron a mudar cando AP e PP despois, xunto co PSOE controlaron xa co voto, os distintos intereses. E aí comezou o desastre que agora padecemos en sangue mesmo, en abuso e roubo de dereitos e imposicións do neofascismo. A lei da Administración Local que agora padecemos, varreu con todo criterio democrático, e a representación dos distintos partidos na Xunta de Goberno eliminouse, para estar só o partido ou partidos aliados. O alcalde ten na súa man o controlar unha boa cantidade de cartos sen dar conta diso; e mesmo a meter nese órgao a persoas que el queira e sen que foran elixidas por ninguén. A oposición non pode controlar nen documentos nen accións, e o Pleno pasou a reducir dun xeito drástico as súas competencias. A lei obrígaa (á oposición), a ser unha especie de comparsa nas aberracións executadas cada día.
Isto levou a mudar tamén as funcións prácticas dos traballadores e traballadoras locais, pois os proxectos e servizos pasaron a ser definidos por oficinas e empresas ligadas ao partido ou partidos do goberno local; a politización, privatización e caos remataron tamén coa independencia e función dos traballadores. Disto naceron os sonados asesores, e coa súa chegada, o encarecemento dos servizos e orzamentos e o ostracismo daqueles traballadores que tiñan distintas responsabilidades ao respecto.
Visto desde hoxe, e ante a nova ameaza dun cambio de lei local que vai dar un paso máis cara ao autoritarismo e o encarecemento e privatización dos servizos, cáusame sorpresa que esta historia non se aclare convenientemente por parte daqueles partidos que foron vítimas deste atropelo e que no seu momento chamaron á mobilizarse. Metidos no embrullo acabaron por aceptar tamén este estado de cousas e mesmo a ser cómplices das mesmas, en maior ou menor medida, obviamente. Non se pode entender o que hoxe está a ocorrer sen coñecer esta historia e o seu desenvolvemento, como non se pode entender a loita en contra das Deputacións obsoletas que non responden máis que aos intereses dos dous partidos mencionados, ignorando tamén que a loita vén de vello e que xa foi estudada e combatida por compoñentes da Xeración Nós e polo Partido Galeguista da República.
A perda dunha mínima calidade democrática e o avance de estruturas, leis e actuacións caciquís e autoritarias teñen o inconveniente de que, co tempo, nos van afacendo ao seu uso até o punto de acabar aceptándoas na práctica. E posibelmente a non decatarnos diso e velo como normal. Sobre todo á xente que non viviu eses procesos. A consciencia non pode nacer por xeración espontánea, nen os acontecementos pasados ser adiviñados. Coido que hai alternativas para que iso non ocorra. O contacto e relación entre as distintas xeracións (unhas con historia e outras que a comezan) é arma fundamental, mais parece que a moda que a todos enovolve non vai por aí. Unha mágoa. E a resignación e falta de iniciativa cansan e van consolidando a indiferenza. Cada día que nace debería traer unha nova alternativa fresca e desenfurruxada, aberta e ilusionada fronte á corrupción. Aí, lectores e lectoras, está a cuestión.