A construción dun imperio

É moi importante pensar por nós sobre a nosa propia realidade e como está inserida no mundo, Facelo con lóxica e tendo en conta como nos vai. De non facelo así, gañará a confusión ideolóxica e a resignación.
Contra o que nos veñen predicando, para consumo caseiro, a crise económica, tal e como nós a padecemos, non é universal, nin sequera é europea. Para sermos exactos, atinxe dunha forma específica á periferia da Unión Europea. Aquí é onde se está aplicando unha política económica suicida, deseñada por Alemaña, e executada a través da eficaz colaboración do Fondo Monetario Internacional, o Banco Central Europeo e a Comisión Europea. O deseño prima os intereses financeiros e o das grandes corporacións industriais. A obsesión céntrase no déficit das contas públicas e na débeda soberana. En ambos os dous casos préstamos e xuros, propios dunha usura insaciábel, dificultarán aínda máis unha saída democrática e social á crise nalgúns Estados. Non se ten subliñado o que se debese o paradoxal que resulta que Alemaña pague polo diñeiro que necesita para financiarse sete veces menos que os Estados nunha situación económica delicada dentro da propia Unión Europea. Que clase de Unión é esta? Non parece que serva nin de amparo nin de paraugas protector malia termos a mesma moeda.
Teño comentado como a inversión da linguaxe chega mesmo a ironía de denominar débeda soberana á adquirida polos Estados, as empresas e os particulares, un totum revolutum que contribúe á confusión e á manipulación da sociedade. Naturalmente a poderosa maquinaria informativa ao servizo do deseño oligárquico fainos crer que o monto global da débeda soberana é a das administracións públicas, que practicaron o malgasto, polo que deben someterse a unha cura de austeridade. Á súa vez o xuízo de valor sobre a dimensión da débeda dun Estado faise tendo en conta a das empresas e os particulares. O Estado español, por exemplo, ten unha débeda estritamente pública das menores da Unión Europea: non acada o 70% do PIB. Sumada á das empresas e os particulares supera o 400%. Esta confusión entre o público e o privado facilita que se chegue a denominar co adxectivo soberana unha débeda que, en todo caso, tal e como se produce, se concibe e se manexa, máis ben deriva da falta de soberanía.
Economistas con prestixio académico, nada revolucionarios, teñen advertido das nefastas consecuencias de recorrer, como prioridade, á política de redución drástica do gasto público, no canto de asumir a preocupación por aumentar os ingresos e investir na creación de emprego, para superar esta crise. Incrementarase máis o paro, diminuirá o consumo e a espiral de declive, recesión e crise devirá máis infernal. Os dogmas da estabilidade orzamentaria e do pago da débeda, como prioridade dos gobernos dos Estados periféricos, no caso do Estado español coa súa constitucionalización recente, por indicación de Alemaña, non só non valen para superar a crise económica. É que non esconxuran nin sequera os ataques especulativos do capital financeiro, como xa se ten demostrado. Espanta que o centro de atención pública sea como facer axustes no canto da preocupación por como crear postos de traballo. A popularización de termos como prima de risco, rescate, déficit ou intervención non levan aparellada unha clarificación da fonda inxustiza, a desigualdade e a discriminación que a política económica vixente xera entre clases sociais e pobos. A confusión e a resignación acha o seu alimento en sentencias tan contundentes como insidiosamente exemplares: "non se pode gastar o que non se ten" ou "vivimos por enriba das nosas posibilidades". A súa aceptación acrítica facilita os recortes en educación, sanidade e gasto social en xeral. En consecuencia, xustifica o sufrimento, a pobreza, a desprotección, a cada paso máis estendidas socialmente. Porén, non se exemplifica coa verdade relevante e incontestábel de que este proceso é parello cunha perda de peso das rendas do traballo fronte ás do capital no reparto da riqueza. Esta involución social e económica acelérase coa forma de encarar a crise. Os Estados periféricos padécena de forma especial.
A opinión pública ignora que precisamente a República Federal Alemá viviu durante moitos anos violando o principio de estabilidade orzamentaria, que impón aos demais. Fíxoo, entre outros motivos, para lograr superar a crise económica e social decorrente da unidade coa RDA (República Democrática Alemá). Ignora que Gran Bretaña, Suíza, Suecia ou Noruega non o teñen como norma inviolábel. Como ignora que, grazas a non estaren na moeda única, estes países, como Polonia ou Estonia, poden tamén financiárense, no mercado internacional, pagando moito menos en xuros. Ula a avantaxe de pertenceren os Estados periféricos da UE á moeda única con estas políticas fiscais que nos impoñen? Sen entrar en moitas complexidades, existe a convicción de que, no Estado español, con outra política fiscal poderían medrar os ingresos. Non se trata só de poupar no superfluo ou no suntuario; trátase de que coticen máis as rendas superiores aos 100.000 euros, alén de combater axeitadamente a fraude fiscal. En definitiva, non estar exclusivamente preocupados por simpatizar co capital financeiro e co eixo franco-alemá. Claro que, para isto, hai que estar en disposición de decidir conforme a outros intereses, que son os maioritarios.
Efectivamente hai unha evidencia: a política fiscal escollida pola UE reforza a centralización política, a dependencia formal dos Estados periféricos, a perda de soberanía, da capacidade para decidir por eles mesmos. Para recibiren as axudas financeiras, tan usurarias como mortíferas, para pagaren as débedas e cubrir gastos urxentes, teñen que aceptar a xerarquización formal, a tutela e intervención da troika (FMI, BCE e Comisión), unha especie de policía que intimida e ameaza, da que non é difícil ver a súa dependencia de Alemaña e da oligarquía global. A violación da democracia non se fai exclusivamente con intrigas a escuras, senón como se fose unha consecuencia natural do propio sistema de "gobernanza" económica, que debe ser aceptado mansamente pola sociedade. Ela debe asumir a intervención, a inxerencia política desde fóra, non só os seus dirixentes colaboracionistas. Velaí a súa obscena ostentación. Noutros tempos sería imposíbel que un dirixente europeísta como o grego Papandreu fose cualificado como persoa non grata en Bruxelas por ter a pretensión de convocar un referendo para o pobo grego decidir sobre o segundo paquete de axustes a aplicar no seu país. Semellante atrevemento pagouno cunha crise de goberno que o obrigou, na práctica, a dimitir. A man negra da UE, como poder político e económico centralizado, pretende ser alongada e demostra que pode selo. A preferencia por gobernos de tecnócratas, non electos polo pobo, en nome da eficacia na aplicación das tóxicas receitas inevitábeis, fíxose ostentosa coa designación do excomisario Monti como primeiro ministro de Italia: cega e puntual obediencia aos ditames da UE, sobre todo. O seu goberno reúne aos máis conspicuos e eficientes representantes a soldo do conglomerado de intereses globalizados, desde a grande industria italiana e a grande banca, até a Igrexa católica, pasando pola OTAN. A España de Zapatero obedeceu sen chistar as primeiras esixencias de recortes no gasto público, como un alumno avantaxado da disciplina orzamentaria (reforma laboral, das pensións, salarios dos funcionarios, privatizacións, a máis suculenta, o desmantelamento do 50% do sistema financeiro semipúblico: as caixas de aforro). Esta dilixencia e o compromiso de adiantar as eleccións libraron o Goberno dunha ostentosa intervención formal. A filtración da carta de Angela Merkel a Mariano Rajoy, unha vez que foi gañador dos comicios, exhortándoo a tomar drásticas medidas, o segundo plan de axuste, ten como finalidade demostrar quen esixe e manda.
A teoría, a cada paso máis recorrente, dunha Europa a dúas ou tres velocidades, enunciada desde Alemaña ou Franza, perfila un deseño xerarquizado, imperial, tamén no político. Deste xeito, os Estados periféricos poderían pasar a estar formalmente intervidos por non poderen cumprir as normas, aceptando como castigo, o control dos seus orzamentos e da súa política fiscal en xeral. Serían, son, como semicolonias, deberán aceptar gobernos vixiados, submisos coa metrópole. Andando por este camiño, estase a debuxar e construír un imperio europeo, con Alemaña como centro reitor, proclive a xerarquizacións racistas, agochadas en prexuízos sobre supostas incapacidades económicas dalgúns pobos, tamén con graves consecuencias culturais, lingüísticas e mentais. Aproximámonos así á visión hitleriana da historia e de Europa. Nesta ocasión, o seu totalitarismo capitalista, o do Estado nazi, sería substituído polo omnímodo poder do oligopolio financeiro-industrial do mercado único e do euro, con institucións políticas oligárquicas -tecnocráticas-, nada proclives aos valores e condutas democráticas, deseño no que Alemaña ocupa un lugar central.
Se o Estado español entra plenamente na categoría de periférico, Galiza, o pobo galego, é considerada como unha fantasía, un delirio político. A tendencia do Estado español, derivada da súa matriz imperial implícita, será afondar na centralización política, reforzando aínda máis na función discriminatoria e desigual que sofre Galiza. Curiosamente Rosalía tiña xa unha sensación que hoxe parece profética. Ela lembraba que o maltrato que recibía España de Franza (a Europa do século XIX), estaba na mesma onda que o que Galiza recibía de España. A ideoloxía racista exprésase, moitas veces, en estereotipos, sempre sobre a capacidade e valor dos outros. Na Galiza temos unha ampla experiencia da galegofobia. Por situarnos no terreo da economía, canto non ten medrado o tópico da nosa incapacidade económica? Vivimos grazas a España. A nosa burguesía intermediaria, de poder ser aínda chamada así, ´as veces chega a recoñecer a discriminación do país, porén é para demandar sempre máis españolización ou máis europeización. A autoestima está polo chan, a autorresponsabilidade non é un valor e a capacidade colectiva propia considérase unha quimera, un impensábel. Resulta interesante observar como se reproducen no interior do Estado español os tópicos e prexuízos da globalización europea, da UE. Algúns políticos catalás empéñanse, por exemplo, en defender, moitas veces, o seu lexítimo dereito a ter un sistema de financiamento, verdadeiramente autónomo, recorrendo ao tópico de que eles manteñen os vicios de outros, de que dan moito máis do que reciben. Con todo, non será necesario explicar que os nosos problemas non derivan das xustas demandas de Catalunya a ter autonomía e suficiencia financeira e recadar ela todos os tributos no seu territorio, tampouco da avaricia que a propaganda lle apón aos catalás. Os nosos problemas teñen orixe máis ben no papel que ocupamos dentro do Estado, na concepción do poder e da idea de España, que nos vai relegando a un papel a cada paso máis marxinal: o noso peso demográfico, económico e político é cada vez menor.
Este proceso de recentralización e maior españolización do Estado é parello ao proceso que describimos de globalización, de construción dunha Europa fondamente desigual. Aproveitemos para alertar de que é un contrasentido afirmar que, para superar a crise actual, fainos falta máis Europa, isto é, agora a gobernanza política tamén. Pois ben, é o que están intentando facer, xa se ve con que intención. A UE, os seus Estados centrais, esnaquizou, coa conivencia de España, os sectores estratéxicos da economía galega; reduciu a capacidade produtiva no conxunto do Estado, especialmente na industria. Eliminou competidores. Está en condicións de controlar mellor a política interna, a dependencia ten medrado. Non é posíbel democratizar a vida pública no Estado español sen restaurar a súa capacidade de decisión e esta non será tampouco democrática se non é produto da súa diversidade nacional, desde unha perspectiva crítica, oposta ao deseño en marcha na UE. Hai que disentir dos imperios, das súas políticas de xerarquización, desigualdade e discriminación.
Nesta batalla pola recuperación da política democrática, o concepto e o exercicio da soberanía non é cuestionábel nin unha antigalla. Sáibase que os procesos de unidade deben producirse e só aceptárense desde a consideración de que todos somos iguais. Non se pode construír a unidade coa subordinación inherente aos imperios. Lembremos os principios nos que se asentou o nacionalismo galego: democracia, pacifismo, antiimperialismo, antimilitarismo e internacionalismo.
A Europa existente, a que nos constrúen, non está na lóxica da igualdade entre pobos nin ao servizo dos intereses da maioría social...Está coa lóxica imperial renovada. A pregunta como galegos e galegas é se temos vontade de sermos e de existirmos como pobo, ou se a nosa querenza é o suicidio, pensando que nos estamos a salvar como individuos. Na forma de encarar esta crise, o dilema está en se nos sometemos ao sufrimento sen horizonte de futuro, como pobo, nin de xustiza, como maiorías sociais, ou se estamos dispostos a defender unha alternativa que, pasando por sacrificios, nos serva para avanzar colectivamente, con conciencia de nós, rompendo coa espiral de confusión, resignación e medo que nos aferrollan...