A constitución tivo sete pais pero ningunha nai

A constitución tivo sete pais pero ningunha nai

Nin a consagración da igualdade nas constitucións, nin o seu desenvolvemento normativo está a posibilitar a erradicación da situación secular de desigualdade de mulleres e homes como suxeitos de dereito.

Pasou o día 6 de decembro, día de conmemoración da Constitución española de 1978, día da carta irrespectuosa coas nacións do Estado e coa metade da poboación, coas mulleres.

Para moitos e moitas esta constitución é papel mollado. Outros e outras non nos sentimos incluídos/as. Negásenos o dereito a sernos soberanos como pobo e sigue habendo discriminacións. Non é garante do pretendido Estado Social. Quebrántase cando interesa, e abúsase dela tamén cando interesa. Estamos perante unha Constitución prostituída, utilízase ao libre albedrío para conseguir facer reais ou para levar a cabo as políticas que interesan ao poder dominante(poder económico) que subxuga e fai crer a cidadanía que a constitución como norma suprema é inquebrantable (agás para uns poucos).

Será que o seu nome en feminino leva subxugado ou estereotipado esa condición de dominada, oprimida, explotada, subordinada como o sexo feminino. Mais as referencias son sempre a Constitución dos "españois", implantándose a todos os niveis o xenérico masculino, polo que pode deducirse do texto que non íamos implícitas como de costume.

A pesares da súa importancia decisiva dada no seu día para acadar a equiparación en dereitos, o seu punto de partida xa resulta criticable pola escasa participación das mulleres na elaboración do texto constitucional. Na comisión de Asuntos constitucionais e liberdades públicas dun total de 36 membros só había una muller, e a diferencia do que sucedeu en 1931, ningunha muller formou parte do relatorio constitucional. A constitución tivo sete pais pero ningunha nai.

Ese feito, ven a ser un indicativo da falta de perspectiva de xénero que se reflexa nas contadas ocasións nas que aparece no seu articulado una referencia explícita ás mulleres que nin sequera son recoñecidas como tal. A diferenza doutros colectivos como as persoas con incapacidade, as persoas maiores, a mocidade como grupos necesitados de especial protección no gozo dos seus dereitos. Omítese a esa metade feminina da sociedade de igual xeito que o tratamento dalgúns temas especialmente importantes para a poboación feminina.

Algúns exemplos de discriminación sexistas ao longo do articulado podemos atopalos :

- No art. 49.1, na deferencia na orde de prelación dentro da institución monárquica (aínda que non a defenda como sistema de organización). Relega as mulleres, dentro do mesmo grado ao segundo lugar, para o exercicio en caso de falta do varón. Imaxe que condiciona o papel da muller e trae consigo a redefinición da cultura preexistente patriarcal e machista.

- Na protección a familia como institución (art.34.1) discrimínanse as relación interpersoais non institucionalizadas ou as colectivas as que as mulleres cada vez en maior número tenden, pois non por azar a institución familiar é o lugar onde se fraguou a súa opresión e a onde se relegou asignándolle os papeis tradicionais de esposa e nai.

- Nun tema tan importante como a educación non se di nada sobre que se realice sen discriminación por razón de sexo, o que unido a non implantación da forma laica, conleva que a Igrexa siga exercendo un forte control sobre a mesma.Máxime tendo en conta, a postura misóxina da Igrexa fronte á muller.

- Eludiuse realizar unha mención ao dereito ao control da natalidade previa ou posteriormente á concepción, o cal, está a posibilitar que ante a aprobación da Lei orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e de interrupción voluntaria do embarazo se interpuxera un recurso de inconstitucionalidade baseado precisamente no dereito fundamental a vida.

O dereito, ademais do principal instrumento de ordenación social é un sistema creador de modelos, principios e valores, e a Constitución como norma suprema aparece como máximo expoñente diso. Se o dereito, e polo tanto a constitución regulan as relacións sociais, isto incluirá as relacións entre os sexos.

Nin a consagración da igualdade nas constitucións, nin o seu desenvolvemento normativo está a posibilitar a erradicación da situación secular de desigualdade de mulleres e homes como suxeitos de dereito.

Todavia as mulleres sofren maiores taxas de desemprego, están situadas en categorías profesionais inferiores, sometidas a maior precariedade, con salarios notablemente mais baixos, inactividade laboral, taxa de abandono do emprego, a titularidade de excedencias e permisos laborais para asumir responsabilidade familiares é moito maior entre a poboación feminina. As mulleres encontran importantes dificultades na súa promoción profesional, teñen escasa presenza en postos de dirección empresarial e representación política e en altos cargos da Administración, e o mesmo sucede co mundo da cultura e da ciencia.

As reivindicacións feministas foron atendéndose gradualmente en diversos instrumentos normativos de carácter infraconstitucional desde unha base sumamente fráxil. O seu afianzamento e reforzo require a integración na norma suprema que articule a convivencia, pois só así poden evitarse riscos involucionistas ante os desafíos ligados ao fenómeno da globalización, non só de carácter económico senón tamén ideolóxico e avanzar cara a consecución dunha verdadeira democracia.

Nunca nos valeu esta Constitución, nunca foi a nosa Constitución. Onte nin hoxe. As e os nacionalistas rexeitámola, renegamos dela desde o seu inicio. Aos parlamentarios do Bloque-PSG valeulles no ano 1982 a súa expulsión do parlamento galego por negárense a prestar xuramento de fidelidade. Pero co tempo percíbese que ninguén, nin os que a defenden, nin os que a reivindican, e conmemoran a respectan. É unha constitución prostituída, e como tal, hai dúas alternativas. Deféndase a prostitución das mulleres como una forma de violencia de xénero ou ben defendamos a legalización da prostitución como traballo para ás mulleres, pois haberá que pasar a legalizar ou ben a crear unha nova constitución ao servizo de todas e todos, e que sexa o eixe dun estado plurinacional, plurilingüe, e igualitario. Un Estado onde se recoñezan como valor positivo as diferenzas dos pobos, e con sensibilidade feminista.