A Constitución española de 1812 tamén supuxo o primeiro ataque á existencia do monte veciñal

A Constitución española de 1812 tamén supuxo o primeiro ataque á existencia do monte veciñal

Neste mes de Marzo no que andamos están celebrando o bicentenario da aprobación da Constitución Española de 1812. Se ben é certo que significou o paso do absolutismo a un réxime liberal, para os montes veciñais en man común, titularidade singular do noso País, de Galiza, significou o primeiro ataque a existencia de esta titularidade comunitaria. De feito, a súa aplicación ao monte veciñal, mediante as leis de desamortización, privatizou case a metade dos montes veciñais existentes naquel intre. É dicir, a Constitución Española de 1812, saída das Cortes de Cádiz, arrancoulle estas terras á sociedade rural labrega, para entregarllas á burguesía. Terras que eran o soporte do sistema agrogandeiro e polo tanto o seu medio de vida.

A Constitución Española de 1812 foi o trunfo da ideoloxía liberal da burguesía española. Esta ideoloxía só entendía que había dous tipos de titularidades: a pública e a privada. Os montes veciñais en man común, como nin eran titularidades públicas, nin privadas, senón que eran titularidades comunitarias, ou ben quedaron na inseguridade xurídica ou foron asimiladas como bens municipais. É dicir, son usurpados a favor dos concellos. Por certo, 200 anos despois, nin a actual Constitución nin o Estatuto de Autonomía de Galiza, teñen recoñecido esta outra forma de posuír que temos os galegos e as galegas.

A ideoloxía liberal, redactora da Constitución do 1812, consideraba que a propiedade privada era a única que podía xerar riqueza e progreso. De aí que unha vez que os montes veciñais en man común son apropiados a favor dos concellos (que se impoñen en Galiza no ano 1834), había que poñelos á venda. Esta ideoloxía liberal catalogaba e estas terras como bens mortos por estar fora do tráfico do comercio. Esta concepción ideolóxica, xunto coa necesidade da Facenda Española de facer caixa, fixo que os montes veciñais en man común, xunto con outros bens pertencentes a Igrexa e ao Estado, se puxeran a venda mediante subhasta pública. A ferramenta lexislativa usada para esta fin foron as leis de desamortización promulgadas a partir do ano 1855; leis que foron coñecidas polos apelidos dos ministros de Facenda (a de Madoz, a de Mendizábal).

Esta venda ,esta privatización dos montes veciñais en man común, non foi pacífica. A sociedade rural labrega opuxo resistencia, prantexou loita. É máis, sen esta resistencia, sen esta loita, hoxe os montes veciñais en man común non existiran no noso País. Serían unha reliquia histórica e non unha realidade como son. Para impedir que os montes veciñais pasasen a mans alleas a sociedade rural labrega prantexou dous métodos de loita.

O primeiro método foi o prantexamento de expedientes de excepcións que permitiran sacar das subhastas públicas os montes veciñais en man común nos que se demostrase que viñan sendo aproveitados pola veciñanza. Neste loita, na defensa dos montes veciñais, a sociedade rural labrega tivo como aliados a unha parte do poder local representado polos rendistas. Alianza que pecha unha contradición en si mesma, pero que se entende porque ambos sectores sociais precisaban do monte veciñal. Os primeiros para subsistir e os segundos para vivir das rendas que lles tiñan que pagar os primeiros.

O segundo método empregado foi a de repartirse o monte veciñal en trenzas e compralas cada veciño ou veciña comuneira. Método que tamén leva dentro unha contradición porque significou unha privatización a favor de quen o usaban para que non caira en mans alleas e sobre todo, para que o monte veciñal seguira a ser o soporte do complexo agrogandeiro.

A Constitución Española do 1812 non representou a defensa dos intereses de Galiza como nación, nin os intereses das súas clases populares. Representou os intereses da burguesía española. Neste mes de celebracións do seu bicentenario seguro que nos centros de ensino do noso País houbo algunha que outra actividade relacionada co tema. Mais, deuse esta outra visión da Constitución do 1812? Aposto que non. O imperialismo sempre impediu que as nacións asoballadas coñecesen a súa propia historia.