A Constitución de 1978 só era intocábel para os pobos

A Constitución de 1978 só era intocábel para os pobos

O capital financeiro de base franco-alemá -a fracción do capital dominante no ámbito da Unión Europea- dobra a aposta. Xa non se trata tan só de aproveitar a crise do capitalismo, que el propio contribuiu a xerar, para incrementar a taxa de explotación e gañar novas cotas de mercado (a custa do sistema de caixas de aforro ou das pensións públicas, por exemplo). O obxectivo é ir alén diso. Sabemos de vello que a aspiración do capital é modelar o mundo á súa imaxe e semellanza. En termos políticos, sacralizar e momificar o seu pensamento. Convertelo na ideoloxía única, no pensamento oficial. O pensamento do capital é o liberal, prescindamos por unha vez dos prefixos "neo" ou "ultra". Dogmaticémolo. Constitucionalizémolo. Así o pactaron os chefes da UE, Merkel e Sarkozy. Eles sós -para que imos perder o tempo en formalidades democráticas- decidiron que os 17 Estados do euro reformasen as súas respectivas Constitucións para acolleren no seu seo o dogma liberal do control ao déficit público. Nin Europarlamento nin Comisión nin farrapo de gaitas. A Europa capitalista, burguesa e hierárquica fica máis núa que nunca. Son os representantes políticos dos bancos franceses (os maiores tenedores da débeda española, por certo) e dos alemás os que toman as decisións. Así funciona a UE real e punto.

Non por acaso un Estado de opereta, o español, xa materialmente intervido por Bruxelas desde Maio de 2010, é o que se apresta antes que ninguén a cumprir as ordes da dereita política e económica franco-alemá. Faino mediante un procedimento que causa embarazo até o demócrata máis tépedo. Por vía de urxencia e nos estertores da lexislatura. PP e PSOE tiran a carauta e comparecen ante o público como o que son, dúas correntes de opinión dun único partido, o Partido Liberal Español (ou Neoliberal ou Ultraliberal, se o preferirdes).

Na Constitución de 1978, pactada polos partidos reformistas españois cos posfranquistas, ficou fóra o dereito de autodeterminación -a proba do nove do recoñecimento da diversidade nacional- e ficou sacralizada a España una e eterna. Nesta nova Constitución de 2011, imposta polo capital financeiro transnacionalizado, fica fóra toda política alternativa e realmente de esquerda, se por esquerda entendemos a subordinación do mercado ao interese xeral. A Constitución de 1978 por suposto que non contemplaba a Marx (embora si falase, de forma máis ben retórica, de planificación económica). A Constitución reformada de 2011 o que fai é directamente asasinar a John Maynard Keynes e ilegalizar calquera alternativa minimamente distinta ás políticas monetaristas e deflacionarias tan caras ao capital financeiro.

TOTALITARISMO LIBERAL

En certa medida, estamos ante un decidido paso dos poderosos cara á entronización dunha sorte de totalitarismo liberal: a totalidade social vaise ver afectada, emoldurada, pola nova Constitución. Xa non imos ter un campo de xogo máis ou menos amplo en que todas as opcións ideolóxicas -salvo as nacionalistas, esas xa foron excluídas en 1978- son máis ou menos materializábeis. Non, apartir desta reforma, só unha ideoloxía é constitucional e só unha ideoloxía é materializábel. A ideoloxía dominante, claro. En termos de Karl Marx, a ideoloxía das clases dominantes.

Estamos ante unha reforma neoliberal e ante unha reforma centralista.

Os liberais non son anarquistas: nunca estiveron contra o Estado, sempre viron nel un aliado necesario para a acumulación do capital nas mans adecuadas (nas da burguesía, por suposto). Mas o Estado liberal por excelencia é un Estado centralista, un Estado con poder sobre as unidades políticas inferiores (até acontece así nos Estados de orixe federal, como os EUA ou Alemaña), co obxectivo de que só haxa unha autoridade política sobre o mercado (unha autoridade política única e ao servizo dos intereses do capital). Nas condicións do Estado español iso significa que sobra o autogoberno e que sobran as nacións. Non admira, portanto, que o bipartidismo español vise no diktat franco-alemán unha excelente oportunidade para centralizar aínda máis o poder no Estado. A maior concentración do poder económico, maior concentración do poder político.

O totalitarismo liberal pon en serio risco a Democracia, que aparece agora ante o público virtualmente ferida de morte. Os liberais -sexan de orixe conservadora (PP) ou socialdemócrata (PSOE)- non se cortan. Ao contrario: o seu despotismo é deliberado. Referendo? Para que? Consultar ao pobo? Para que? Xa temos consultado a Standard and Poors! Ven o corpo social tan vulnerábel e desarmado que non dubidan en inocular unha nova dose do seu tratamento de choque, desde a convicción de que as forzas de resistencia non están neste momento para gañar grandes batallas.
,
THERE IS NO ALTERNATIVE


En realidade, o propósito último da reforma non é económico: é político. Consiste en inocular máis resignación e máis derrotismo. Consiste en estabelecer de forma constitucional o principio alcuñado por Thatcher nos 80 do pasado século: There is No Alternative, Non Hai Alternativa. Esa é a chave para os liberais. Conseguir o desestimento social. Que o pobo asuma que non hai partido que xogar e que todo está predeterminado, que a vitoria do Capital sobre o Traballo é definitiva, que o Centro prevalecerá sempre sobre as Periferias, que os ricos teñen o dereito a non pagaren impostos, que os servizos públicos esenciais -o ensino, a sanidade- son anacronismos e que deben tender a desaparecer, que as nacións sen Estado son inviábeis por si soas porque a súa función é a de drenar recursos (vía o espolio do seu aforro, véxase a bancarización de NCG) cara á Metropole...

MÁIS DE 30 ANOS DE INTOCABILIDADE

Durante máis de 30 anos, os nacionalistas sofremos pauliñas sen conto cada vez que ousamos pronunciar a palabra autodeterminación. Atentabamos contra un Tótem intocábel, a Constitución de 1978, que os demócratas conversos identificaban como a única Constitución democrática posíbel. A nosa propia existencia puña en cuestión a estabilidade política e social. E cando lles entraban saudades do ancien régime lembrábannos ameazadoramente certo artigo belicoso da Constitución que prevía a intervención do Exército para garantir a integridade territorial do Estado. O Tribunal Constitucional actuaba como un Santo Oficio non só para facer unha leitura restritiva do texto de 1978, mais tamén para liquidar calquera tentativa das nacións de levantar a cabeza (basta salientar a desnaturalización do Estatut catalán, embora este ter sido xa refrendado polo pobo catalán).

O CAPITAL FINANCEIRO E OS SEUS MORDOMOS POLÍTICOS

Pois ben, toda esa resistencia pétrea ante as nacións sen Estado virou aceitación entusiasta cando o impulso reformador (contrarreformador por mellor dicer) veu do eixo Berlín-París. Aí, mais unha vez, os imperialistas fracasados mostraron a súa face real e comportáronse como acostumaron facer ao longo da historia: fortes cos febles (as nacións sen Estado), febles cos fortes (coas potencias imperiais da UE). A Constitución intocábel de 1978 só era intocábel para os pobos do Estado: o capital financeiro transnacional e os seus mordomos políticos poden facer con ela o que lles pete e sen gardar as formas.

Ante esta situación, o nacionalismo está obrigado a botar man de todas as súas enerxías para enfrentar unha batalla ideolóxica das que fan época. Enrrugarse significaría desaparecer. Eles sosteñen que Non Hai Alternativa. Nós sustentamos todo o contrario: e debemos ser quen de persuadir a cada vez máis xente de que si hai esperanza e de que non podemos nin debemos entregarnos. A batalla ou será ideolóxica ou non será. Eles están dispostos a aniquilar a disidencia: en termos prácticos, visan ilegalizar os proxectos políticos alternativos e anti-liberais (porque serían inconstitucionais!). Van contra a Democracia e contra a Soberanía dos pobos. Van contra nós. Visto en retrospectiva, acertou de cheo o BNG ao colocar na palabra de orde do Día da Patria Galega 2011 esas dúas palabras, Democracia e Soberanía. Desde a fin da Segunda Guerra Mundial, en Europa occidental probabelmente nunca estiveron tan ameazadas como agora

A defensa da Democracia (que os gobernos gobernen para o pobo e non para os mercados financeiros) e a defensa da Soberanía (a existencia da nación galega como suxeito político) son aquí e agora as causas que nos interpelan aos nacionalistas galegos. Claro que hai alternativa! Defender que non existe, defender que só hai unha política económica posíbel, como de facto fai a coaligación liberal PP-PSOE, é tanto como defender que este -o do dominio do capital sobre o pobo- é o mellor dos mundos posíbeis, é tanto como defender que non é posíbel ningunha perspectiva de emancipación nacional e social.